OURENSE, 4 de novembro de 2024. En UNED Ourense, o maior capital son as persoas que lle dan vida cada día: equipo directivo, PTGAS, profesores titores, estudantes... e, polo tanto, as casuísticas son numerosas e variadas. Grazas ás xestións realizadas desde este centro universitario, Orfilio Jesús Pérez Pérez, cidadán español de orixe cubana, puido poñer fin a unha odisea burocrática iniciada no mes de abril de 2024. Orfilio solicitara ao Ministerio de Universidades o recoñecemento da súa titulación de Licenciado en Psicoloxía. Con data do mes de abril, recibiu no seu portal cidadán unha notificación favorable a esa solicitude. Para a súa sorpresa, ao abrir o cartafol correspondente, o que se anexaba era a resolución favorable, pero dunha muller venezolana que cursou tamén a Licenciatura de Psicoloxía no país caribeño.
Desde o mes de abril, Orfilio enviou correos, cartas, tentou contactar vía 016 con alguén do Ministerio de Universidades (que carece na súa páxina web de calquera número de consulta telefónica). Orfilio precisaba este recoñecemento de equivalencia para cursar o Grao de Psicoloxía e finalizalo en España, para logo poder exercer aquí. Mesmo profesionalmente tiña ofertas laborais ás cales podía optar por ser Licenciado equivalente en España, pero non tiña posibilidade de demostralo ao existir este erro burocrático.
Finalmente, contactou coa UNED en Ourense, e grazas ao seu equipo conseguíronse os contactos oportunos para resolver esta situación angustiosa de Orfilio Jesús Pérez, quen, por fin, xa ten no seu poder a credencial correcta ao seu nome. É dicir, que tras facer a súa licenciatura en Psicoloxía en Cuba, agora debe homologar eses estudos e vaino a facer na UNED, onde terá que solicitar un recoñecemento de créditos e cursar as materias que lle esixan para esa homologación. Anos atrás, este home exerceu como psicólogo en distintos labores no seu país. Agora pretende exercer en España tan pronto como teña homologada a carreira, despois dese contratempo burocrático felizmente solucionado desde UNED Ourense.
UNED Ourense
Comunicación