Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Cinco ourensáns preparan o seu doutoramento na UNED

2 de enero de 2023

Son todos aspirantes a converterse en doutores en Dereito, Socioloxía o Filoloxía dende a Escola Internacional de Doutoramento da UNED (EIDUNED).

OURENSE, 2 de xaneiro de 2023. Cinco ourensáns están a realizar o seu doutoramento na UNED. A promoción destes estudos que realiza a UNED ten aceptación en numerosos estudantes de toda España e outros países nos que a nosa universidade está presente. En Ourense tamén se promove o doutoramento como recentemente fíxose na Área Sanitaria para o persoal de Enfermería. Polo de agora son cinco as persoas que ou ben están a comezar ou ben xa levan moi avanzada a súa investigación que os converterá en doutores. Isto dáse na área do Dereito, da Socioloxía e da Filoloxía. Están matriculados na Escola Internacional de Doutoramento da UNED (EIDUNED). O seu esforzo é grande pois teñen que combinar os rigores de investigar coas súas obrigacións profesionais e/o familiares. Moito ánimo a todos eles!

Os escritores galegos de comezo do XX

Outra doutoranda ourensá na UNED é Patricia Arias Cachero. Diplomada en Maxisterio e licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, exerce como catedrática de ensino medio na especialidade de Lingua Galega e Literatura. Desde o ano 2000 imparte aulas en diferentes centros de ensino públicos en Galicia.

Entre 2007 e 2008 formou parte do consello de redacción de Longalingua. Revista Galega de Lingua e Sociedade, da Mesa pola Normalización Lingüística. Desde 2011 forma parte do consello de redacción de Andaina. Revista Galega de Pensamento Feminista. Ten colaborado en publicacións como GrialA Nosa Terra, MadrygalBarbantia ou a revista dixital Cómaros verdes, sempre con textos relacionados coa lingua e a cultura galega.

No 2017, gañou o Primeiro premio do Certame Literario-pedagóxico sobre a poesía de Lorenzo Varela, convocado polo Concello de Monterroso.

Na actualidade realiza a tese sobre a pegada do autobiográfico nos escritores galegos de comezos do século XX. O seu director é o doutor Xavier Trías Conde, na Facultade de Filoloxía da UNED.

A historia da Garda Civil en Ourense

José Luis Ferreiro Novoa naceu en Luxemburgo hai 54 anos, vive en Ourense, onde traballa como membro da Policía Xudicial da Garda Civil, Corpo no que ingresou hai 34 anos, ostentando o emprego de Sarxento 1º. Está especializado na investigación de homicidios, detencións ilegais e desaparecidos, trata de seres humanos e delincuencia relacionada co ámbito muller-menor. Estudou na UNED as licenciaturas en Dereito e en Ciencias Políticas, así como os graos en CC Xurídicas das Administracións Públicas e en Criminoloxía.

Realizou un mestrado na UCAM en Arbitraxe Internacional e outro na UCAV en Estudos Criminolóxicos Aplicados á Investigación. Especialista en Prevención de Riscos Laborais (RRLL), Nivel Superior (Seguridade no Traballo), por SGS Tecnos S.A.; tamén ten o título oficial de Xestor Administrativo, expedido pola Subsecretaría do Ministerio de Administracións Públicas. Habilitado pola Dirección Xeral da Policía (DGP) como Director de Seguridade Privada e acreditado como Profesor de Seguridade Privada. 

Acreditado pola Dirección Xeral da Garda Civil (DGGC) para impartir ensinos profesionais para Gardas Rurais e as súas especialidades. Tamén realizou na UNED os cursos de Experto Universitario en Delincuencia Xuvenil e Dereito Penal de Menores e de Experto Universitario en Criminoloxía. Dende o curso 2017-2018 é profesor titor (con venia docendi) en UNED Ourense de varias materias do Grao de Criminoloxía.

