OURENSE, 11 de marzo de 2022. A UNED e a Uvigo están celebrando en liña as Xornadas de Historia que este ano están dedicadas a revisar a Falanxe. Cerca de duscentas persoas inscritas seguen as sesións, o que mostra o interese que despertan. O decano da Facultade de Historia, Julio Prada Rodríguez, dixo que “un sinal de identidade da nosa Facultade é a de tentar colaborar coas diferentes Áreas na organización destas actividades que teñen en común adoptar a fórmula de seminarios ou xornadas de especialización temática para achegarvos a distintos aspectos que o apertado dos programas case nunca permite desenvolver”. O decano engadiu que “no caso do noso grupo de Investigación, tamén temos como particular marca distintiva ofrecervos a posibilidade de dar a coñecer as achegas de especialistas de diferentes ámbitos temáticos que coinciden coas nosas propias liñas de investigación. A pandemia axudounos a entender que un dos xeitos de chegar a moita máis xente e, por tanto, dar a coñecer o que se fai dende a nosa Facultade máis aló dos seus muros é a posibilidade de emitir en liña os diferentes relatorios que integran as xornadas. Neste punto é onde debo resaltar o meu agradecemento ao Centro Asociado da UNED en Ourense pola colaboración prestada na súa organización, que tamén se remonta a máis de quince anos e que para min constitúe un excelente exemplo das sinerxias que se poden conseguir cando somos quen de traballar conxuntamente con outras institucións nunha mesma dirección tendo como faro que nos guía o de proporcionar a mellor formación posible ao noso alumnado”.
O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, subliñou que “a colaboración entre esta Facultade de Historia e o Centro Universitario da UNED en Ourense está máis que contrastada e asentada como se ve en tantas edicións que xa van destas xornadas. É una colaboración que se seguirá mantendo a plena satisfacción. Nesta convocatoria imos coñecer aspectos da nosa historia contemporánea, nesta ocasión, dando un percorrido pola Falange. Varios historiadores nos van ilustrar acerca desta organización política coa única paixón de coñecer mellor a nosa historia, sen apaixonamentos de ninguna outra clase”. Engadiu García Díaz que facer Historia “e só iso, cos discursos que vostedes van escoitar de cada ponente, baseados sempre no rigor científico, nos documentos que agochan nos arquivos a vida ou parte da vida da Falange”.
O director de UNED Ourense fixo fincapé en que neste tempo de postverdade, reina a popularización do principio fundamental do postmoderno, segundo o cal non existen os feitos, só as interpretacións.
Vaiamos sempre na procura da verdade, dos feitos , do dato, a pesares de ter que facelo ás veces contra vento e marea. Digo isto pola manipulación da historia que se fai dende certos sectores incluso de poder: o tema de Al Andalus cos yijadistas; o process de Cataluña, o Brexit e así poderíamos seguir, para maior bochorno da nosa sociedade, froito da voraz desinformación á que estamos sometidos”.
“Timothy Snaider, no seu libro Sobre la Tirania, aconsella: ‘Fai un esforzo por distanciarte de Internet. Lee libros’. Ou: ‘Renunciar aos feitos é renunciar á liberdade. Se nada é verdade, ninguén pode criticar ao poder, porque non hai ninguna base sobre a que facelo. Se nada é verdade, todo é espectáculo. A billeteira máis grande paga as luces máis deslumbrantes’. Pero nós non estamos aquí para facer espectáculo senón historia, para coñecela e animarnos a seguir nesta teima, investigando, e preparándonos para ser bos historiadores ao acabar o grao. Sapere aude (atrévete a saber). Que estas xornadas sexan do voso agrado, e que vos divirtades con elas”.
Unha fonte de disenso
A primeira relatora foi Mercedes Peñalba-Sotorrío. O seu relatorio, FET das JONS como fonte de disenso no franquismo. Unha reevaluación das dinámicas arredor de Falanxe á luz do concepto Resistanz, serviu para que esta docente explicase que na Guerra Civil Falanxe tivo a oportunidade de crecer como nunca, que serviu de conexión entre o pobo e o Estado pero aínda que os secretarios xerais do partido viron que dependían da súa fidelidade a Franco, Falanxe chocou co exército e coa Igrexa.
