OURENSE, 4 de febreiro de 2020.- O ciclo de conferencias Os camiños a Santiago na Idade Media: testemuños artísticos e documentais, que se está celebrando en cada unha das sedes do Campus Noroeste da UNED, chega a Ourense co relatorio titulado: Fuentes para o estudo do trazado e territorio histórico do Camiño de Santiago, Vía da Prata. Será impartida pola doutora Yolanda Barriocanal López, profesora titular de Historia da arte na Universidade de Vigo. O evento terá lugar este mércores, 5 de febreiro de 2020, ás 19.30 horas, no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel. A asistencia ao mesmo é libre, aberta a todo o público, e emitirase por streaming a toda España.
Yolanda Barriocanal doutorouse en Historia da arte pola Universidade de Valladolid e na Facultade de Historia de Ourense da Universidade de Vigo exerceu cargos de xestión como vicedecana e secretaria da Facultade, e onde desde 1990 desenvolve o seu labor docente e investigador. Neste último campo dirixe o seu traballo especialmente ao estudo da arte galega do Renacemento e Barroco. Froito do mesmo é a súa actuación como comisaria de exposicións, colaborando e intervindo en catálogos, congresos nacionais e internacionais, así como en numerosas publicacións científicas, abordando temas diversos no campo da Arquitectura, Pintura, Escultura, Ourivaría, Gravado e Arte efémera.
Entre as súas publicacións cabe destacar a súa participación en máis de 30 revistas científicas, e en máis dunha vintena de colaboracións en libros colectivos. É autora, entre outros, dos seguintes libros: Arte Popular. Os Petos de ánimas, Pazos de Arenteiro, O Antigo Museo de Pinturas de Ourense (1845-1852); O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, O Gravado Compostelán do século XVIII, Exequias reais na Galicia do Antigo Réxime. Poder ritual e arte efémera; Relación das exequias que hiço a Real Audiencia do Reyno de Galiçia á magestad da Reyna D. Margarita de Austria (1612); Os Losada da Granxa e Pazo de Freiría (A Pobra de Trives); Hospital, igrexa e pazos da abadía da Santísima Trinidade de Ourense; Un mosteiro da Ribeira Sacra. Santa Cristina de Ribas de Sil, Xornadas Galegas de Filipe o Fermoso e Xoana de Castela. Segunda Viaxe a España. Quinto Centenario 1506-2006, sendo unha das súas últimas contribucións o libro A actividade escultórica en Ourense, do Renacemento ao Barroco.
No campo concreto dos Camiños de Santiago e a súa dimensión patrimonial, foi comisionada pola Xunta de Galicia, para asistir á Reunión Científica entre diferentes expertos e representantes das Administracións Públicas implicadas no Proxecto de Potenciación da Vía da Prata, para definir as liñas de actuación que axuden a optimizar a xestión das accións de impulso que, desde as distintas Administracións, leven a efecto para desenvolver esta Vía como Itinerario Cultural, celebrada no Palacio de Congresos de Mérida en 2006, e organizada pola Dirección Xeral de Cooperación e Comunicación Cultural do Ministerio de Cultura.
Formou parte do equipo redactor do estudo do territorio histórico vinculado á Vía da Prata, para a elaboración da proposta de delimitación do seu trazado e das súas zonas de protección, convocado pola Xunta de Galicia en 2008. Comisariou a exposición O Camiño Real de Castela por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Prata 2011, organizada pola Xunta de Galicia e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que percorreu as principais vilas por onde pasa o Camiño, clausurándose no Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago, á que acompañou o libro do mesmo título: O Camiño Real de Castela por Ourense. Base do camiño de peregrinación Vía dá Prata. E, finalmente, coordinou as Xornadas sobre A protección dos camiños históricos de Galicia, xunto a Carlos Nárdiz, no Consello da Cultura Galega (2013).
Un ciclo que percorre catro comunidades autónomas
Este ciclo de relatorios do Campus Noroeste da UNED (que engloba aos centros asociados de Galicia, Asturias, Castela e León así como Estremadura), iniciábase o pasado 29 de outubro de 2019, coa conferencia inaugural titulada Unha introdución ao Camiño xacobeo: imaxe e lenda de Santiago o Maior, no Centro Asociado á UNED en Segovia por Inés Monteira Arias, profesora titular de Historia da arte na UNED. En novembro, desde a Aula Universitaria da UNED en La Bañeza (León), interveu o historiador José Manuel Rodríguez Montañés, para disertar acerca de Pegadas xacobeas na provincia de León. Nese mesmo mes, desde UNED Mérida, púidose seguir a conferencia Mérida e a Cidade de Deus (un fito singular no camiño mozárabe a Santiago), impartida por Miguel Alba Calzado, doutor en Arqueoloxía, do Consorcio Ciudad Monumental de Mérida. En decembro de 2019 houbo outros dous relatorios, un o día 11, en UNED Lugo, titulado: O Camiño de Inverno a Santiago. Apuntamentos sobre a documentación que acredita a este Camiño como roteiro de peregrinación e historia da súa recuperación, a cargo de Aida Sara Vitoria Menéndez Lorenzo, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra e doutoranda na USC. Seguiulle a conferencia, no Centro Asociado de Pontevedra, titulada: Orixes e Evolución do culto xacobeo, con Miguel Larrañaga Zulueta, profesor do Centro de Humanidades de IE Universidade e Vicerreitor de Estudantes. O pasado 13 de xaneiro, tocáballe a quenda a UNED Asturias onde o historiador Javier Vigil Oliva disertou sobre Oviedo no Camiño de Santiago: un percorrido histórico.