Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Nace o Portal do Investigador da UNED con máxima funcionalidade y mínimo custo

1 de marzo de 2023

"O futuro é prometedor porque proxectos concebidos con rigor, sen dúbida contan cun futuro esperanzador", sinalou o reitor, Ricardo Mairal sobre esta iniciativa realizada en colaboración coa Fundación Dialnet que reúne o traballo de máis de 1.520 científicos agrupados en 211 equipos de investigación. 

OURENSE, 1 de marzo de 2023. A UNED presentou esta mañá o Portal da Investigación, un sitio de referencia que recolle e presenta a produción científica da universidade. A UNED manterá este portal como punto de acceso aos resultados da actividade investigadora do seu persoal docente e investigador (publicacións científicas, patentes, teses dirixidas, etc.). No portal pódese acceder a información detallada sobre a produción de cada investigador, e tamén a vistas agregadas para cada grupo de investigación e para a universidade no seu conxunto. 

O portal foi realizado no marco dun convenio coa Fundación DIALNET, e na súa elaboración interviñeron por parte da UNED o Vicerreitorado de Investigación, a Biblioteca, a Oficina de Tratamento de Datos e o Centro de Tecnoloxía da UNED, ademais da Fundación DIALNET

A directora da Biblioteca da UNED, Isabel Calzas González, salientou que "foron moitos anos perseguindo este proxecto. A Biblioteca estivo empuxando para que este proxecto chegase a bo porto. Trátase dun proxecto moi importante, sabiamos que era a terceira pata da infraestrutura de investigación que necesita a UNED". Calzas agradeceu o traballo levado a cabo polo equipo da Biblioteca, así como de todos os profesionais da UNED que participaron, e da Fundación Dialnet.

Julio Gonzalo sinalou a dificultade de atopar no mercado a ferramenta perfecta. Grazas ao contacto coa Fundación Dialnet apareceu o máis semellante a iso. 

O vicerreitor adxunto de Investigación, Julio Gonzalo Arroyo, expuxo que "na UNED somos líderes en dixitalización pero non tiñamos un portal científico. O camiño non foi fácil pois había que atopar unha ferramenta perfecta, o que significa que tivese a máxima funcionalidade e o mínimo custo, que fose interoperable coas nosas bases de datos e as doutras universidades. No mercado non hai ningunha ferramenta que cumpra estas necesidades. Contactamos coa Fundación Dialnet e a súa ferramenta é óptima. Ten equilibrio fantástico entre automatización e ofrece unha información de calidade moi grande do dato". Julio Gonzalo engadiu que este proxecto "é un convenio, o que significa que é unha solución óptima en conxunto. Non somos clientes, polo que poderemos ir achegando melloras".

O director xerente da Fundación Dialnet, Joaquín León Marín, sinalou que esta ferramenta dá "solución a problemas de diversas universidades no sentido de dar visibilidade á produción científica dos investigadores". León tivo tempo de expoñer o futuro deste tipo de colaboracións e así dixo que desde a Fundación que representa está a traballarse nun portal con 17 universidades españolas, por agora, no que se mostran 40.000 investigadores e un millón de publicacións científicas. Ese portal é Inves. Augurou un futuro interesante para as universidades que participan neste tipo de proxectos. E felicitou á UNED por apostar por este Portal do Investigador.

O reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón, mostrou o seu agradecemento "a todos os que fixeron posible a construción deste proxecto", desde a Biblioteca ata a Fundación Dialnet pasando polo CTU e a Oficina de Datos da UNED. "Era difícil buscar unha ferramenta adecuada. Por iso quero felicitar porque esta ferramenta permite que o sistema de extracción da información é moi elevado e é interoperable con outras bases de datos. Debemos estar moi satisfeitos. Eu como reitor estouno". Asegurou Mairal que "o futuro é prometedor porque proxectos concibidos con rigor, sen dúbida contan cun futuro esperanzador. A nosa esperanza está na ciencia e no coñecemento". O reitor tamén agradeceu o traballo das vicerreitoras de Tecnoloxía e Investigación, Rocío Muñoz Mansilla e Rosa María Martín Aranda respectivamente. Esa última, sinalou o reitor, por coordinar as actuacións que levaron a bo porto.

