OURENSE, 6 de decembro de 2023. A concelleira de Educación e Mocidade no Concello de Ourense, Tamara Silva Cid, realizou unha visita oficial á sede de UNED Ourense. Acompañada por Sara Dacal Fernández, coordinadora de Programas Educativos, foron recibidas polo director do Centro universitario, Jesús Manuel García Díaz, á súa vez acompañado pola secretaria, María Concepción Álvarez Gómez. A concelleira está a visitar todos os centros educativos do municipio ourensán nos que o Concello ten participación. A institución municipal forma parte do Consorcio de UNED Ourense, ostentando ininterrompidamente, desde a súa constitución hai 31 anos, a vicepresidencia do mesmo.
Tamara Silva coñeceu as instalacións da UNED na capital así como o seu funcionamento, con toda a oferta de educación superior (graos, graos combinados, mestrados, doutoramento) que ofrece á sociedade ourensá. O director explicoulle igualmente a estrutura da UNED, coa súa sede central en Madrid, as súas facultades e escolas técnicas superiores, nas que se deseñan todas as materias que logo cursan os estudantes en cada un dos 61 centros asociados da UNED ao longo e ancho de España.
García Díaz tamén lles falou do Campus Noroeste ao que pertence Ourense, xunto aos outros centros de Galicia, Asturias, Castela e León e Estremadura, que forman o campus máis grande da nosa universidade en España. A edil e a coordinadora coñeceron o sistema de probas presenciais, único en España, así como o acceso de persoas con discapacidade, o acceso de quen vén por vez primeira á UNED, a non existencia de notas de corte e a oferta de cursos que o centro asociado pon ao dispor dos ourensáns ao longo do ano.
Concelleira e coordinadora decatáronse do intenso traballo que se desenvolve cada día en UNED Ourense e, no paseo guiado polas instalacións, comprobaron a complexidade que conleva un centro asociado da nosa universidade, coas súas aulas especiais, aulas de exame, laboratorios, aulas de titorías, sala de profesores, biblioteca, sala de estudo; administración, dirección, COIE, sistema de comunicacións...
Jesús Manuel García, unha vez máis, agradeceu cara a concelleira a colaboración institucional e económica que o Concello de Ourense brinda a UNED Ourense desde a súa fundación, sen cuxo apoio o funcionamento do centro veríase comprometido, reflexión que cabe facer extensible ao resto de institucións colaboradoras "pois se elas non podería manterse a importante actividade que aquí se fai, grazas á cal se formaron xeracións de ourensáns ao longo de tres décadas, e continúan formándose, nestes momentos, máis de mil, ademais dos que preparan o seu doutoramento e todo no marco dunha nunha universidade esixente, punteira e prestixiosa".
UNED Ourense
Comunicación