OURENSE, 18 de xuño de 2020.- A UNED, a maior universidade española por número de matrículas, con formación combinada online e semipresencial, abre o prazo de Admisión nos 28 Graos Universitarios Oficiais e os 11 Graos Combinados desde este 18 de xuño e recibirá as solicitudes ata o 22 de outubro. Todas as demandas xestiónanse a través de Internet. Unha vez formalizada a Admisión, o período de matrícula habilitarase o próximo 7 de xullo e permanecerá activo ata o 22 de outubro de 2020.
A solicitude de Admisión en calquera dos 28 Graos da UNED han de realizala: estudantes procedentes de EBAU, Selectividade, Proba de acceso á Universidade para maiores de 25 ou de 45 anos, desde outra Universidade española; estudantes doutra Universidade española que desexen trasladar o seu expediente á UNED; e estudantes matriculados noutra Universidade española que queiran compaxinar estudos cun Grao na UNED.
Non é preciso xestionar a Admisión: para trasladar o seu expediente ou compaxinar estudos se xa é estudante da UNED; se superou as Probas de Acceso, o Acceso para maiores de 25 anos, acceso profesional ou laboral ou Acceso para maiores de 45 anos na UNED; se posúe un título de Bacharel anterior ao cursado segundo a lei 8/2013 do 9 de decembro (LOMCE); se posúe un título de Técnico Superior FP, Diplomatura, Licenciatura, Enxeñería Técnica, Enxeñería, Arquitectura Técnica, Arquitectura, Grao universitario) e non iniciou outros estudos nalgunha universidade española.
Graos Combinados
Os 11 Graos Combinados non son un dobre grao, son dúas titulacións distintas e cada estudante deberá realizar os Traballos Fin de Grao, un por cada título. Trátase de combinar materias de estudos afíns e convalidables segundo esa afinidade. O prazo de Admisión é o mesmo que para os Graos, do 18 de xuño ao 22 de outubro e a xestión da solicitude, tamén online.
Nas condicións de Admisión hai que ter en conta que só se debe presentar a titulación de acceso o primeiro ano de matriculación nun dos dous Graos e que unha vez rexistrada no expediente, a titulación de acceso é válida para o segundo Grao. Con todo, unha vez admitidos, o proceso de matriculación presenta diversas especificidades: cada estudante ha de matricularse en cada un dos dous Graos; basta que se matricule nunha materia do segundo Grao para estar xa admitido no mesmo; é preciso o recoñecemento de créditos, para o que han de consultar as táboas de convalidación que publican as Facultades/Escolas; e non é necesario pagar as materias recoñecidas. Ao final de cada un dos 11 Graos Combinados obtéñense dous títulos, non un dobre.
UNED Ourense
Comunicación