Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Eduardo Carnero, alumno invidente de Dereito: "O nivel da UNED é sen dúbida moi superior ao da Universidade presencial” 

3 de julio de 2019

OURENSE, 3 de xullo de 2019.- A UNED ten un compromiso co acceso das persoas con discapacidade aos estudos de educación superior. Por iso, grazas ao labor de  Unidis, os estudantes con discapacidade desta Universidade reciben todo un catálogo de servizos específicos que facilitan o progreso da súa aprendizaxe e o desenvolvemento da vida universitaria.

É o caso de Eduardo Carnero, de 61 anos, natural do municipio ourensán de Cualedro, que sendo mozo universitario comezou a perder a vista. Aquel raparigo que acababa o bacharelato, quixo empezar Económicas que pronto cambiou por Dereito en Santiago de Compostela. Sendo alumno alí foi perdendo vista debido a unha enfermidade dexenerativa,  retinosis  pigmentaria. Por iso deixou de estudar cando tiña 21 anos, ata que hai poucos anos retomou esta faceta. Carnero, que está matriculado en Dereito no Centro Asociado á UNED en Ourense, non ten tempo para aburrirse, pois goza do pobo, dos amigos, le, vai a clases de gaita e de cando en vez auséntase do seu pobo para descansar.

Como foi a súa vida ao abandonar Santiago?

A partir de aí empecei a traballar nunha gasolineira durante uns oito anos.

Aínda vía entón?

Os números dos chafarices aínda os vía pero fun perdendo vista ata que tiven que deixar o traballo e converterme en pensionista. Teño  retinosis  pigmentaria dexenerativa. E tamén fun concelleiro en Cualedro durante dúas lexislaturas, neste caso entre os anos 2011-2019.

Que fixo cando se converteu en pensionista?

Afilieime á Once en 1999 e desde aí  empezé a estudar  Braille. Non é moi difícil, son 6 puntos que tes que identificar co dedo, pero non teño a rapidez suficiente para estudar ou ler con esa linguaxe. Tamén fixen un curso de  quiromancia e en 2012 decidín matricularme no Centro Asociado á UNED en Ourense para tentar acabar a carreira que iniciara en Compostela.

Que cursos realizara en Santiago?

Alí aprobei todo o primeiro curso e algunhas materias de segundo. Pero naqueles anos era un plan de estudos distribuído en cinco anos. Na UNED, polo novo plan, validáronme materias.

Por que escolleu esta carreira podendo elixir outra?

Exclusivamente para acabar a iniciada en Santiago.

Que lle motivou?

Pois… que teño un irmán maior que estudou Dereito, é avogado. Primeiro matriculeime en Económicas porque me gustaban máis as matemáticas que as letras, aínda que non tiña base por facer o bacharelato por letras. E aí cambieime a Dereito.

Dígame que espera destes estudos.

Estou a estudar Dereito como simple  hobby, non teño pensado exercer nin nada polo estilo. A miña aspiración é  graduarme, non prevexo facer o máster aínda que se o fixese na UNED non tería problemas, pero se fose nunha universidade presencial non podería porque tería que instalarme en Ourense.

Por que optou pola UNED?

Porque para min era máis cómoda ao tratarse dunha universidade a distancia e non esixir a asistencia a clases. E a verdade é que pensei que non era tan difícil.

Ah, si?

O nivel da UNED é sen dúbida moi superior ao da Universidade presencial.

Como se estuda unha carreira cun temario tan extenso, carecendo do sentido da vista?

 Esa é unha das maiores dificultades porque envío libros impresos á Once e alí pásanmos a audio, pero igual tarda un mes ou mes e medio en pasarme o libro. Ás veces, cando me mandan o libro en audio, estou a piques de examinarme do primeiro cuadrimestre. A base de escoitalo moitas veces subliño mentalmente. O importante intento memorizalo.

Quen lle axuda?

En casa teño unha persoa de axuda domiciliaria e vivo co meu pai,  nonagenario. El aínda é quen me coida a min, goza de boa saúde.

Canto tempo dedica ao estudo?

Unhas seis horas diarias. Pero matricúlome de materias soltas, non de todo un curso, para facer unha media de tres exames por cuadrimestre. Este ano matriculeime en Dereito do Traballo, Dereito Penal II anual e Dereito Mercantil, que é cuadrimestral.

Como é unha xornada de titorías para vostede?

Procuro que me coincidan as titorías nun día para vir desde Cualedro as menos veces posibles. Este curso viña os xoves e venres e tiven a sorte de que unha compañeira que tamén estuda na UNED e que vive en Xinzo traíame ata aquí. Outras veces tráeme algún veciño e se non teño quen me traia, non veño. Unha vez aquí, estou só ou con outros compañeiros e o profesor na titoría. Os profesores titores pórtanse comigo de marabilla.

Cal é a materia máis difícil do curso que leva?

 Para min son todas. Pola esixencia da UNED e a amplitude do temario. Mercantil paréceme a máis complicada, xa me presentei tres veces ao exame desta materia.

Esta universidade cobre as súas expectativas?

Totalmente, si.

Como cualificaría o apoio que recibe na UNED?

Como moi bo. Cando veño a exames, estou eu só cun titor. Se son tipo test podo acudir cun acompañante, que mo xestiona  Unidis. E os exames tipo desenvolvo fágoos nun computador cun programa específico,  Jawz. Escribo nun teclado normal, poño os meus dedos nas teclas co punto saínte e así me guío. Este sistema permite que me lea en voz alta o que escribo. O computador empecei a manexalo cando entrei na UNED. Antes estiven a practicar e aprendendo na Once.

Que lle din os seus amigos, os seus veciños #ante esta iniciativa de  graduarse en Dereito?

Pregúntanme por que se me ocorreu estudar Dereito se xa gozo da miña pensión para vivir. Eu dígolles que o fago por pracer, pero que nos exames pásoas negras. Ás veces consulto algunha dúbida co meu irmán avogado, que vive lonxe.

Cando se  gradúe, que proxectos roldan na súa cabeza?

Cando iso suceda, descansarei; se cadra dáme por facer  Criminología ou Ciencias Xurídicas e da Administración. Pero de momento, non teño nada pensado.

Un estudante tan decidido como vostede, que afeccións ten?

Pois ler libros de audio que fornece a Once, descárgoos da gran biblioteca sonora que ten e escóitoos. Tamén me gusta a música, e estou a aprender a tocar a gaita galega. En Cualedro temos un grupo de xente que estamos a aprender. Gustábame viaxar pero agora non o gozo como antes. Aínda así adoito saír catro ou cinco veces ao ano de Cualedro para coller un pouco de osíxeno.

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es