Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED presentará a súa oferta tecnolóxica e de servizos aos empresarios de Ourense nunha reunión na CEO o 4 de marzo

3 de marzo de 2020

O director da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), Sixto Jansa, comentará as vantaxes da colaboración da Universidade Nacional de Educación a Distancia co mundo empresarial e poderanse concertar entrevistas particulares para a xornada do día 5, xoves

OURENSE, 3 de marzo de 2020.- A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) protagonizarán unha sesión titulada: Oferta tecnolóxica e de servizos para empresas, da UNED en Ourense. Vantaxes da colaboración ciencia e empresa, que se celebrará o día 4 de marzo, mércores, ás 19.00 horas, no salón de actos da  CEO. A asistencia é gratuíta previa inscrición na páxina web da CEO, (www.ceo.es) ou ben no seguinte enderezo de correo electrónico: secretariogeneral@ceo.es

O programa para desenvolver será o seguinte: Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da  CEO, dará a benvida oficial a todos os presentes. Tras ela, o director do  Centro Asociado á UNED en Ourense, Jesús Manuel García Díaz, fará a presentación da xornada así como do relator, que será Sixto  Jansa  Anadón, director da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da UNED.  Jansa mostrará a oferta tecnolóxica e as modalidades de colaboración co propósito de informar e establecer contacto directo coas empresas e entidades presentes para reforzar as súas fortalezas e capacidades en determinadas situacións. Por elo, disertará sobre o sentido da colaboración universidade empresa, tamén se referirá á oferta tecnolóxica e de servizos da UNED, que é ampla, propia dunha universidade pública como esta, a máis grande de España en matrícula de alumnos.

O director de  OTRI UNED falará así mesmo do desenvolvemento de novos produtos e liñas de actividade, da asistencia en innovación de procesos e adquisición de tecnoloxía, da dixitalización, Robótica e Intelixencia Artificial, para referirse logo á innovación e transformación do modelo de negocio, á participación en convocatorias de axuda á I+D+i sen esquecer outros aspectos como a auditoría tecnolóxica e determinación de oportunidades, a analítica de datos para a segmentación de clientes e determinación de prezos, terminando cun apartado de desenvolvemento de contidos e capacidades para o Turismo Rural.  A todo este conxunto de accións pode dar resposta a UNED.

Tras a intervención de Sixto  Jansa abrirase un tempo para un coloquio e recolleranse reservas de entrevistas particulares coas empresas interesadas en saber máis da oferta  da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Estas entrevistas celebraranse durante toda a xornada do xoves, día 5 de marzo, na sede da  CEO.

Esta xornada, aberta a todos os empresarios da provincia de Ourense, foi ideada na Dirección do Centro Asociado á UNED de modo que o pasado mes de outubro, o seu director en Ourense, Jesús Manuel García Díaz, e a vicerreitora de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica, María Rosa Martín Aranda, mantiveron un encontro na sede da  CEO coa súa presidenta e secretario, para organizar este achegamento da UNED aos empresarios ourensáns. García Díaz mostrou desde o primeiro momento un grande interese en levar a Universidade tamén ao mundo empresarial de Ourense e provincia, polo que esta pódelle achegar e as sinerxias que se poden crear. Desde a  CEO recibiuse con gozo esta proposta que agora ve a luz e que será unha das que se irán desenvolvendo ao longo do presente ano.        

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es