"Como pode observarse, o meu vencellamento coa UNED vén de lonxe. Esta universidade permitiume acceder e realizar estudos superiores de calidade. Continuando con ese interese por completar a miña formación, decidín realizar o Doutoramento nesta Universidade e sobre unha gran institución da que teño a honra  de formar parte, a Garda Civil, e centrada nunha provincia, Ourense, que considero pode, polas súas singularidades, ser un marco inspirador", sinala. Por iso, Ferreiro Novoa está matriculado no programa de Doutoramento en Dereito e CC Sociais da UNED, onde realiza unha investigación sobre a implantación e despregamento da Garda Civil na provincia de Ourense.

 "A idea de traballar sobre a implantación e desenvolvemento da Garda Civil na provincia de Ourense nace do intento de darlle un tratamento diferenciado (provincial) a esta Institución nada no século XIX e de carácter estatal. Este enfoque ourensán da Garda Civil obriga a mergullar na historia desta provincia, nos seus acontecementos e singularidades e en como a Garda Civil vai formando parte deles dende a súa chegada", engade o doutorando.

"Aínda que a Garda Civil é en esencia un corpo estatal con valores e procedementos comúns a todo o territorio nacional, tamén é certo que as singularidades territoriais imprímenlle á Institución e aos seus homes un carácter diferenciado", indica Ferreiro. "O obxectivo é, pois, traballar sobre como se implanta e desprega a Garda Civil en Ourense e o seu posterior desenvolvemento. Para iso será preciso facer unha breve mención ao marco histórico fundacional, inicio do reinado de Isabel II (1843-1868), tratar a creación da Garda Civil e investigar os orixes/asentamento da mesma na provincia de Ourense así como os seus primeiros éxitos. Non é menos importante estudar as outras forzas de orde pública que preceden ou cohabitan coa Garda Civil (Real Corpo de Carabineiros, etc). O meu desexo é que o tratamento do despregamento orgánico da GC en Ourense vaia adornado con episodios e acontecementos nos que participou ou vividos e sufridos por eses primeiros compoñentes e que xurdirán no proceso de investigación". A investigación de José Luis Ferreiro Novoa está dirixida pola doutora Dna Remedios Morán Martín, catedrática de Historia do Dereito, e a doutora Dna Elena García-Cuevas Roque, do Departamento de Servizos Sociais e Fundamentos Histórico-Xurídicos, na Facultade de Dereito da UNED.

Posibles responsabilidades das tabaqueiras e do Estado por danos na saúde da xente

Outro doutorando UNED é José Manuel Fernández Rodríguez, natural do Carballiño, aínda que por motivos de traballo pasou a maior parte do tempo no Barco de Valdeorras, e a tempadas outros sitios. "Recordo estudar o que antes era a EGB no centro público da Uceira, con máis penas que alegrías, pois ás miñas poucas ganas de estudar, uníanse o mal xenio e man longa dalgún que outro profesor dos que teño desagradables recordos. Ao terminar ese ciclo académico estudei cinco anos de FP na rama de Automoción. Tampouco nesta época deume moito por estudar, iso si, aprobaba, e con boas notas, o que os outros suspendían, pero é que aquilo das forzas, os átomos, as reaccións químicas, etc. resultábame apaixonante e aínda hoxe". 

Fernández Rodríguez preparou e aprobou oposicións. "En relación cos estudos que veño realizando na UNED, tamén tiveron un curioso comezo: un día díxome un compañeiro de traballo que ía realizar o curso de acceso para maiores de 25 anos e ao final acabei facéndoo eu e el non. Despois fixen a licenciatura de Dereito, un mestrado en Malos Tratos e Violencia de Xénero, teño o DEA en Dereito Penal, e como me pillou o plan novo e por non andar a présas, empecei de novo o doutoramento en Dereito Civil, e coa tese ando a voltas. Actualmente son avogado en exercicio", sinala. A súa tese de doutoramento versa sobre as posibles responsabilidades das tabaqueiras, e mesmo do Estado, polos danos sufridos na súa saúde polos fumadores, con especial referencia aos casos que chegaron aos tribunais españois. Dende un punto de vista doctrinal, analizo se o noso dereito ten ferramentas aptas para facer xurdir dita responsabilidade, o porqué do fracaso das accións que se estableceron, tanto particulares como colectivas, e iso en relación con outros casos que se interpuxeron #ante tribunais estranxeiros que tiveron diferente sorte".