  Ricardo Mairal mostrou o seu agradecemento a cantos colaboraron na construción deste Portal do Investigador.

O novo portal científico dota á UNED dunha base de datos unificada e actualizada da súa produción científica, e cumpre varios obxectivos: 

  • Ofrece aos investigadores da UNED información centralizada (e recompilada de forma automática de fontes como Scopus, Web of Science e Dialnet) da súa produción científica (publicacións, teses doutorais dirixidas, patentes, etc.) xunto con indicadores da súa calidade.
  • Brinda ás estruturas de investigación da UNED, como os grupos e centros de investigación, información agregada sobre a súa produción científica e a calidade da mesma, imprescindible para acudir a convocatorias de financiamento competitivas e para realizar diagnósticos e toma de decisións sobre a mesma. 
  • Facilita aos órganos xestores da universidade a capacidade de obter indicadores agregados da produción científica da universidade ao longo do tempo, o que a converte nunha ferramenta esencial para analizar e mellorar a súa calidade, a súa visibilidade e a súa difusión.
  • Ofrece á sociedade un rendemento de contas actualizado e transparente sobre os resultados de investigación obtidos pola universidade.
  • Permite a empresas e organizacións unha vista unificada das áreas de investigación nas que destaca a UNED, que pode motivar accións conxuntas de transferencia de coñecemento a través de contratos de investigación e outros tipos de iniciativas.

A UNED conta con 211 equipos de investigación en Ciencias, Humanidades e Enxeñeiría cuxa elevada produción científica pode consultarse con rapidez e sinxeleza.

Neste portal están os 1.527 investigadores agrupados en 211 grupos de investigación. Constan 951 proxectos e 70.531 publicacións científicas e máis de 5.118 teses de doutoramento. Estas pódense buscar por teses defendidas (por ano ou por departamento); e teses dirixidas.

Este Portal da Investigación da UNED ofrece tamén 23.530 producións científicas en acceso aberto. Elo permite consultar 7.239 teses de doutoramento e 20.264 publicacións científicas por anos. Pero tamén permite consultar:

  • 34.034 artigos científicos
  • 9.723 libros
  • 16.455 capítulos de libro
  • 7.827 aportacións a congresos
  • 2.632 outros

A Biblioteca Central da UNED custodia todas as publicacións froito da intensa actividade investigadora dos científicos desta Universidade no eido das Ciencias e das Humanidades.

En canto a indicadores, este portal amosa os seguintes:

Tamén mostra impactos Journal Impact Factor (JCR), en publicacións en revistas SCImago Journal Rank (SJR); igualmente o Índice Dialnet de Revistas (IDR) así como a Clasificación Integrada de Revistas Científicas (CIRC) e o Journal Citation Indicator (JCI). 

A imaxe mostra os indicadores globais das publicacións en revistas científicas polos investigadores da UNED. 

Os grupos de investigación concéntranse nos seguintes centros:

Ten a UNED un plantel de máis de 1.520 investigadores que contribúen cos seus proxectos á producción cientifica do país.

E ises grupos de investigación radican nos seguintes departamentos:

A UNED colabora con 1.000 institucións e organizacións científicas en todo o mundo. En España mantén colaboración con 306 entidades; nos Estados Unidos mantén 191 colaboracións. Tenas nos cinco continentes, desde as 26 de China ou 34 co Xapón ata as 7 de Noruega, pasando polas 30 colaboracións en Canadá ou as 7 que ten en Sudáfrica, ou as 27 con Australia, entre outros moitos países. Ao picar en cada país, móstranse todas as universidades coas que houbo ou segue habendo colaboración, e ao picar en cada unha, aparecen os investigadores da UNED que participaron, o tempo que durou esa colaboración e, entre outros datos, todas as publicacións que se realizaron froito desa colaboración. 

A UNED amosa no seu Portal da Investigación un total de 65 patentes. Trátase dunha ferramenta que achega unha enorme riqueza de datos.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es