Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Delmira Santos Maquieira: ""Non fallo nin un día. Teño unha ilusión bárbara por vir á UNED Senior"

31 de octubre de 2023

A veterana estudante acode cada semana ás súas clases en Ourense desde a súa residencia en Maside. Goza cada clase na que toma apuntamentos que repasa en casa para logo demostrar o seu coñecemento nas conversacións coas súas amigas no pobo.

OURENSE, 31 de outubro de 2023. Delmira Santos Maquieira ten 84 anos e é a alumna máis veterana da UNED Senior en Ourense. Vive no municipio de Maside, a máis de 20 quilómetros da capital da provincia e acode ás clases no Centro Cultural Marcos Valcárcel no seu coche. Se está o seu fillo menor, lévaa e trae; se está soa, é ela quen se pon ao volante. Declárase unha muller nada conflitiva e moi feliz. E iso é o que transmite ao vela, sempre riseira, amable e agradecida. 

-Cantos anos leva en UNED Senior Ourense? -Desde que se puxo en marcha, fai algo máis de seis anos. Estou contentísima, non me custa nada e veño desde Maside, 22 ó 23 quilómetros, porque eu vou pola estrada vella, non pola autovía. 

-Pero segue conducindo ou ás veces?

-Sigo, si, si. Sigo conducindo e teño que renovar o carné agora en novembro e confío en que poida renovalo de novo, porque practico bastante.

-A que se dedicou na vida? 

-Traballei de dependenta en Almacéns a Verdade, na rúa Pontevedra, aquí en Ourense. Alí traballei 25 anos, primeiro de solteira e despois de casada. Nese traballo coñecín ao meu marido. Unha vez casada traballei menos tempo porque enseguida quedeime embarazada e tiven unha paréntese de 15 anos criando aos meus fillos e posteriormente retomei o meu traballo na mesma empresa. Tiven uns xefes buenísimos, moi considerados con facilidade de horarios para que eu puidese exercer xa que eu non tiven rapariga en casa. A rapariga era eu, en casa e no traballo. E criei a uns fillos que me saíron marabillosos, todos con carreira. 

-Cantos fillos ten? 

-Cinco, tres mulleres e dous homes. Os homes son militares e unha das fillas é empresaria, outra profesora na Universidade de Granada e outra cun cargo de xefa nuns grandes almacéns en Xirona. 

-Cando se decidiu a asistir a estas clases na UNED Senior? 

-Teño que dicir que me animou a entón profesora Josefina Pato cando esta estaba no campus de Ourense. Convidoume e díxenlle que non me gusta faltar porque quedei viúva e gústame estar coas miñas fillas en Xirona. Insistiume, quixen matricularme pero estaba fóra de prazo e asistín de oínte un curso ata que me vin á UNED Senior para o Marcos Valcárcel.

-Que supón para vostede, Delmira, estar matriculada todos estes anos na UNED Senior? 

-Pois supón unha alegría grandísima. A UNED Senior estimúlame moitísimo. Eu fixen o Bacharel no Otero Pedrayo, pero deixei de estudar por necesidades familiares. Ao chegar a estas clases lembrei todo o que estudara naquel entón e aos meus profesores. Mire, fomos no curso pasado a facer unha visita cultural ao cemiterio de San Francisco e resulta que pasando vin a tumba do meu profesor de música, o mestre Vide e fíxome ilusión velo alí, a ese profesor que me deu clases de Música cando era unha nena. Fíxome unha ilusión bárbara! Eu veño á UNED Senior moi contenta. con moita ilusión. Alí no pobo dinme moitas veces: "pero agora que vas estudar de maior?". Pero eu sigo.

-Cal é a materia que máis lle gusta?

-A min gústame moitísimo todo o que é..... bo é que toquei todas as materias: Filosofía, Arte, Dereito, Galicia en imaxes, todas as que daba Josefina. Houbo cursos nos que asistín a dúas clases nunha soa tarde, catro horas. Saía de noite no inverno e íame eu soa a Maside, con néboa, con choiva...

Delmira es una mujer feliz, que transmite vitalidad y se siente realizada con su asistencia a las clases en la UNED Senior ourensana.

-Preocúpase por ler ou profundar algo máis nos temas que escoitou en clase? 

-Non. Eu estou moi atenta na clase, tomo moitos apuntamentos e entón si que repaso un pouco a clase, co que escribín, para que se me quede porque escribindo quédaseme moito mellor no cerebro porque escoitar, escoitar escoitas moito e non asimilas todo, pero se o escribes...eu anoto todo e así me queda máis. E despois, en conversacións que teño coas amigas, pois estou unha pouquiño avanzada. -E que lle din elas? Notarana moi posta... 

-Nada, quérenme e teño amizades moi boas.

-Como é un día na súa vida, Delmira? 

-O primeiro que fago é levantarme cedo, almorzar e facer crucigramas, sopas de letras, autodefinidos..... Estou dúas horas facendo iso, que iso despexa a mente moitísimo. Así non fago ruído para os demais, estou tranquilita e moi animada. Despois camiño catro quilómetros diarios e ás veces máis porque ás veces deixamos o coche no Couto e desde alí vimos andando ao centro de Ourense. Ou vimos de mañá e facemos compras, e parece que non camiñas nada e se cadra fixeches tres quilómetros, máis os catro da mañá...es moito para a miña idade. Dou grazas a deus porque teño boa saúde. 

-Fai algún sudoku?

-Non, sudokus non; crucigramas. 

-Cales son as súas afeccións? 

-Gústame ter amigas, ir a cinema, encántame o cinema; gústame a festa, gústame bailar. Teño unha amiga da miña mesma idade que é máis bailarina que eu, estivemos nas festas de Maside e bailamos todas as cancións bailables. Somos moi felices. Eu son moi feliz, levántome cada mañá sempre con moita enerxía. É algo natural que teño porque non fago esforzo algún, son moi riseiro, non son conflitiva, son unha persoa que ten boas amizades, todo o mundo fálame e todo o mundo quere estar comigo... non sei... iso é unha cousa de sempre. Eu estiven detrás dun mostrador, sempre fun agradable, sempre dí facilidades á xente e ás veces tiña quefacer de psicóloga porque a xente venia e contábame cada cousa... Non me importaba para nada. Eu escoitaba por educación e ás veces por compadecerte un pouco porque a xente necesita falar.

-Dá gusto vela en UNED Senior.

-Moi contenta. Non fallo nin un día. Teño unha ilusión bárbara por vir á UNED Senior. Ao vivir nun pobo, ás miñas certas cousas non me van, e veño a clases. Ás veces tamén vimos de mañá a comprar por aquí por alá e imos ao Latino para tomar un chocolate con churros. Un dos meus fillos, militar de Aviación, prexubilouse e quere estar comigo porque os outros están todos fóra, veñen cando poden , estamos sempre co teléfono e iso, pero non poden estar comigo. Deus que me sacou o marido moi cedo, aos 63 anos, deume uns fillos marabillosos.

 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es