A Igrexa
A Igrexa, ao considerar a guerra como unha cruzada, “selou a alianza con Franco, pero non coa Falanxe. “O clero aceptou inicialmente ao franquismo. Parte da resistencia da Igrexa a Falanxe débese a protexer a súa estrutura tradicional. Podíase ser falanxista e católico. Falanxe tiña o desexo de manter a división entre Iglesia e Estado. A sospeita da catolicidade da Falanxe era motivo de rexeitamento a integrarse no proxecto fascista. A Igrexa buscaba preservar a independencia do seu fronte ás pretensións do falanxismo. O cardeal Gomá advertía contra a influenza nazi, incompatible co respecto que a Santa Sé profesou sempre á nosa creación”. En 1944 o cardeal Segura prohibiu o saúdo á romana en Semana Santa e impediu misas na honra de José Antonio Primo de Rivera. Segura estaba en contra de poñer lápidas a Primo de Rivera. Gomá queixábase de dar honra a José Antonio, unha honra, dicía, que os reis non tiveron. Houbo unha forte resistencia cultural ao falanxismo. Houbo un sacerdote Yzurdiaga, colaborador con publicacións falanxistas sen pedir permiso á xerarquía. Advertíase neste sacerdote un crecente nacionalsocialismo. Por desobediencia ao bispo, este retiroulle a licenza para escribir. O cardeal Segura prohibiu a unha falanxista desempeñar un cargo en Acción Católica. A Acción Católica competía no social con Falanxe mentres en Italia pecháronlle locais e en Alemaña estaba controlada polo estado. A Igrexa buscaba preservar o seu control do ensino pero non puido evitar a creación do Frente de Juventudes. A Igrexa desconfiaba da Sección Feminina, etc. O cardeal Segura non puido frear un acto de apoio a Franco e houbo resistencia ao Frente de Juventudes oposta polas familias adictas ao réxime e escolas católicas. A Sección Feminina acabaría vendo como moitas das súas socias íanse a Acción Católica.
Carlismo
O carlismo tamén chocou con Falanxe. Consideraba á Falanxe como un sindicato desviación socialista. No carlismo producíronse actitudes disidentes a través da Organización Clandestina da Escola Tradicionalista. Sinalou a relatora que en Lleida un grupo de requetés pisou a bandeira do partido único. Houbo dúas liñas de fractura, unha, a defensa carlista da monarquía (Falanxe era antimonárquica) e outra, os Foros, irrenunciables para o carlismo, freando o centralismo exacerbado.
O fueralismo ocasionou espazos disidentes nos anos 40. A defensa dos foros era cultural e o franquismo debería respectalo.
Os carlistas defendían os seus símbolos propios para preservar a súa identidade, e as súas festas, non vendo ben o catecismo de Falanxe que sostiña a patria sobre Deus. O peche de círculos carlistas mostra o significado de ataque ao modo de ser do carlismo. A Falanxe informaba da persistencia das crises carlistas e obtivo como resposta, por exemplo, que en Navarra abrísese a Colonia Navarra. Noutros casos os círculos carlistas reabríronse da man de Falanxe. O rexeitamento ao falangismo era político, un medio de defensa. O carlismo considerou a súa posición nos anos 50 cando unha parte viviu en colaboración co réxime para repoñer unha monarquía tradicional e acabar co falanxismo.
Rexeitamento popular
Pero a Falanxe atopouse tamén cun rexeitamento popular. O partido único era unha vía para acceder a diversos postos de poder, para colocacións laborais, dispoñía de redes clientelares, efectuaba a vixilancia da poboación e era obxecto de avais e dereitos. A Falanxe obtivo o odio popular e iso viuse en mulleres que rexeitaban poñerse os emblemas do Auxilio Social, non facían o saúdo falanxista ou non acudían ás reunións das irmandades de campo. O pobo eludía o pago de cotas sindicais, había un rexeitamento ao servizo social. Incluso algunhas mozas ingresaban no convento pero nunca tomaban os hábitos, outras compraban certificados falsos. Tamén se estenderon rumores e comentarios en contra de Falanxe aínda que di a relatora que sobre este aspecto fai falta un estudo máis completo para estudar a fondo esta oposición popular ao partido único. Por último, Peñalba-Sotorrio sinalou que houbo actitudes disidentes, que coa Igrexa e o carlismo as desvantaxes eran menores e houbo unha actitude carlista que axudou a deteriorar a imaxe de Falanxe onde o nacionalismo era máis forte.
Falanxe nas municipais de 1946
Carlos Dompa Lasus ofreceu o relatorio A Falanxe nas eleccións municipais de 1946, na que tratou sobre o proceso desde o que FET das JONS articulou a súa participación. “Ata hai pouco tempo críase que a historia de FET das JONS era un fracaso. En 1945, perdido o rango ministerial da Secretaría Xeral do Movemento, perdeuse o control da Vicesecretaría Xeral de Educación e produciuse a unificación dos cargos de gobernador civil e xefe provincial do Movemento. Agora temos unha visión distinta, unha realidade diferente pola que FET das JONS tivo máis peso e relevancia na política do tardofranquismo e a unificación de cargos beneficiou a Falanxe ata os anos 60”.