A institución matrimonial romana

Alejo M. Diz Franco, é natural da Guarda (Pontevedra). Estudou Teoloxía na Universidade Pontificia Gregoriana e na Universidade Pontificia de Salamanca; máis tarde realizou estudos de Dereito na Uvigo e na UNED, pasando posteriormente a realizar un mestrado en Filoloxía Clásica na UNED. "Actualmente, estou á espera de poder defender a miña tese de doutoramento en Dereito, codirixida polos profesores Federico Fernández de Buján e Guillermo Suárez Blázquez. O meu ámbito de estudo é o Dereito Romano, sendo o obxecto de investigación da miña tese a institución matrimonial. Sobre iso tiven a sorte de poder publicar diferentes estudos, tanto como resultado de relatorios en congresos así como estudos derivados dos coñecementos adquiridos nas múltiples lecturas de fontes necesarias para a elaboración da tese de doutoramento".

Diz Franco leva 15 anos traballando como profesor de Secundaria e Bacharelato en institutos públicos e, durante tres anos, no Seminario Menor de Ourense. Actualmente, ademais de ser docente do IES Otero Pedrayo de Ourense, é o delegado de Educación, Cultura e Universidade da diocese de Ourense, así como director do Centro de Ciencias Relixiosas S. Martín, no que se imparten os estudos para a consecución dos títulos de Grao e Mestrado en Ciencias Relixiosas, patrocinados pola Universidade Pontificia de Salamanca.

A formación identitaria dos brasileiros afincados en España

Wesley Sá Teles Guerra, ten 37 anos, naceu en Brasil, pero foi criado en España (Madrid, Coruña e Barcelona). Estudou FP en Comercio en Barcelona e posteriormente cursou o grao en Administración de Empresas e Comercio Exterior na Universidade Católica de Brasília. Tamén fixo un posgrao en Ciencias Políticas e Relacións Internacionais na Fundación Escola de Política de São Paulo, dúas MBAs un en Marketing Internacional no Massachusetts Institute of Business e outro en Sociedades Internacionais na Humboldt International University. Despois cursou un mestrado en Políticas Sociais e intervención Socio comunitaria con especialización en Migracións na Universidade de Coruña e un mestrado en Xestión e planificación de Cidades Intelixentes na Universitat Carlemany (Andorra).

Hoxe está a facer o doutoramento en Socioloxía e Cambios da Sociedade Contemporánea na UNED. Este cidadán residente en Ourense é un dos que apostou por alcanzar o grao académico máis alto na UNED. A súa tese, que xa está nun nivel avanzado, titúlase Hibridación Cultural da comunidade nova brasileira en Galicia. Wesley Sá está na UNED porque para doutorarse buscou "unha institución académica recoñecida internacionalmente e de calidade, pero que ao mesmo tempo fose capaz de ofrecer flexibilidade e facilidades á hora de concluír o curso. O custo da vida nas grandes cidades de España, onde se concentran as principais institucións, moitas veces é unha barreira para continuar os estudos, dividirse entre traballo e estudos, así como as distancias, en cidades como Madrid ou Barcelona para a miña non era nada viable, así mesmo o tema da miña tese só ten sentido se vivo na rexión de Galicia".

O principal obxectivo da súa investigación científica é estudar o proceso de formación identitaria e participación social e integración dos mozos de orixe brasileira que viñeron a España aínda sendo nenos "ou que mesmo nacesen en Galicia, e que ao longo do seu desenvolvemento foron dobremente influenciados, sexa polo ambiente familiar ou polo social, ademais da propia percepción da sociedade fronte a eles Son inmigrantes como os seus pais? Galegos ou brasileiros? Son unha mestura de ambas as realidades?", sinala este doutorando, que conta con apoio da doutora María Mercedes Montero Bartolomé da Facultade de Socioloxía da UNED, e tamén co apoio do doutor José M. Arribas coordinador do doutoramento. 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es