UNED Ourense celebra en A Rúa o I Curso de Introdución á Cultura da Cervexa
4 de marzo de 2024
Celebrarase os días 5 e 12 de abril, é presencial limitado a 30 prazas e vai dirixido tanto a representantes da hostalería como a quen queira desenvolver unha idea de negocio ou teña interese persoal.
OURENSE, 4 de marzo de 2024. UNED Ourense organiza, na súa Aula de Valdeorras, o I Curso de Introdución á Cultura da Cervexa. Ten como finalidade dar a entender o proceso produtivo da cervexa, desde as materias primas á cata, pasando pola elaboración e o envasado, tratando todos os aspectos relacionados con esta bebida. Celebrarase do 5 ao 12 de abril de 2024, en horario de 16:00 a 21:00 horas.
Consta de 10 horas lectivas e trátase dun curso presencial. Está orientado tanto a profesionais do sector da hostalería e restauración, como ao público en xeral interesado en coñecer as variedades da cervexa, a súa elaboración, etc. ou en velo como unha idea de negocio. O docente é David Esmerodes, Anfitrión Certificado en Cervexa con ampla experiencia no estudo das variedades de cervexa e os seus aspectos máis diferenciais. É tamén Mestrado en Dirección Comercial e Marketing, o que salienta na súa ampla carreira laboral no mundo comercial cervexeiro.
O programa desta iniciativa é o seguinte:
Venres, 5 de abril: 16:00-21:00 h.:
- Quen son e porqué estamos neste curso? Neste apartado, xunta ás presentacións pertinentes, explicaremos que é o Cicerone Certification Program e os diferentes niveis de “experto en cervexa” que se poden acadar a través das probas pertinentes que realiza esta institución.
- Materias primas e proceso de elaboración. Este é o momento no que xa empezamos a falar da cervexa. O enfoque deste capítulo é coñecer un pouco da historia da cervexa, as diferentes materias primas que se utilizan na súa elaboración e o conxunto de pasos que levan a cabo para obter cervexa (fases, produtos, subproductos...) desde os compoñentes básicos ata a botella ou o barril de cervexa.
- Estilos de cervexa. Neste capítulo coñeceremos as 4 grandes escolas cervexeiras que existen no mundo, falando un pouco da súa historia e das características principais das súas cervexas. Coñeceremos os métodos para clasificar as cervexas e falaremos dalgunhas das cervexas emblemáticas de cada escola.
- Actividade de cata. Para terminar, probaremos cervexas pertencentes ás distintas escolas e poñeremos en valor os seus elementos diferenciais.
Venres, 12 de abril: 16:00-21:00 h.:
- Boas prácticas cervexeiras. Este apartado versa sobre coñecer cales son os inimigos da cervexa, desenvolver prácticas que favorezan o coidado desta bebida no seu almacenamento, entender de forma básica como funciona unha instalación de cervexa de presión e coñecer os principais consellos de bo uso da vaixela para a cervexa.
- O Servizo da cervexa. Coñecer os elementos chave que inflúen no perfecto servizo dunha cervexa, apreciar que cada cervexa ten a súa temperatura, cristalería e forma de servizo axeitada, e poñer de manifesto os consellos básicos vencellados co servizo da cervexa.
- A cata de cervexa. Farase fincapé en coñecer a diferenza entre gusto e sabor, así como a fisioloxía do aroma e o gusto. Tamén coñeceremos os pasos para seguir para realizar unha cata de cervexa e trataremos os parámetros cualitativos que describen a unha cervexa. Complementaremos a teoría cunha cata da gama 1906 de Estrella Galicia.
- Maridaxe con cervexa. Trátase de coñecer de maneira básica que é a maridaxe desde o punto de vista técnico, explorar os seus principios básicos e diferentes tipos existentes.
- Cata final. Como despedida do curso realizaremos unha cata de distintas cervexas da gama Estrella Galicia.
As prazas para este curso limítanse a 30. O prezo da matrícula é de 35 euros. Matricúlache picando aquí. Os cursos enfocados desde unha perspectiva máis práctica e orientados como posible idea de negocio, achegan importantes coñecementos aos alumnos para poder exporse algunha saída laboral alternativa ou formarse en todo o relacionado coa cultura da cervexa, por interese laboral ou simplemente persoal.
Matricúlate aquí
UNED Ourense
Comunicación