OURENSE, 25 de outubro de 2019.- O Centro Asociado á UNED en Ourense-Aula Universitaria de Valdeorras, celebrará o seu solemne acto de inauguración do curso académico 2019-2020 o mércores, 30 de outubro. Será ás 19.30 horas no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, da Deputación Provincial de Ourense. Estará presidido pola vicerreitora de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica da UNED, doutora Rosa María Martín Aranda. Na mesa presidencial acompañarán á vicerreitora a delegada da Xunta de Galicia na provincia, Marisol Díaz Mouteira; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Luís Fernández Fernández, en representación do presidente da Xunta Reitora; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, como vicepresidente que é da devendita Xunta Reitora. Tamén estará o director da UNED en Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz, e a secretaria, María Concepción Álvarez Gómez.
Despois da lectura da memoria do curso 2018-2019, os asistentes poderán escoitar a lección inaugural, que será impartida polo profesor titor da UNED, doutor Julio Prada Rodríguez, e cuxo título é: Como cambiamos!... A caída do muro 30 anos despois.
En nome dos novos alumnos titulados da UNED intervirá María Teresa Perolio Hurtado. Farase tamén una sinxela homenaxe ao profesor doutor Jesús de Juana. Tras os discursos propios da ocasión, a vicerreitora inaugurará o curso académico en Ourense, pechando o acto a Capela Madrigalista, que interpretará tres composicións, sendo a última o Gaudeamus Igitur, que todo o público escoitará posto en pé. A este acto poderán asistir profesores titores e alumnos da UNED, cidadáns en xeral, ademais de convidarse ás autoridades civís e militares da provincia.