O relator citou unha base empírica baseada na Vicesecretaría Xeral de Ordenación Social e a Delegación Nacional de Provincias. Sobre a organización da intervención electoral, dixo o relator que a Lei de Bases de Réxime Local de 1945 fala de eleccións trienais por terzos de representación para renovar concelleiros. “Nos informes dos gobernadores civís aprézanse dúas sensacións: expectación e medo ás consecuencias das eleccións. Falanxe non foi allea ao ambiente de medo, un medo que non era só ás consecuencias sobre o réxime en xeral senón sobre o poder de FET das JONS dentro do mesmo”.
En outubro de 1945 reuniuse a Secretaría Xeral do Movemento para organizar mecanismos de intervención e alí tomáronse catro decisións: evitar a politización das eleccións, lograr maioría de concelleiras afectos ao Movemento e, por último, o organismo encargado de executar o mecanismo era a Organización Sindical a través de tres fases:
“Un paso crave era conseguir representación nas xuntas provinciais e municipais do censo, redactar os censos, reclamar sobre candidaturas e proclamar candidatos”, dixo o relator. O Decreto do 29 de setembro de 1945 sinala que os presidentes das delegacións da Organización Sindical deberían ocupar 10 postos en cada xunta provincial do censo, e isto non sucedía nas xuntas municipais do censo, o que dificultaba o seu control.
Unha Orde do 13 de outubro de 1945, da Vicesecretaría Xeral de Ordenación Sindical referíase ao procedemento para escoller aos integrantes do partido que serían propostos para ocupar os cargos das xuntas provinciais do censo. Marcaba igualmente os pasos para lograr que fosen nomeados.
O relator menciona o nivel de esixencia extremo do partido, pois Falanxe prantexou aprazar as eleccións dado que se lle excluíu dalgunhas xuntas. No que a depuración de censos electorais refírese, explicou Dompa que hai escasa documentación e que a Circular 175 de outubro de 1945 exclúe aos xefes provinciais do Movemento (decreto do 29 de setembro de 1945) e a afiliados. Incluía tamén aos devanditos xefes e afiliados e orixinaba unha difícil valoración de excluídos, incluídos e queixas. Sobre o control de candidatos e as diferenzas entre o partido e a organización sindical indicou que o Plan da Organización Sindical para controlar candidatos nunca se puxo en marcha polo rexeitamento da Secretaría Xeral do Movemento. “Por que debería intervir a Organización Sindical na formación das candidaturas? Pola presenza de antifalanxistas nas xuntas do censo. O inimigos eran de dous tipos entre cabezas de familia: leais que deixaron de selo e 'rojos declarados'. As clases traballadoras estaban excluídas das xuntas do censo e a intervención directa de Falanxe era un inconvinte”, manifestou Dompa, engadindo que a Organización Sindical "debía actuar para conseguir que as eleccións tivesen calor popular sen ser aproveitadas polos ‘inimigos do réxime’, polo que era necesaria a autorización e acordo. A Organización Sindical actuou como bandeira das xentes humildes”.
Os grupos que debían estar representados nas candidaturas da Organización Sindical eran: empresarios, xerarquías sindicais, obreiros de prestixio, falanxistas e de esquerdas. O vicesecretario xeral do Movemento opúxose ao plan pois consideraba un erro que Falanxe non presentase candidaturas propias e sostiña que incluír nas candidaturas a extremistas era perigoso. “O conflito entre a Secretaría Xeral do Movemento e a Organización Sindical non foi a máis porque as eleccións non se celebraron debido a causas internas e externas”. A modo de conclusión, o relator destacou que a mediados de 1945 FET das JONS non atravesaba o seu mellor momento, “o partido non permaneceu pasivo e en 1945 nin estaba acabado nin carecería de pulso e proxecto”.
