Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Quero saber que teño que facer para estudar na UNED"

12 de abril de 2023

Estudantes de Bachalerato dos institutos de Celanova e Ribadavia escoitaron os consellos que lles deu o director de UNED Ourense nas charlas ofrecidas en ambos os dous centros. En Celanova unha moza de ESO amosouse moi interesada por estudar na universidade pública máis grande de España.

OURENSE, 12 de abril de 2023. O IES Celso Emilio Ferreiro, de Celanova, acolleu esta mañá unha charla do director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, para os alumnos de Segundo de Bacharelato que a punto están de entrar na Universidade. Foi recibido polo director do centro, Adrián Fernández García e pola orientadora, Carmen María Iglesias Alonso. A charla tivo lugar na monumental Biblioteca do IES, que foi do antigo mosteiro benedictino de San Salvador, nunha boa parte do cal se sitúa o instituto da vila. Os rapaces, sentados en cadeiras e en sofás, nun ambiente distendido e confortable, escoitaron ao relator. estaban preocupados por obter unha nota alta na ABAU para estudar a carreira do seu interese e García Díaz animounos a realizar esa proba poñendo cada un todo o seu esforzo "e se non obtedes a nota que vos piden, sabede que poderedes entrar na UNED sen perder tempo, pois non temos nota de corte nos nosos 30 graos. Para estudar na UNED só necesitades superar a ABAU".

Os mozos preguntaron se estudando noutra universidade poderían pasarse á UNED e viceversa. Unha estudante dixo que tiña a idea de que a UNED era a universidade de persoas maiores, ao que o director de UNED Ourense díxolle que a UNED é unha universidade que aos seus 50 anos rexuvenece no seu estudantado, "pois cada ano vemos máis mozos e mozas procedentes da ABAU. Tamén vos digo que a UNED non é unha universidade secundaria senón unha das máis prestixiosas de España, polo seu nivel de esixencia, que cecais sexa o maior do país. Niso vai o seu prestixio. Quen veñades á nosa universidade tedes que saber que viredes traballar como estudantes, con todo o que iso implica. Que se vivides en Celanova, na Bola, Verea ou en calquera outro recuncho desta marabillosa comarca, vades ter ter unha magnífica formación como a de calquera outro estudante de calquera capital española ou europea. Pero hai que esforzarse".

Un mozo quixo saber se nas carreiras da UNED hai prácticas. "Por suposto que as hai, en Ourense temos varios convenios con, por exemplo, despachos de avogados ou de psicoloxía, con Concellos, e empresas varias e outras institucións para esas prácticas. En cada materia, teredes as Probas de Avaliación Continua (PECs) que tamén puntúan. Son traballos de investigación que deberán facer os estudantes da UNED. Teredes que estar pendentes do voso estudo continuamente, enriquecendo os vosos apuntamentos que iredes confeccionando por vós mesmos coa bibliografía proposta en cada tema e materia". 

O director de UNED Ourense púxolles exemplos de persoas que tras anos sen estudar, decidiron matricularse nun grao e agora son grandes profesionais. Insistiulles Jesús Manuel García na necesidade imperiosa de ler moito e escribir sen faltas de ningún tipo. "Pensade que agora vos van restar puntos se non acentuades ou se escribides mal unha palabra. Moito coidado con isto. Sempre digo que na educación superior non é de recibo que o estudante non saiba escribir ben nin fiar frases e construír un parágrafo con lóxica. Tomade boa nota e a por todas neste final de curso e na ABAU que xa está aí", díxolles. 

Os mozos de Celanova aplaudiron ao relator pola forma en que se dirixiu a eles, mostrándolles a realidade do que lles espera, e falándolles con exemplos que todos entenderon. Ao rematar a sesión, a orientadora informou ao director de UNED Ourense que unha estudante de cuarto de ESO pedíralle falar con el ao terminar a súa intervención. Esperouno no corredor, a orientadora fixo a presentación e a moza puido conversar co relator nunha sala próxima á biblioteca. "Quero saber que teño que facer para estudar na UNED", díxolle. García Díaz explicoulle que cando faga a ABAU, dentro de dous cursos, poderá acceder á UNED. Contoulle como se estuda nesta universidade e a alumna atendía con moito interese. Resumiulle o que expuxera na charla xeral e animouna a prepararse desde xa poñendo o mellor de si no estudo e na escritura. "Tes dous anos para practicar cada día, e con constancia verás como en pouco tempo estarás facendo a carreira do teu interese connosco. Agora tes meses dabondo para repasar a oferta da UNED con calma, mira todos os graos, pregúntante cal ou cales che interesan, sopesa todo e en dous anos seguro que terás a elección feita".

Ribadavia 

En Ribadavia o director de UNED Ourense foi recibido no IES O Ribeiro pola vicedirectora, María del Valle Rapela Blanco e polo orientador, Juan José García Rodicio. Alí, os estudantes, tanto de Segundo como de Primeiro de Bacharelato puxeron moita atención cando o relator faloulles de cambiar o chip e pasar a converterse en responsables e ter autoorganización. Con esta charla a todos fóiselles a idea que tiñan equivocada da UNED. Agora saben que é unha universidade moderna, do século XXI aos seus 50 anos de servizo, cun perfil de estudantes cada vez máis novos. A UNED está presente en todas partes cumprindo a súa vocación de servizo público para toda a sociedade. Unha universidade prestixiosa, esixente e flexible, que admite a miles de persoas ben por ABAU, ben polo Curso de Acceso para maiores de 25 e 45 anos. E sen notas de corte.

Aos mozos cambioulles a expresión cando se lles insistiu en que hai que formarse con rigor, ler moito e escribir ben á vez que hai que ser constantes e estar abertos a todo. "Pero o primeiro é que creades en vós mesmos e sexades persoas ilusionadas, que soñedes en grande e que conseguiredes todo aquilo que vos propoñades se vos esforzades". Cando García Díaz preguntoulles que dixesen que palabra asóciase á de Universidade de modo que sen ela non pode existir esta, non houbo forma de que a dixesen. Un soltou: "Festa!". "Festa, a que vades ter o vindeiro curso cando teñades que traballar duro", replicou cun sorriso o director de UNED Ourense á vez que lles dixo: "A palabra que estamos a buscar é Investigación". E todos exclamaron como querendo dicir que non se lles ocorreu este termo tan usual.

Son novos, adolescentes, pero teñen que ir mentalizándose para triunfar na nova fase académica á que van destinados. "Iredes madurando, xa o veredes. O secreto de todo é ter unha gran curiosidade polo coñecemento e traballar todos os días no que é a vosa actividade laboral: o estudo. Non e pídevos outra cousa".O orientador pediu ao relator que contase a súa experiencia propia para que os alumnos vexan que a vida dá voltas. 

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es