Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A historia cruda de 81 mestres do Ortegal

6 de septiembre de 2023

O director de UNED Ourense foi convidado a abrir unhas xornadas para explicar en Ortigueira o proceso de purga levado a cabo polo franquismo na comarca coruñesa

OURENSE, 6 de setembro de 2023. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, foi convidado a dar unha conferencia no municipio coruñés de Ortigueira, sendo o encargado de abrir as XIII xornadas Memoria dun Tempo, organizadas por Nordés Faladora. Foi iniciado o acto pola presidenta, María Isabel Lorenzo, e o relator foi presentado pola escritora e mestra, Obdulia Dopico.

María Isabel Lorenzo, Obdulia Dopico e o relator, Jesús Manuel García, minutos antes de comezar a conferencia.

O doutor García Díaz falou da depuración que o franquismo levou a cabo na comarca do Ortegal cos mestres de escola. Disertou acerca dos 81 docentes dos municipios de Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira, -precisando que nos anos trinta non existía o municipio de Cariño-, aportando unha riqueza de datos que sorprendeu ao público presente no salón do Centro Social de Loiba. Díxolles que deses mestres encartados sábese a tendencia política de 18 deles. Así, simpatizantes ou afiliados figuran:

  • Esquerdistas: 2
  • Partido Galeguista: 1
  • PSOE: 1

  • FET das JONS: 2

  • Asociacións católicas: 2

  • Asociación Nacional do Maxisterio: 1

  • Asociación de Traballadores do Ensino (ATE): 9

 

García Díaz, en plena exposición duns feitos históricos acontecidos na comarca do Ortegal.

Tras explicar dun modo xeral como foi este proceso depurador no conxunto da provincia coruñesa, o director de UNED Ourense fixo un percorrido polas diferentes instancias depuradoras. "A primeira instancia depuradora foi a Autoridade Gubernativa e Militar (AGM), que, segundo a documentación, suspendeu o emprego e soldo a 12 docentes desta comarca. A segunda instancia, o Reitorado, afectou somentes a un mestre. A Xunta de Decanos xestionou dous expedientes. Unha vez creado o proceso depurador debidamente formado por un complexo corpus de normas, botou a andar este en novembro de 1936 coas instancias que lle son propias, en primeiro lugar, a Comisión Depuradora Provincial (CDP), que confirmou no cargo a 36 docentes castigando a 77, e nese castigo contabilízanse 16 separacións definitivas, 21 suspensións de emprego e soldo por un mes e dous traslados, un fóra e outro dentro da provincia". 

"Unha vez creado en 1938 o Ministerio de Educación Nacional, este dotouse de dúas instancias, por unha banda, a Oficina Técnica Administrativa (OTA), que actuou con 16 expedientes de mestres do Ortegal. Pola outra, a Comisión Superior Dictaminadora de Expedientes (CSD), pola que pasaron 65 expedientes. O propio Ministerio revisó los expedientes de 34 docentes".

O público seguiu con interese a exposición que fizo o director de UNED Ourense, facéndolles sinxela a comprensión do aparato de purga administrativa aplicado aos mestres polo franquismo.

 

Ao final do proceso, o resultado foi o seguinte: "De 81 mestres depurados nesta comarca, 53 foron confirmados no cargo, e 25 penalizados. Destes últimos, 11 resultaron suspendidos de emprego e soldo; seis mestres foron separados definitivamente do servizo docente, a dous castigóuselles co traslado fora da provincia da Coruña mentras que a outros tres aplicóuselles o traslado dentro do territorio provincial. Un mestre foi confirmado na súa substitución. Hai tres docentes aos que non lles consta sentenza final no seu proceso depurador. Trátase dun de Mañón, Manuel Bernal González, e dous de Ortigueira: Maximino Ferreiro Paradela e Manuel Riveiro González. Sábese que Maximino foi reintegrado en Doniños polo Reitor, con data do 3 de decembro de 1936, e que os outros dous compañeiros foron inhabilitados polo Gobernador Civil o 22 de agosto de 1936".

A base de datos sobre a purga de mestres realizada por Franco, que posúe o director de UNED Ourense, permítelle coñecer con precisión que aconteceu cos docentes de cada unha das comarcas coruñesas, ao constar dita base con máis de 200.000 datos. É o maior depósito de información sobre esta modalidade depuradora administrativa levada a cabo polos sublevados nos primeiros anos do franquismo en A Coruña.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es