Mulleres e fascismo
Sofía Rodríguez López falou das mulleres do fascismo español entre 1933 e 1939. Nese período xurdiu a Sección Feminina (1934) que se estabilizou a partir de 1939. A relatora citou precedentes internacionais de feminidade combativa e contrarrevolucionaria como a Garda Branca (1918) en Finlandia, para apoiar ao emperador alemán (enfermeiras, coidadoras, combatentes); o Lotta Suärd (1918-1945) corpo auxiliar feminino que non usaba armas. Tiña un grupo paramilitar. Outro exemplo son as cristeras mexicanas (1926-1929) que non dan imaxe de modernidade como as outras, e opoñíanse á secularización imposta polo presidente Cárdenas. Eran mulleres católicas. Houbo mulleres que colaboraron co fascismo, unhas fixérono coa Gestapo, outras, en diversos aspectos da vida, os amores, os combates; houbo reporteiras, telefonistas, tranviarias, na Segunda Guerra Mundial…
Dionisio Ridruejo fundou a Sección Feminina. En febreiro de 1938 nace a Y: Revista da muller nacionalsindicalista na que escribía o círculo de Dionisio: Edgar Neville, o Marqués de Lozoya, Antonio de Obregón, Luís Escobar ou Agustín de Foxá. En outubro de 1934 as falanxistas organizáronse á vez que se constituía en España o Comité de Mujeres contra a Guerra e o fascismo na órbita da Komintern. “En marzo de 1933 o diario El Fascio publica o primeiro artigo en España sobre a muller no fascismo, á que deparaba unha gran misión como educadoras e propagandistas”.
A doutora Rodríguez López engadiu que no Estatuto Municipal de 1924 o sufraxio estaba limitado, por iso “as eleccións do 19 de novembro de 1933 representaban un reto para todos os partidos políticos. Rosario Pereda foi a primeira muller en intervir en mitins e escribir en diarios animando ao voto”. José María Pemán dirixía a revista Ellas. Pero sobre a muller fascista, a relatora mostrou unha serie de monografías publicadas en Italia, Portugal e Alemaña, a máis diso teses doutorais en España, estudando os casos de Huesca, Almería e o mundo rural.
A profesora Rodríguez López mencionou diversas metodoloxías de investigación da muller fascista, que pode facerse desde a Historia do Tempo Presente, desde a historia local, tamén desde unha perspectiva sociopolítica, desde a historia das mulleres, a historia cultural, a historia comparada ou desde a experiencia histórica e análise do discurso. Para falar das orixes da Sección Feminina, a relatora sinalou que o 29 de outubro de 1939 houbo un acto de constitución de Falanxe no Teatro da Comedia en Madrid. Valoraban o novo, o xuvenil, que encandeaba aos universitarios de clase media. “José Antonio Primo de Rivera non quería mulleres, pero Pilar e Carmen, as súas irmás, a súa curmá Inés xunto con Dores, Luisa e María Aramburu desafiárono.
Preséntase o xuramento de Falanxe, atribuído a Sánchez Mazas e baseado nun espírito de servizo, xerarquía e ledicia”. “Falanxe representa o fascismo español” e así a relatora mostrou unha serie de libros que estudan o fascismo, numerosa bibliografía respecto diso entre os que se achan os libros de Joan María Thomas. A orixe do fascismo sitúase entre un mundo de escritores. Así, en 1929, na Gaceta Literaria Ernesto Giménez Caballero experimentou con fórmulas fascistas para España. En 1931 aparecen as publicacións: La Conquista do Estado, Libertad, Jons, El Fascio, Fe e propagandistas universitarios vendían periódicos.
En 1936-37 apareceron publicacións de cabeceira do fascismo en España: Vértice, Destino ou Jerarquía, revistas de gran formato e estética fascista en Cataluña”. Ao ano seguinte Serrano Suñer como ministro de Interior colocou aos seus fieis. Se isto sucedía en febreiro de 1938, o 22 de abril dese ano viu a luz a Lei de Prensa, inspirada na italiana para un control totalitario da información.
Xa en novembro de 1940 nacía Escorial, grupo universitario elitista de Laín Entralgo, Ridruejo, Luís Rosales ou Antonio Marichalar con Dora Maqueda, María Luisa Bonifaz e Marjorie Munden. A relatora foi en todo momento desvelando a situación da muller fascista europea para comparala coa española. Así, na Italia de 1929 as fascistas de Monza crearon a súa primeira sección feminina do partido, os fascistas romaneses aceptaron mulleres na Lexión e en Croacia dubidábase en incluílas. En Italia as organizacións fascistas estaban en rápida expansión. Tamén nos anos 20 en Alemaña empezáronse a organizar as mulleres no NSDAP mentres Gran Bretaña tivo os seus British Fasciti.
