OURENSE, 3 de novembro de 2023. O Reitor Magnífico da UNED, doutor Ricardo Mairal Usón, presidirá o solemne acto académico de apertura do Curso 2023-2024 de UNED Ourense, que terá lugar o día 8 de novembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel. Xunto ao reitor estará o presidente da Deputación, Luis Menor Pérez, que tamén preside o Consorcio de UNED Ourense. Na mesa igualmente estará o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea Bouzo, en calidade de vicepresidente do Consorcio. Completarán a mesa o delegado da Xunta de Galicia na provincia ourensá, Gabriel Alén Castro, o director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz e a secretaria do centro universitario e do Consorcio, María Concepción Álvarez Gómez.
O acto comezará coa lectura da Memoria Académica do Curso 2022-2023, por María Concepción Álvarez Gómez, secretaria de UNED Ourense. De seguido, o profesor titor, doutor José Domínguez Alonso, pronunciará a Lección inaugural titulada: Competencias profesionais docentes na atención á diversidade: unha visión renovada.
Haberá outra intervención breve de María Salomé Fernández Senra, en representación de todos os estudantes graduados no curso que rematou. O Colexio Oficial de Economistas de Ourense, coa presenza da súa decana, Carmen Sampayo David, fará entrega do premio ao mellor expediente nunha das tres carreiras de corte económico que ten a UNED: ADE, Económicas ou Turismo. Nesta ocasión o premiado é Ángel Sotelo Álvarez, egresado de ADE. A continuación imporase a cada estudante graduado (previa confirmación en Secretaría) a banda coa súa cor académica, e diploma.
Tras esta acción, tomarán a palabra, por esta orde, o delegado provincial da Xunta, o tenente de alcalde de Ourense, o presidente da Deputación, pechando o reitor da UNED, quen pronunciará tamén as verbas de inauguración do curso académico.
Rematará este acto coa actuación musical da Capela Madrigalista, que interpretará varias composicións para poñer o broche de ouro coa interpretación do himno académico Gaudeamus Igitur.
Ricardo Mairal Usón chegará a Ourense a media mañá e ten na súa axenda oficial dese 8 de novembro unha visita institucional ao Presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor Pérez, e outra ao Alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. O reitor será recibido e acompañado na cidade das Burgas polo director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz. Esta será a primeira vez que o actual reitor da UNED vén á nosa cidade en calidade de máxima autoridade da Universidade pública máis grande de España.
UNED Ourense
Comunicación