OURENSE, 7 de outubro de 2019.- Na tarde do luns comezaron as clases da UNED Senior que se desenvolven no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense. Este ano son 120 os alumnos, superior á do ano pasado. Con este motivo os alumnos estiveron acompañados polo director do centro Asociado á UNED en Ourense, Jesús Manuel García, e pola coordinadora da UNED Senior e secretaria do Centro Asociado, María Concepción Álvarez. O director deulles as grazas por matricularse nesta proposta de tanto éxito en Ourense á vez que lles deu ánimos para aproveitar ao máximo o tempo destas clases así como das vivencias que forxan en grupo cada ano. Contoulles que a UNED Senior ourensá é modélica na UNED e que como tal foi exposta nun relatorio en Madrid a pasada primavera.
Os matriculados foron convidados por García para asistir ao solemne acto de inauguración do curso académico que terá lugar o día 30 deste mes, no salón de actos do Marcos Valcárcel. Xunto ao director estaba tamén un dos profesores que impartirán clase a estes veteranos alumnos, o cineasta italiano Simone Saibene. “É un luxo que este ano teñades unha materia de cinema con este profesional que vén dese campo e que vos poderá ilustrar dun modo máis interesante”, díxolles o director.
Ao final, lembroulles o lema da UNED, sacado dos textos bíblicos: O coñecemento móvese máis que as cousas que se moven. Desexoulles que aprendan moito e que se divirtan.