En 1934 produciuse a unión de Falanxe e o SEU cun movemento de mulleres que empezaban a facer propaganda por toda España. “Os motivos para a afiliación de mulleres débense a varios factores: militancia dos seus pais, de irmáns, colegas ou mesmo animadas por outras mulleres”, dixo Rodríguez López. Na creación do relato mítico da Sección Feminina, en xuño de 1934 prodúcese o Manifesto de José Antonio sobre o carácter e funcións da Sección Feminina, cuxa primeira sede foi na rúa Marqués de Riscal, en Madrid. En outubro dese ano celebrouse o primeiro congreso nacional de Falanxe no que se elixiu a estrutura da Sección Feminina con cen afiliadas. Dous meses despois viron a luz os primeiros estatutos da Sección Feminina.
En canto ao vencellamento das fascistas españolas coas europeas vemos que en Alemaña, Italia realizaban tarefas auxiliares e colaboraban cos parados e presos do partido. As de Croacia realizaban labores de propaganda e as de Romanía, cosían, bordaban almofadas, panos, marcadores de libros… En abril de 1935 José Antonio pronunciou un gran discurso no que dedicaba unha disertación ás mulleres: “O feminino e a Falanxe”. Tamén nese ano Pilar Primo de Rivera e Dora Maqueda empezaron un percorrido en coche de 5.000 quilómetros por España, unha xira propagandística.
No que á relación da Sección Feminina coas armas respecta, explicou a profesora Rodríguez López que en 1932 Dora Maqueda xa transportara paquetes e bombas de man para os preparativos da sanjurjada en agosto, en Sevilla. Ata a primavera de 1936 as mulleres fascistas recadaron diñeiro para armas e explosivos. Engadiu que a vinculación fascista coa violencia política compártese coas falanxistas alemás.
En xullo de 1936 Pilar Primo de Rivera emitiu a primeira consigna para recadar fondos e non ser unha carga para a falanxe. En novembro, morto José Antonio, a súa irmá Pilar convértese no núcleo dos legitimistas ou Grupo Primo.
I Congreso Nacional da SF
En xaneiro de 1937 tivo lugar o primeiro congreso nacional da SF en Salamanca e Valladolid. Aprobáronse novos estatutos estableceuse a primeira xerarquía política con cinco delegacións. Pilar conseguiu o Auxilio de Inverno, réplica do Winterhilfe nazi. En outubro de 1937 publicouse o decreto de implantación do Servizo Social por Auxilio Social.
II Congreso Nacional da SF
En xaneiro de 1938 tivo lugar o segundo congreso nacional da SF en Segovia e Ávila, no que se aprobou un novo regulamento e estrutura política cunha xerarquía de servizo de sete regidurías. E no verán de 1938, Pilar criticou a resistencia para colaborar por parte das margaridas responsables de hospitais, lavadoiros, comedores e aguinaldo aos soldados.
III Congreso Nacional da SF
No outono de 1939 a SF celebrou o seu terceiro congreso nacional establecendo catro seccións de Cultura e viaxes formativos a Alemaña. Neste contexto, a versión da esquerda era que estas mulleres eran nais tradicionais e pasivas fronte ás mulleres da esquerda, libres e activas.
A relatora mencionou outro aspecto, o das mulleres da Quinta columna. En novembro de 1937 houbo axentes de información da Falanxe clandestina por toda España. E houbo mulleres fascistas espías como Sara Jordá, fusilada en Montjuich ou a espía Carmen Tronchoni, que espiou para o SIFNE. En Barcelona celebráronse varios xuízos. Nas causas de alta traizón houbo 117 mulleres, 31 nas de espionaxe e 20 en causas de derrotismo. En canto a sentenzas, por alta traizón afectaron a 31 mulleres; por espionaxe a 4 e por derrotismo a 29 mulleres.
Como conclusións, Sofía Rodríguez López suliñou que alá onde houbo chamamento masivo á resistencia civil contra o fascismo opresor ou contra o republicanismo, houbo mulleres. “Atopámolas na loita armada desde a Revolución de Asturias ata a Guerra Civil. Nos anos 40 as espías de Hitler percorrían o país e enviáronse 146 enfermeiras á División Azul. A maioría das mulleres activas, tanto fascistas como antifascistas, colaboraron na loita sen armas pero vinculada aos exércitos. Foi na clandestinidade e como quinta columna onde as mulleres desempeñaron un papel máis importante. As forzas antifascistas non consideraron este feito, pois as consideraban menos perigosas que os homes”.
O último relatorio corresponde ao investigador predoctoral da Uvigo, Héctor José Pena Taboada, que se centra no tema: FET e das JONS: Deporte, muller e identidades (1939-1959). Estas Xornadas inclúen unhas actividades de formación docente en liña baixo o título: O fascismo español e a didáctica da Historia, (partes 1, 2 e 3), co profesor Julio Prada Rodríguez.
UNED Ourense
Comunicación