OURENSE, 16 de novembro de 2018.- Un total de trinta alumnos comezaron na tarde deste venres a segunda edición do Curso de Extensión Universitaria: Violencias machistas: Aspectos socio-estruturais e intervención profesional, que se está celebrando no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás. A concelleira de Igualdade en Barbadás, María Ánxela González Cid agradeceu á UNED que se celebrase neste municipio o citado curso. O director do Centro Asociado á UNED en Ourense-Aula Universitaria da Rúa, Jesús Manuel García Díaz, destacou que a UNED “está sempre atenta ás sensibilidades sociais organizando un amplo abanico de cursos. O triste é que a estas alturas do terceiro milenio teñamos que estar a tratar temas como o que nos ocupa, porque a violencia machista continúa de actualidade a diario”. García aludiu á recente publicación do libro Las cartas de Elena Francis, una educación sentimental bajo el franquismo, de Armand Balsebre e Rosario Fontova, no que se fai unha interesante radiografía da situación da muller naquel réxime. “O Consultorio radiofónico de Elena Francis constituíuse nun dos elementos de propaganda do franquismo para fixar nas mentes das españolas uns valores acordes coa moral do nacional catolicismo e o labor educador e de control ideolóxico da Sección Feminina”, subliñou o director do Centro Asociado. Nesas cartas vese a difícil situación da muller española de aquela época, en non poucos casos maltratada. Engadiu que a igualdade entre marido e muller data de 1981 coa Lei do 13 de maio de reforma do Código Civil, e a Lei do Divorcio
O director relatou que “non deixa de sorprender como é posible que anos despois, co coñecemento actual, aínda haxa, e de que maneira, actos violentos machistas contra a muller. Iso quere dicir que queda un longo treito por percorrer para cambiar esas mentalidades”. Por iso desexou que este curso “axude a avanzar e a seguir sementando para que canto antes acabe esa secuela. Tedes todos por diante unhas sesións que oxalá vos motiven, gústenvos e sírvanvos de proveito”, díxolles o director. A continuación iniciouse o primeiro relatorio, a cargo da docente do devandito curso, Yerma González Hevia, psicóloga especializada en violencia de xénero. A coordenadora é a técnica de Igualdade en Barbadás, María González Armada. As sesións continúan hoxe e os días 23 e 24 do presente mes.
Os alumnos proceden das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña. Este curso foi avalado pola Consellería de Sanidade, declarándoo de interese sanitario e está homologado provisionalmente pola Academia Galega de Seguridade Pública.