Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Ourense acolleu 1.486 exames na convocatoria xaneiro-febreiro 

14 de febrero de 2024

O maior número de probas rexistrouse en Psicoloxía, con 418, seguido de Dereito, con 383 e Educación, con 264 exames en corenta sesións repartidas entre a última semana de xaneiro e a segunda de febreiro. Non se produxo ningunha incidencia salientando o saber estar e a ilusión dos estudantes que se forman na nosa Universidade. 

OURENSE, 14 de febreiro de 2024. A convocatoria de exames de xaneiro-febreiro na UNED deixa un resultado de 1.486 probas realizadas en UNED Ourense. Na primeira semana, do 22 ao 26 de xaneiro de 2024, fixéronse 594 exames. A maior parte deles eran de Psicoloxía (165), seguidos dos dos graos da Facultade de Dereito (150) e os correspondentes á Facultade de Educación, da que se levaron a cabo en Ourense 105 probas. Nesa primeira semana, os estudos en cuarto lugar por número de exames realizados son os do Curso de Acceso para Maiores de 25 e 45 anos, onde houbo 53 probas. Os exames de Filoloxía foron 29 e os da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, 28. Houbo estudantes que realizaron 26 probas dos graos da Facultade de Xeografía e Historia mentres Filosofía contou en UNED Ourense con 12 probas. Os exames de Ciencias foron 10, os de Políticas e Socioloxía, 8. De enxeñería houbo 5 correspondentes á Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática e outros 3 da ETS de Enxeñería Industrial.

O tribunal que actuou durante esa semana estivo composto polos doutores María Paloma del Campo Moreno, presidenta; Jesús Manuel García Díaz, vicepresidente e José Félix Estívariz López en calidade de secretario. A Comisión de Apoio ao Tribunal integrárona Natalia Carniceiro Villamarín, en representación dos profesores titores e, por parte do PAS, José Manuel Lage Vidal e Luis Gulín Iglesias.

Durante a segunda semana, celebrada do 5 ao 9 de xuño, foron realizados 892 exames no centro universitario ourensán. Unha vez máis, a maior cantidade de probas rexistrouse en Psicoloxía (253), seguida de Dereito (233) e Ciencias da Educación (159). Nesta segunda semana rexistrouse maior afluencia de estudantes, que por unha ou outra razón aproveitan para demostrar os seus coñecementos nese período de tempo. Exames de Filoloxía fixéronse 50 e os da Facultade de Económicas e Empresariais foron 48 en Ourense. De Xeografía e Historia houbo 45 probas, seguidas das 32 de Filosofía, as 25 de Ciencias e as 23 de Políticas e Socioloxía. Nesta segunda semana de febreriro subiu o número de probas do grao en Enxeñería Informática, que foron 14 e dobrouse, con respecto á primeira semana, o número de exames en Enxeñería Industrial, que foron 6. Por último, en canto ás probas para Maiores de 25 e 45 anos nesta segunda semana, houbo 2. 

O tribunal estivo conformado polos doutores Jesús Pedro Zamora Bonilla, presidente; Jesús Manuel García Díaz, vicepresidente e Ana Martín Marcos, secretaria. A Comisión de Apoio integrárona Elisa Rodríguez Díaz e María Concepción Álvarez Gómez por parte dos profesores titores; María Elvira Pavón Pazos e María Gladys Fernández Losada desde o PAS. 

Ambas as dúas semanas desenvolvéronse con plena normalidade. Todos os estudantes comportáronse correctamente no interior da aula de exames. O director, Jesús Manuel García, á vez membro do tribunal, recibiu a todos os estudantes no vestíbulo do Centro, animándoos e comunicándolles as normas de seguridade que rexen dentro da aula. Unha vez sentados todos os examinandos, volvía repetirlles esas medidas, tales como non ter teléfonos conectados ou reloxos intelixentes. O control foi estrito. García foi o único membro do tribunal que acompañou en todo momento aos estudantes durante as 40 sesións, de dúas horas cada unha, repartidas nas dúas semanas da convocatoria. "É un momento ideal para conversar con eles, coñecelos cara a cara, animalos, facelos sorrir se así lles rebaixas o nerviosismo. E ao acabar as probas, gústame preguntarlles que tal lles foi, alegrarme con eles cando che din que fixeron un exame bo e animalos se che comunican que non estudaron o suficiente, pois enseguida sinálanche que o tentarán mellor na seguinte convocatoria. É xente comprometida, que sabe estar, resulta marabilloso ver como afrontan cada exame coa ilusión de seguir avanzando nos seus estudos superiores. Ves que se esforzan, que moitos fan o imposible por sacar os seus estudos, a pesar de ter outras ocupacións", di o director de UNED Ourense.

"Tivemos un estudante do Corpo de Bombeiros de Ourense e o primeiro día que veu examinarse tivemos que ter connosco o seu teléfono aceso por se xurdía algunha urxencia. Por sorte, ninguén o chamou no exame, podendo realizalo con normalidade. Outro estudante invidente, examinouse de Dereito e de Idiomas, neste caso, Italiano. Fixo as súas probas cun sistema que lle permite escribir no computador e escoitar cada palabra que teclea. Todo foi satisfactorio e normal. Logo temos casos como o dunha médica que goza cursando agora o grao en Económicas. Ou o dun veterán ourensán que vai polo seu cuarto grao, así é como aproveita a súa xubilación. En Educación Infantil varias estudantes comentaban que están moi contentas de facer esta carreira na UNED por como se atopa estruturada. Os nosos estudantes son un mundo e este director móstrase orgulloso de todos eles. Por suposto, ao acabar cada exame, tiñamos na aula unha bandexa de caramelos para adozar a xornada despois de tanto esforzo intelectual. A todos agradézolles o seu comportamento á vez que dou as grazas aos restantes membros dos dous tribunais e as súas respectivas comisións de apoio, polo esforzo realizado nunhas datas que son fundamentais na vida dos centros asociados á UNED", engadiu García Díaz.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es