OURENSE, 30 de xaneiro 2019.- Socios do colectivo venezolano Alma Llanera visitaron o Centro Asociado á UNED en Ourense para participar no programa Que é a UNED?, froito do seu interese en saber como funciona os servizos universitarios que ofrece. O grupo foi recibido polo director do Centro Asociado, Jesús Manuel García, e a reunión tivo lugar no salón de actos. García fíxolles un resumo dos case 50 anos que ten a UNED destacando que esta Universidade “é hoxe un modelo didáctico fundamental e insubstituíble no panorama universitario español.
Converteuse nunha institución pública consolidada, cunha implantación territorial que garante o dereito á educación superior a todos os cidadáns e un prestixio científico e docente que se pode medir co das máis acreditadas universidades de España”.
Os asistentes foron informados de como matricularse na UNED, que taxas hai, e como se accede aos estudos, etc. Diso faloulles o técnico de emprego e de proxectos culturais Luís Gulín. O profesor Jesús Carballo, responsable do Centro de Orientación e Información ao Estudante ( COIE) informoulles do programa que leva a cabo desde este departamento.
A alumna Yolanda González contou a súa experiencia na UNED. Está a piques de terminar o grao en Psicoloxía e deulles consellos para non saturarse de materias e desmoralizarse senón todo o contrario. Insistiulles en que o estudante da UNED non está só.
Os venezolanos fixeron varias preguntas para satisfacer as súas dúbidas. Preocúpalles a convalidación de estudos, o acceso para maiores de 25, 40 ó 45 anos e todas as xestións necesarias para poder ingresar xa sexa nun grao ou nun máster. Entre eles atopábase un orientador laboral da Fundación Amigos de Galicia, para documentarse con máis detalle acerca desta Universidade.
A semana que vén está prevista outra sesión informativa en Celanova. A dirección mantén a súa decisión de achegar a UNED a todas as comarcas ourensás para que os cidadáns coñezan as posibilidades que ofrece.