OURENSE, 15 de abril de 2023. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, foi convidado polo Rotary Club da cidade para dar unha conferencia sobre a Catedral de San Martiño o vindeiro martes, ás 20.00 horas, no Salón de Faladoiros do Liceo de Ourense. A entrada é libre para cantos queiran asistir. García Díaz deterase nun aspecto interesante da catedral ourensá como é o de converterse desde o principio nun edificio xerador de urbanismo arredor de si desde os séculos XII e XIII na cidade medieval. García Díaz é un bo coñecedor da catedral da nosa cidade. Á parte das lecturas que fixo sobre o tema, e da extensa bibliografía reunida, escribiu sobre múltiples aspectos da súa historia, arte, arquitectura, liturxia, arqueoloxía... durante vinte anos, facendo un seguimento exhaustivo do monumento a través das páxinas de La Voz de Galicia, onde publicou centos de noticias, entrevistas, reportaxes, artigos de opinión, crónicas... O doutor García Díaz tamén realizou entre os anos 2004 a 2017 máis de vinte visitas interpretativas á Catedral de Ourense, que duraban toda unha mañá de sábado, durante tres horas. Por esas convocatorias pasou o todo Ourense e houbo edicións nas que o grupo se achegaba ás 90 persoas. Tiveron eco nos medios de comunicación da cidade e de Galicia.
Por esa convocatoria cultural gratuíta realizada naquel entón, toda unha novidade na cidade, pasaron os socios de diversos colectivos como A Troita Armada, os da Asociación de Estudos Culturais de Santa Mariña de Augas Santas; profesores de seis países europeos nun encontro internacional da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense; houbo outras dúas edicións deste nivel; para membros da Fiscalía, estudantes do Mestrado de Dirección e Innovación de Turismo de Interior e de Natureza; para profesores economistas de Italia, Alemaña, Letonia, Polonia e Rusia, tamén para as XXXIII Xornadas de Patrimonio Cultural da Igrexa Española; para veciños da Cidade Vella da Coruña sen esquecer a realizada a membros do Coro da Universidade Carlos III, outra para a UPO de Ourense así como a que lle fixo ao entón embaixador de Irlanda en España, David Cooney e a súa familia, en 2015 ou a realizada á embaixadora de Polonia, en 2018. Todos os sectores da sociedade ourensá pasaron por estas visitas que deixaron recordo en Ourense.
O actual bispo de Ourense, Leonardo Lemos, tamén foi un dos participantes naquelas visitas cheas de emoción nun ambiente moi positivo. O director de UNED Ourense ten abundante información sobre o monumento ourensán, que mostrou tantas veces con espírito didáctico, divulgador. Tamén é autor dunha monografía ña que reconstrúe a historia do espazo fronte a fachada occidental da catedral, é decir, a Praza de San Martiño. A súa próxima cita será esta conferencia do martes, 18 de abril, na que ensinará a Catedral desde outra perspectiva.
UNED Ourense
Comunicación