Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Seiscentos estudantes de Bachalerato coñeceron a UNED

18 de abril de 2023

Mozos de nove institutos de Celanova, O Carballiño, Maceda, Ribadavia, Verín e Xinzo tiveron relatorios do director de UNED Ourense quen lles deu consellos para encarar os estudos superiores.

OURENSE,18 de abril de 2023. Seiscentos estudantes de Bacharelato de nove institutos ourensáns coñecen a UNED grazas ás conferencias que lles deu nas últimas semanas o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz. Este desprazouse aos centros IES Celso Emilio Ferreiro, en Celanova; IES Nº 1 e IES Chamoso Lamas, ambos os dous no Carballiño; o IES San Mamede, de Maceda; o IES O Ribeiro en Ribadavia; o IES García Barbón e IES Taboada Chivite, en Verín e tamén no IES Cidade de Antioquía e IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia. 

Todos os estudantes coñecen que na UNED non hai nota de corte para ningún dos 30 graos que ofrece. García Díaz díxolles que se esforcen en sacar adiante a ABAU, mesmo aqueles que non pretendan ir á Universidade en setembro. "O que tedes que facer é aprobala porque sempre vos quedará aí para cando decidades cursar estudos superiores", díxolles.

Saben todos que se estudan na UNED terán flexibilidade para auto organizarse e nunca estarán sós. Que o farán nunha universidade pública que está entre as máis prestixiosas do país polo seu nivel de esixencia. E que sairán ben preparados se se esforzan no seu traballo, que é ser estudantes.

Estudar na UNED supón cambiar o esforzo por buscar piso ou residencia e vivir fora polo único e exclusivo esforzo de estudar, centrarse niso, desde calquera recuncho da provincia. Estes mozos escoitaron ao relator debuxarlles un mundo próximo e distinto ao que agora teñen, pois se lles esixirá máis e non terán algodóns ao seu ao redor.

 "Foi un gusto enorme e unha felicidade poder falar a tantos mozos, dicirlles en confianza e sen esaxeracións, o que lles espera na vida universitaria, indo ao gran e coas cousas claras, para que todos saiban cara a onde van e que aproveiten todas as oportunidades. Ao mesmo tempo agradezo a disposición de todos os equipos directivos para a celebración destas sesións. O ano que vén tentaremos chegar a máis centros, reiniciando a rolda ourensá", sinalou o director de UNED Ourense.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es