Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Augusto deu á muller unha protección xurídica sen precedentes"

9 de febrero de 2024

O doutor Alejo Manuel Diz vén de publicar unha monografía na que estuda a evolución do divorcio desde a Antigua Roma ata o Concilio de Trento, cando o matrimonio comezou a ser considerado un sacramento indisoluble.

OURENSE, 9 de febreiro de 2024. Vive en Ourense e doutorouse en Dereito na UNED o verán pasado e xa ten novo libro que recolle esa investigación que recibiu o sobresaliente cum laude. Alejo Diz Franco preséntanos a obra Do divorcio romano á sacramentalidade tridentina, que llo publica Colex. O doutor Diz Franco lémbranos que a base do matrimonio actual está "no Dereito romano o cal, xunto á filosofía grega e o cristianismo, constitúe a base da actual cultura europea". Engade que o labor lexislativo do emperador romano Augusto en relación co matrimonio, “é unha extraordinaria tarefa que dá forma xurídica a unha situación fáctica que forma parte da intimidade familiar”. Augusto defende a estabilidade do matrimonio, castigando todo aquilo que a perturbe, sobre todo o adulterio. Á muller, sinala o doutor Diz Franco, "dálle unha protección xurídica sen precedentes, pois desposúe ao paterfamilias das potestades xenuínas que ostentaba sobre a muller. Coas leis xulias o gran avance era que a muller xa non estaba sometida á vontade total do marido. A muller podería defenderse en xuízo e os delitos domésticos ou familiares pasaban a ser crimina, é dicir, delitos públicos". 

Outro emperador, Xustiniano, foi o gran lexislador do divorcio pero motivado “pola protección da muller cara a eventual vontade do esposo de acabar coa relación matrimonial. Xustiniano consideraba que "o matrimonio debía celebrarse de forma pública para evitar bigamia, non obstante o emperador vía legais os matrimonios clandestinos, se os cónxuxes tiñan fillos, cando o pai renegaba dela ou quería casar con outra muller".

Con Xustiniano caen as barreiras que impedían o casamento entre membros de diferente clase social e establece as causas nas que a muller pode pedir o divorcio, “sendo a maioría delas as que afectan á súa dignidade. A muller podía solicitar o divorcio se o seu marido tentase matala ou evitase defendela se alguén a estaba atacando, ou se o marido cometeu adulterio ou que a acusara indebidamente de adulterio, mesmo, se o esposo leva a casa outras mulleres para ter relacións con elas", sinala Alejo Diz quen, ademáis, estuda o matrimonio segundo o Dereito israelita, contido no Pentateuco con infinidade de normas sen organización. A lexislación achega do matrimonio en Israel era, “polos testemuños que achega o Antigo Testamento, cambiante ao longo dos séculos e moi laxa na súa aplicación”. Aquel matrimonio era familiar, decidíano non os noivos senón que era “o pai de familia o encargado de dar ás súas fillas, moitas veces a cambio de traballo, terras ou diñeiro”. Polo xeral era un matrimonio monógamo aínda que a poliginia non supoñía un problema especial, á vista dos testemuños bíblicos", indica Diz. 

No antigo Israel o matrimonio era endogámico e o divorcio soamente podía pedilo o home. Non se requirían causas polas que este puidese solicitar o divorcio. Si se esixía ao esposo asinar unha carta de repudio cando desexaba cortar a relación coa súa esposa.

Xesús de Nazaret predicaba que se un home repudia á súa esposa e casa con outra comete adulterio. Diz sinala que esta afirmación contundente “responde, moi probablemente, á situación de desprotección na que quedaba a muller repudiada, abocada á prostitución ou á mendicidade”. Tempo despois San Pablo consideraba ao matrimonio como mal menor para evitar a fornicación, debido a que  estaba convencido de que a Parusía achegábase, polo que presentaba a virxindade como estado perfecto de vida. Dada a proximidade do fin do mundo, Pablo nega a posibilidade de divorcio ou polo menos anima a non divorciarse. Salienta o autor desta investigación que en Pablo de Tarso é importante a igualdade que el defende dos cónxuxes. 

Co cristianismo xurdiu unha reflexión sobre o matrimonio e unha visión negativa da sexualidade por influencia paulina desa proximidade da Parusía. "A visión dos Pais de la Igrexa en relación co matrimonio é negativa. Había quen sostiña que tampouco é malo en por si, ao ser querido por Deus, pero aínda así non o vían como o estado de vida perfecto. Aqueles Pais rexeitaban contraer de novo matrimonio tras unha separación de cónxuxes. Non se opoñían ao divorcio senón a que un separado volvese casar. En caso de adulterio, os Pais de la Igrexa diferenciaban entre a parte culpable e a parte inocente. En Roma, nen cos emperadores cristiáns chegouse a ilegalizar o divorcio de común acordo". 

Coa chegada dos visigodos aparece o divorcio sen problema algún pero iranse esixindo máis garantías de liberdade dos cónxuxes para contraer matrimonio. Na Idade Media, o matrimonio adquirirá a condición de sacramento pois indica Diz Franco que foi a Igrexa a que se fixo co monopolio lexislativo sobre o matrimonio e lexislará mediante os canons froito dos concilios locais e ecuménicos. Coa aparición en escena das universidades xurdirán dúas escolas, a dos teólogos, que se centran no consentimento como esencia do matrimonio, e a dos canonistas, que destacan que a base do matrimonio radica na cópula. Buscarán que o matrimonio se converta en sacramento e sexa indisoluble. 

Finalmente, en tempos da Contrarreforma, a Igrexa deu inicio ao Concilio de Trento que abordaría, entre outros, o tema matrimonial. Defendíase que o matrimonio era un dos sete sacramentos da Nova Alianza de Cristo, os pais conciliares declararon indisoluble o vínculo matrimonial e prohibindo os matrimonios clandestinos. Aos contraentes esixiránselles amoestacións públicas previas ao rito, que tamén sería público, explícanos no seu novo libro o doutor Diz Franco. 

Quen é Alejo Diz Franco? 

Alejo Manuel Diz Franco naceu hai 41 anos na Guarda. Estudou Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca e na Universidade Gregoriana de Roma. Empezou os estudos de Dereito na Uvigo e proseguiunos na UNED, universidade na que tamén estudou un mestrado en Filoloxía Clásica. Inscribiuse no programa de Dereito e Ciencias sociais da Escola Internacional de Doutoramento da UNED (EIDUNED), onde se doutorou o pasado verán, con sobresaínte cum laude e mención a premio extraordinario. É profesor de instituto desde hai 15 anos, traballou tamén como formador durante tres anos no Seminario Menor de Ourense e, actualmente, compaxina a súa docencia no Instituto coa dirección do Centro de Ciencias Relixiosas San Martiño, onde se ofertan o Baccalauraetus e Licenciatus (Grao e Mestrado) en Ciencias Relixiosas. Tamén ostenta o cargo de Delegado episcopal de Educación, Cultura e Universidade da Diocese de Ourense, así como a representación de Galicia na Comisión Episcopal de Cultura e Universidade na Conferencia Episcopal Española.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es