Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Ourense despide outro ano positivo

17 de diciembre de 2024

A Xunta Reitora do Consorcio aprobou varios asuntos, entre eles, a Memoria Académica do curso pasado. As institucións mostraron novamente o seu apoio ao traballo que realiza o centro universitario na provincia ourensá.

OURENSE, 17 de decembro de 2024. O Consorcio de UNED Ourense pecha o ano cun balance novamente positivo no funcionamento do centro universitario. Esta tarde celebrouse a última Xunta Reitora de 2024 na que se deu aprobación á Memoria Académica do curso 2023-24, entre outros asuntos de trámite.

Presidiu a sesión César Manuel Fernández Gil, en representación do presidente da Deputación, institución que ostenta a presidencia do Consorcio, e na que estaban a vicerreitora adxunta de Centros Asociados, Isabel Martín de LLano; Aníbal Pérez Novoa, en representación do alcalde de Ourense, vicepresidente do Consorcio;o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, así como María Concepción Álvarez Gómez, secretaria; Gonzalo Alonso, administrador; Julio Prada Rodríguez, representante de Profesores Titores; María González Albert, alcaldesa da Rúa e Elvira Pavón Pazos, representante do PTGAS do centro asociado.

Culmina así un ano de intenso traballo no que se realizaron máis de 3.600 exames nas tres convocatorias celebradas (xaneiro-febreiro; maio-xuño e setembro), segundo expuxo o director, quen no seu informe destacou, entre outros moitos aspectos, o récord de matrículas na UNED Senior, que leva dez anos prestando servizo en Ourense. 

Todas as institucións que integran o Consorcio (Deputación de Ourense, Concello de Ourense, UNED, Xunta e Concello da Rúa) mostraron, un ano máis, o seu compromiso firme con UNED Ourense para que poida continuar a súa xa consolidada actividade na nosa provincia, como vén facendo nos últimos 32 anos. UNED Ourense ten presenza tamén en Valdeorras, coa aula da Rúa. Cada ano atrae a máis estudantes que apostan pola formación semipresencial, que lles reporta coñecementos sólidos dun modo flexible pero rigoroso. 

Ao final da sesión, o director felicitou as festas a todos os integrantes, pechando un exercicio positivo. "Agora estamos inmersos no novo curso 2024-2025 e hai moito e apaixonante traballo que facer para que a nosa universidade continúe sendo un referente na nosa provincia. Niso estamos todo o equipo", salientou Jesús Manuel García.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es