Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Un novo artigo estuda a purga franquista contra os mestres da comarca ferrolana

8 de junio de 2023

O director de UNED Ourense é o autor desta aportación de investigación histórica á revista Ferrol Análisis, no seu número 34 de recente publicación. 

OURENSE, 8 de xuño de 2023. A purga administrativa e física que o franquismo levou a cabo cos mestres das escolas da comarca de Ferrol é o tema do novo artigo que acaba de publicar o director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz, na revista Ferrol Análisis, Revista de pensamiento y cultura, no seu número 34, editada polo Clube de Prensa de Ferrol. Este número da revista consta de 359 páxinas. As páxinas desta revista van a tres columnas. "En 1936 a comarca ferrolá estaba composta polos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, Serantes, Somozas e Valdoviño", sinala o autor. "A provincia coruñesa tiña 95 concellos repartidos en 14 partidos xudiciais e dos 767.608 habitantes que tiña o territorio provincial, en Ferrol había 35.563. Os municipios estudados neste artigo tiñan entre todos 106.488 habitantes", sinala García Díaz. 

Neste novo traballo analiza ese proceso en Ferrolterra no que "foron purgados administrativamente 242 docentes de Primeiro Ensino. De todos os municipios estudados, salienta o de Ares, no que non consta ningún mestre sancionado".

"O castigo máis abundante foi o da separación definitiva do Maxisterio, que afectou a 15 docentes, seguido do traslado dentro ou fóra da provincia, que lle foi imposto a 34 mestres". Á parte de analizar esta depuración, o director de UNED Ourense ofrece tamén datos de todos os docentes que, segundo a documentación, foron sometidos a represión física, uns sendo fusilados, outros encarcerados e aínda houbo outro grupo que optou polo exilio. "Os mestres asasinados tiveron dobre castigo, pois non bastando con arrincarlles a vida, foron sometidos á depuración administrativa concluíndo eses procesos coa separación definitiva da carreira docente. Conviña remarcar esa condición de republicanos, coa continuación dos seus expedientes a pesar de que xa foran 'pasados polas armas', como se ve na documentación manexada para a investigación", sinala García Díaz.

Este artículo é un achegamento ao que foi a purga de mestres polo franquismo na comarca ferrolana, depuración que se inclúe na investigación pormenorizada que abordou o doutor García Díaz sobre toda a provincia de A Coruña e que se recolle na monografía científica, A depuración do Maxisterio nacional na provincia de A Coruña, editada pola Fundación Luis Tilve no ano 2018. O director de UNED Ourense dispñon dunha base que contén máis de 200.000 datos sobre todo el proceso depurador de mestres levado a cabo no primeiro franquismo en todo o territorio coruñés. Coñece ben o proceso, rigorosamente investigado na súa tese de doutoramento.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es