OURENSE, 27 de maio de 2019.- O Centro Asociado á UNED en Ourense organiza un curso de verán Introdución á preparación perinatal, de 30 horas de formación (20 presenciais e 10 a distancia), a cargo de expertas psicólogas perinatais. A actividade desenvolverase de luns a venres en horario de 16.30 a 20.30 horas nas instalacións da UNED en Ourense e foi declarada de interese sanitario pola Consellería de Sanidade. As prazas están limitadas en 40. Os destinatarios son calquera estudante de Psicoloxía, Educación Social, Pedagoxía e Traballo Social; calquera persoa titulada en Psicoloxía, Enfermería (matronas), Medicina (psiquiatría), Traballo Social, Psicopedagoxía, Pedagoxía, Educación Social e outros profesionais relacionados coa maternidade e interesados en xeral na materia.
O prezo da matrícula é de 65 euros a ordinaria, os estudantes da UNED e os doutras universidades pagarán 55 euros (achegando copia da matrícula vixente). O mesmo prezo establécese para aquelas persoas pertencentes a colexios profesionais de Psicoloxía, Enfermería, Medicina, Traballo Social e Educación Social (achegar copia do carné do colexio ou certificado do colexio profesional). Discapacitados e persoas desempregadas: 45 euros.
En canto ao programa, que se desenvolverá en horario de tarde, a primeira xornada, iniciarase ás 16:30 horas cunha intervención da psicóloga xeral sanitaria e perinatal Iria Carnoto Figal, para falar acerca da Xestación e infertilidade. Técnicas de reprodución asistida. Ás 18.30 horas tomará a substitución Yudit González Nuñez, licenciada en Psícoloxía clínica e coordinadora do Programa de Integración Familiar en Ourense da Fundación Meniños. Esta docente disertará sobre Adopción.
O día seguinte, martes, intervirá Andrea Rodríguez Freire, psicóloga xeral sanitaria e perinatal, para falar do Embarazo. A súa charla verase complementada, ás 18.30 horas, con outra sobre Psicopatoloxía do embarazo, que a dará Iria Carnoto.
Para o terceiro día, Andrea Rodríguez Freire falará de Perdas xestacionais e perinatais, desde as 16.30 horas. Dúas horas máis tarde Natalia Guedella Sebastián, psicóloga especializada en Saúde Mental Perinatal, Intervención Familiar, Feminidade e Contos explicará o Parto. Xa o día posterior, tocaranse dous temas, o primeiro, o Postparto, con Miguel Guerra Rodríguez, titor de Psicoloxía en UNED Ourense; Iria Carnoto, Natalia Guedella e Andrea Rodríguez. A continuación falarase de O papel do pai. Outro modelo de parentalidade é posible, con Natalia Guedella.
A última xornada do curso, que coincidirá en venres, Andrea Rodríguez explicará a Psicopatoloxía do postparto, mentres que Yudit González expoñerá o tema Nacemento dunha familia.
Este curso foi declarado de interese sanitario pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Está dirixido por Jose Maríaa Faílde Garrido, doutor en Psicoloxía e profesor titular da Facultade de Educación (Universidade de Vigo) na área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos. O coordinador é Miguel Guerra Rodríguez, profesor titor de Psicoloxía en UNED Ourense.