OURENSE, 2 de maio de 2019.- Ás veces, o persoal da UNED tamén é noticia por feitos que non están relacionados coa súa actividade na Universidade, pero que merecen ser destacados. Iso dá mostra da variedade de persoal que integra esta gran familia chamada Universidade Nacional de Educación a Distancia. Un dos nosos compañeiros do persoal de administración e servizos, Luís Gulín Iglesiass, foi o protagonista na xornada deste xoves, con motivo da celebración do Día do Reservista Voluntario na sede da Subdelegación de Defensa en Ourense. Gulín, que é Alférez Reservista Voluntario, foi nomeado este ano Alférez Reservista Honorífico, por finalizar o seu compromiso coas Forzas Armadas. A relación deste traballador da UNED no Centro Asociado de Ourense, coa vida militar débese á súa condición de tradutor, pois como tal estivo destinado, desde o ano 2006 ata o 2018 na Unidade de Tradutores Intérpretes (sección alemán) do Estado Maior do Exército de Terra en Madrid. Luís Gulín naceu en Hannover (Alemaña) e fala perfectamente o idioma dese país.
O subdelegado de Defensa, coronel Gustavo Doncel Paredes, fixo entrega do diploma de honra e dun agasallo ao homenaxeado, en presenza doutros reservistas voluntarios da provincia de Ourense.
Un Reservista Voluntario é un cidadán que desexa achegar, de forma voluntaria e temporalmente, as súas capacidades, habilidades e coñecementos, nas diferentes misións que levan a cabo as Forzas Armadas, no cumprimento da función que a Constitución lles asigna e como resposta aos compromisos asumidos polo Goberno. O Reservista Voluntario permanece durante o seu compromiso en situación de "dispoñibilidade", desenvolvendo a súa vida e profesión "civil", e pasando anualmente por períodos de "activación" que serven para manter e mellorar a súa cualificación e adestramento militar.
Luís Gulín Iglesias desenvolve a súa acción civil como PAS na UNED. É licenciado en Dereito pola Universidade de Vigo, cursou o máster en Medios de Comunicación "La Voz de Galicia" pola Universidade da Coruña, é DEA en Historia Contemporánea pola Universidade de Vigo e especialista en Dirección e Xestión de Comercio Exterior pola Universidade de Santiago.