Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Noam Chomsky e a comunicación

18 de mayo de 2023

Estudantes da UNED Sénior en Ourense escoitaron a conferencia que sobre o modelo de comunicación do pensador americano ofreceulles o director de UNED Ourense.

OURENSE, 18 de maio de 2023. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, ofreceu esta tarde unha conferencia aos estudantes da UNED Sénior na que lles explicou A comunicación en Noam Chomsky, o seu modelo de propaganda. O relator foi convidado a falar na materia de Filosofía Contemporánea, que imparte o profesor Miguel Guerra Rodríguez e que desde hai anos ten boa aceptación nos estudantes pois lles permite coñecer o máis selecto da Filosofía das últimas décadas. Se a semana pasada estudaban a María Zambrano, este xoves tocou Noam Chomsky. 

"Chomsky foi un firme opositor da participación de EE.UU na guerra do Vietnam, pois o consideraba un acto de imperialismo estadounidense. Foi arrestado varias veces polo seu activismo e colocado na Lista Negra do Presidente Richard Nixon. Xunto a Edward S. Herman, Chomsky deseñou o modelo de propaganda da crítica mediática (Manufacturing Consent) e a súa defensa da Liberdade de Expresión xerou moita polémica no asunto Faurisson alá polos anos 80", dixo García Díaz, quen tamén manifestou que Chomsky é un pensador recoñecido por axudar á revolución cognitiva nas ciencias humanas dado que contribuíu a desenvolver un novo marco cognitivo para o estudo da linguaxe e a mente". Aínda hoxe continúa sendo un crítico importante da política exterior dos Estados Unidos: o neoliberalismo, o capitalismo estatal, o conflito israelo-palestino, os medios de comunicación… "As súas ideas son aplaudidas polos movementos anticapitalistas e antiimperialistas, pero tamén foi branco de críticas pois algúns lle acusan de ser antiamericano".

Segundo o relator, Chomsky pensa que Estados Unidos "quere establecer sociedades abertas, controladas económica e políticamente. Sociedades nas que os negocios poden prosperar. Considera que ese país trata de aniquilar calquera movemento en contra dos propios Estados Unidos, que "permiten que accedan ao poder gobernos amigos". As razóns polas que Noam Chomsky critica ao seu país son tres fundamentalmente: porque dominou o mundo no militar e no económico, porque o seu sistema electoral fai que os cidadáns poidan influír na política gubernativa e tamén odia ao seu país porque o caracteriza como "un estado de facto dun só partido, o Partido Empresarial controlado por intereses corporativos e financeiros". 

Segundo Chomsky, polo menos o 80% da poboación das democracias liberais non ten control en decisións económicas, que se atopa en mans dunha elite. Para cambiar esta situación, o pensador sinala algunhas medidas: en primeiro lugar, recoñecer que os medios de comunicación e o goberno teñen un dominio corporativo forte. Isto, segundo Chomsky, afoga calquera cambio. Con todo non lle faltan razóns para o optimismo tales como rexeitar a escravitude, os avances nos dereitos da muller ou a obrigación do goberno de xustificar invasións. "Chomsky pensa nun mundo de ideas socialistas libertarias e anarcosindicalistas que alimenten o carácter libertario e creativo do ser humano. Inclúe o control obreiro dos medios de produción e de goberno polos consellos obreiros, un autogoberno que faga de cada cidadán un participante activo no goberno dos asuntos. Chomsky non fala de partidos políticos e considera que os traballos desagradables e impopulares automatizaríanse, feitos por traballadores especialmente pagos ou compartidos por todos".

A partir de aquí, o doutor García Díaz foi trazando o pensamento de Chomsky en relación cos medios de comunicación. Os medios de comunicación "reforzan e consenten as políticas estatais marxinando perspectivas contrarias. A prensa dominante é propiedade das empresas e reflicte os intereses destas. Aínda que os medios critiquen a políticos e partidos, nunca traspasarán o límite máis amplo entre o Estado e as empresas das que forman parte. Chomsky sinala que nos Estados Unidos "hai unha elite formada polo goberno, o poder empresarial e o poder dos medios de comunicación que queren custe o que custe manter o seu status, por iso cre que temen á democracia, debido a que non consenten que os cidadáns teñan demasiados dereitos nesa democracia. Para defender o seu status utilizan unha comunicación dirixida, é dicir, que pasa ata por cinco filtros para que chegue da forma máis adecuada. Unha elite, sinala Chomsky, que mesmo foi capaz e é capaz de crear climas de opinión, de crear consenso na sociedade para que esta cambie de opinión sobre un tema que interesa a aquela.

Os estudantes veteranos da UNED Sénior de Ourense seguiron con interese a exposición, na que non faltan semellanzas co que sucede nos nosos días, é dicir, que non deixa de estar de actualidade. Así coñeceron unha faceta importante do pensamento deste intelectual americano, brillante pensador para quen as relacións públicas son unha potente industria cuxo fin foi e segue sendo controlar a opinión pública, que é o maior perigo ao que se enfrontan as elites. Por iso di que os cidadáns, cada individuo, ten que estar segregado, só, sen poder organizarse porque pola contra podería derivar en algo máis que mero espectador pasivo.

Os asistentes gozaron co relatorio e ao rematar houbo un debate moi interesante sobre a actualidade que ten a teoría de Chomsky nestes tempos líquidos e do que os expertos califican como cambio de era. Fixéronse numerosas preguntas sobre os medios de comunicación americanos e españois, da súa politización, e doutros aspectos actuais. A sesión alongouse desde as16:30 ata as 18:20 horas e todos quedaron con ganas de máis, pois cada vez ían xurdindo novas cuestións. "Como estes estudantes son persoas veteranas e formadas, falar para eles e escoitalos a eles é moi gratificante", sinalou o director e relator. 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es