Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Curso sobre os principais defectos na elaboración de viños

18 de octubre de 2024

UNED Ourense leva a Valdeorras a análise e cata para detectar problemas e defectos nos caldos. Será o 15 e 16 de novembro na nosa Aula de Extensión en A Rúa.

OURENSE, 18 de outubro de 2024. UNED Ourense, na súa Aula de Extensión na Rúa de Valdeorras, organiza un curso de Elaboración de viños: principais defectos e problemas. Análise e cata. Dentro da formación relacionada coa viticultura pola que aposta a UNED en Ourense desde hai bastantes anos, esta é a primeira actividade formativa centrada especificamente nos problemas que xorden á hora do proceso de elaboración do viño, e a primeira na que se tratará especificamente o tema das análises do viño. E para ir máis aló realizará unha cata de defectos, de tal forma que vexamos os fallos máis frecuentes observados na cata e as súas solucións. Cunha metodoloxía teórica e práctica, a actividade está enfocada a unha formación dinámica e atractiva para os participantes, sobre todo pola temática. Durante os procesos de elaboración, embotellado, evolución e conservación do viño pódense dar circunstancias que teñan como consecuencias desde grandes problemas a pequenas dificultades.

Como consumidores, saberías detectar os defectos do viño? Ás veces basta con miralo e cheiralo con atención para descubrir os fallos máis obvios, como a turbidez ou o cheiro a ovo podrecido. En cambio, algúns defectos non son tan evidentes. Entre estas causas que se van a tratar atópanse a mala calidade da cortiza, tanto o exceso como a escaseza de xofre ou de osíxeno, a falta de limpeza, a exposición desmedida á calor ou á luz e os cambios bruscos de temperatura. 

Neste curso imos tentar distinguir as causas, a orixe e diferenciar defectos importantes doutros máis leves, e posibles solucións. As sesións celebraranse os días 15 e 16 de novembro de 2024. Na primeira xornada tratarase de dar unha perspectiva dos problemas na elaboración dos viños, da materia prima e posibles solucións. De onde xorden os erros na elaboración, materia prima, fermentativos, analíticos, etc.

Na segunda xornada, un tema novo: Cata de defectos, aprender a identificar os defectos do viño, xustificalos e as posibles solucións. Este curso está orientado a conseguir que os participantes saian cunha idea clara de como mellorar no proceso de elaboración do viño. Os destinatarios aos que vai dirixido abarcarían un amplo abanico de profesións desde encargados de adega, operarios das adegas, enxeñeiros agrícolas, enxeñeiros de montes, xerentes de adegas e sobre todo, particulares do sector que elaboran viño e que teñan interese por mellorar. Calquera persoa interesada no tema, mesmo desempregados que queiran adquirir formación para traballar neste sector (moi estendido na economía local da comarca, dentro da Denominación de Orixe Valdeorras). As sesións estarán impartidas por María Eugenia Medina González, enóloga e licenciada en Bioloxía, pertencente á firma Dona Branca Asesoría Enolóxica Integral S.L Trátase dunha relatora cunha ampla experiencia no sector vitivinícola, traballando como asesora enolóxica de adegas da D.O. Valdeorras e cunha longa experiencia tamén no ámbito formativo. Dada a temática desta actividade formativa, soamente será posible seguila de modo presencial na aula de UNED Ourense na Rúa. O total de horas lectivas é de 10. Más información e matrícula aquí.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es