OURENSE, 7 de maio de 2024. A UNED e a Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Ourense (DCA Ourense) asinaron un convenio de colaboración que incluirá prácticas de estudantes e xornadas formativas. Por parte da UNED asinou o decano da Facultade de Psicoloxía, Alejandro Higuera Matas e desde DCA rubricou a súa presidenta, María Dolores Quintas Abadín. Culmina así un primeiro contacto pola nosa universidade feito polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, ao que seguiu outro no que estiveron presentes tamén Higuera Matas e a vicedecana de Investigación, Nuria del Olmo Izquierdo.
Grazas a este acordo, os estudantes da UNED que están a cursar grao ou mestrado universitario, poderán formarse integralmente facendo prácticas académicas externas neste centro ourensán. O convenio está vixente desde principios de ano e ten unha duración de catro anos. É a UNED quen se encarga de asumir os gastos de Seguridade Social de cada estudante en prácticas. A selección de estudantes faraa a UNED, mediante o oportuno procedemento de selección en función do número de prazas que se fixen. Cada estudante terá un titor responsable desas prácticas. A UNED recoñecerá cun certificado a condición de Titor de Prácticas aos profesionais, neste caso de DCA, que realicen dita función.
No caso de que algún estudante escollido presente algún tipo de discapacidade, DCA comprométese a facilitar a súa incorporación ao posto, realizando as adaptacións necesarias cos apoios e medios técnicos necesarios. DCA poderá solicitar, para este cumprimento, o asesoramento do Centro de Atención a Universitarios con Discapacidade da UNED (Unidis).
Nesta primeira fase, a colaboración UNED-DCA inclúe, a maiores das prácticas, outras accións formativas que estarán abertas para o persoal de DCA así como para profesionais doutros centros e mesmo público interesado. Con este obxectivo están a confeccionarse xornadas e cursos que se irán desenvolvendo nos próximos meses.
Esta colaboración valórase de forma moi positiva por ambas as partes. O interese xurdiu desde a primeira reunión celebrada o pasado 28 de setembro de 2023, e consolidouse no encontro do 13 de novembro de 2023, dando como froito esta formalización dun primeiro convenio. O campo para traballar é moi interesante e a UNED pode achegar coñecemento a quen traballa e utilizan este centro de Dano Cerebral Adquirido, o único que existe na provincia e no que se atende a numerosos cidadáns que tiveron dano cerebral e deixaron o hospital. Neste centro, situado no número 15 da rúa Clara Campoamor, creouse un ambiente familiar no que se desenvolve un traballo moi necesario e imprescindible para esas persoas. Como noutra ocasión dixo o director de UNED Ourense, é satisfactorio observar a evolución desas persoas, a medida que pasan os días de tratamento nestas instalacións de día. A UNED, desde a súa Facultade de Psicoloxía, pode axudar tamén achegando as súas investigacións, o seu coñecemento neste campo.
UNED Ourense
Comunicación