Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Lusochelys emilianoi, nova tartaruga mariña do Neóxeno ibérico

14 de marzo de 2024

Os paleontólogos Adán Pérez García, da UNED e Miguel Telles Antúnez, da Academia de Ciencias de Lisboa, describen o nuevo exemplar atopado nos acantilados de Caparica, en Portugal.

OURENSE, 14 de marzo de 2024. Acaba de publicarse un novo traballo na revista científica The Anatomical Record no que se presenta e analiza, desde un punto de vista sistemático, o descubrimento dunha tartaruga mariña realizado nun afloramiento neóxeno de Portugal. O investigador principal é o doutor Adán Pérez García, da UNED, ao que acompaña o doutor Miguel Telles Antunes, da Academia de Ciencias de Lisboa. "O exemplar foi atopado nos cantís de Caparica, no termo municipal de Almada (rexión noroccidental do distrito de Setúbal, centro-oeste de Portugal). Este descubrimento produciuse nun nivel depositado durante o Serravalliense (Mioceno Medio), é dicir, fai uns 13 millóns de anos", indica Pérez García. "O espécime está representado por un esquelete parcial que inclúe a metade anterior articulada do caparazón e vértebras cervicais, dorsais, e caudais", engade. 

No mapa sinálase o punto xeográfico onde foron atopados os restos do réptil fósil, no Distrito de Setúbal.

Esta tartaruga inclúese na liñaxe denominada Pan-Chelonioidea, recoñecida como a liñaxe de tartarugas mariñas máis exitosa. O seu rexistro fósil, coñecido desde o Cretácico Inferior, é abundante e diverso. "Varias especies de tartarugas mariñas habitan actualmente os mares e océanos que constitúen as costas da Península Ibérica. Con todo, aínda que esta liñaxe está relativamente ben representada nos niveis mesozoicos e paleóxenos do suroeste de Europa, con varios taxóns identificados nos xacementos fósiles ibéricos, existe un baleiro importante neste rexistro, non sendo axeitadamente documentados restos para os niveis do Neóxeno", explica o paleontólogo da UNED.

Nesta imaxe vense caparazóns e vértebras de varios exemplares representativos de "Cheloniidae" (a-f) así como vértebras de especímenes de "Caretta caretta" e "Eretmochelys imbricata".

O novo exemplar difire das tartarugas mariñas que forman parte da biodiversidade actual. Indica o doutor Pérez García que a pesar de que "se recoñecen varias especies de Pan-Cheloniidae no rexistro global do Mioceno, o espécime de Portugal tampouco pode atribuírse a ningunha delas. Por tanto, recoñécese como atribuíble a un novo taxón, tanto a nivel xenérico como específico, denominado Lusochelys emilianoi. A nova especie rende homenaxe ao Dr. Emiliano Jiménez Fuentes pola súa contribución ao coñecemento sobre as tartarugas fósiles ibéricas, tanto a través dos seus estudos como, indirectamente, mediante o apoio a proxectos futuros grazas á xeración da Sala das Tartarugas da Universidade de Salamanca. Así, este estudo permitiu identificar por primeira vez unha tartaruga mariña, tanto a nivel xenérico como específico, no rexistro do Neóxeno da Península Ibérica".

Detalle dunha vértebra cervical desa tartaruga descuberta, na man do paleontólogo. 

O profesor Adán Pérez García estivo o mes pasado en Ourense para ofrecer catro charlas divulgativas sobre Paleontoloxía en outros tantos centros educativos e deu unha conferencia para o público en xeral no Centro Cultural Marcos Valcárcel sobre tartarugas ibéricas de hai máis de 150 millóns de anos. 

Máis información:

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es