OURENSE, 17 de xaneiro de 2019.-A UNED de Ourense, no seu empeño por achegarse a todos os sectores da nosa sociedade provincial, lanza a xornada informativa Que é a UNED? , que vai dirixida a todos aqueles colectivos sociais que se interesen por estudar a distancia un grao, un máster, cursos de extensión ou matricularse na UNED Senior. Esta iniciativa vaise estrear na vila de O Carballiño, e terá lugar o día 23 de xaneiro, ás oito da tarde, no salón de plenos do Concello. A asistencia será libre.
O acto consistirá nunha intervención do director do Centro Asociado á UNED en Ourense-Aula Universitaria de Valdeorras, Jesús Manuel García, para amosar o potencial desta Universidade, a que máis alumnos ten de España. Proxectarase un vídeo institucional e mostrarase aos asistentes o programa de bolsas, matrículas e condicións para ser alumno da UNED. Tamén asistirá outro profesional do Centro Asociado para resolver calquera dúbida que poidan expor os asistentes. Igualmente contarase con participarana dous egresados desta Universidade para contar a súa experiencia. O alcalde, Francisco Fumega, acompañará á delegación da UNED nesta sesión.
Este primeiro paso da devandita xornada informativa solicitouse desde a vila do Arenteiro pola Asociación de Venezolanos no Carballiño. O Concello sumouse e poderán facerse presentes cuantos veciños estean interesados en estudar na UNED. De igual xeito, esta iniciativa poderá repetirse en cantas vilas ou bisbarras da provincia amosen o seu interese en acollela.