UNED Ourense achégase á figura de Manuel Blanco Romasanta desde unha ollada pluridisciplinar
24 de febrero de 2023
Do 15 ao 30 de marzo os irmáns Félix Francisco e Cástor Manuel Castro Vicente desenvolverán un amplo programa para coñecer mellor este fenómeno do século XIX protagonizado por un home natural de Esgos considerado como o primeiro asasino en serie español con repercusión internacional.
OURENSE, 24 de febreiro de 2023. Manuel Blanco Romasanta (Regueiro, Esgos -Ourense, 18-11-1809 - Ceuta 16-12-1863) foi quizais o primeiro asasino en serie español con repercusión mediática internacional. Home lobo confeso, declarou durante o proceso xudicial ter devorado a trece persoas, aínda que finalmente foi condenado no ano 1854 pola Audiencia da Coruña a cadea perpetua pola morte de nove. O presente curso de UNED Ourense ofrece un enfoque interdisciplinar do caso de Manuel Blanco Romasanta –en diante MBR-, abordándoo desde múltiples perspectivas:
- Histórica e xurídica: os feitos criminais axuizados, a súa detención, proceso xudicial e destino final de Manuel Blanco. Autoría. Posibles cómplices. Probas da súa culpabilidade ou inocencia. A repercusión mediática do xuízo.
- Antropolóxica: contextualización dentro do marco europeo; crenzas e folclore sobre a zoantropía e licantropía, sacamantecas e home do saco; memoria oral sobre o caso.
- Criminolóxica, victimolóxica, desde a perfilación xeográfica e criminal; comportamento das vítimas e do victimario, o seu modus operandi, e posibles móbiles dos seus crimes. apuntamentos doutras disciplinas e distintas teorías desde unha perspectiva médica e psiquiátrica relacionadas co seu comportamento: a súa posible intersexualidade; indicios dalgún tipo de patoloxía (psicopatía, personalidade múltiple, ergotismo, etc. ). A perspectiva farmacéutica e o uso do corpo humano como medicamento ao longo da historia.
- Desde a pericia caligráfica: falsificacións de documentos na causa, documentos que lle incautaron a Manuel Blanco na súa detención, etc.
Este curso celebrarase no Salón de Actos de UNED Ourense, do 15 ao 30 de marzo, en horario de 18.30 a 20.30 horas. Consta de 10 horas lectivas e 0,5 créditos ECTS. Os interesados poden elixir a asistencia presencial ou a asistencia en liña en directo ou en diferido. Os relatores en todas as sesións son:
- Félix Francisco Castro Vicente, licenciado en Dereito e en Antropoloxía Social e Cultural. Antropólogo investigador independente, investigou o caso de MBR desde o punto de vista victimolóxico e criminolóxico.
- Cástor Manuel Castro Vicente, licenciado en Dereito. Curso de posgrao en pericia caligráfica e grafoloxía (Universitat de Barcelona). Etnógrafo e investigador independente, que fixo algunha das máis importantes e valiosas contribucións ao estudo do caso de MBR dos últimos quince anos.
PROGRAMA
Mércores, 15 de marzo: Sesión 1: Por que estudar o caso MBR?:
- Introdución do curso.
- O contexto social e histórico.
- Breve relato do caso: infancia de Manuel Blanco, matrimonio, viudez.
- Venda ambulante, primeiros crimes, fuxida a Rebordechao.
- Novos crimes en Rebordechao e Castro de Laza.
- Fuxida a Castela, detención
Mércores, 22 de marzo: Sesión 2: O principio do fin:
- Primeiras denuncias e actuacións, primeiras declaracións despois da súa detención.
- A inspección dos lugares dos crimes.
- Marco xurídico en que se produce o xuízo a MBR: o proceso xudicial, tramitación, probas, estratexias da acusación e da defensa do caso.
- O final de MBR: conmutación da pena de morte pola de cadea perpetua.
- Traslado á prisión de Ceuta, vicisitudes e últimos días.
Xoves, 23 de marzo: Sesión 3: As antropoloxías do medo, sacauntos e homes do saco na mitoloxía galega e ibérica. Casos históricos e reais:
- Crenza e mitos sobre a zoantropía e licantropía no contexto ibérico, europeo e universal.
- Como influíron estas crenzas na causa?
- O comercio de graxa humana: contexto histórico, mito ou realidade?
- Outros procesos xudiciais similares ao caso MBR.
- O corpo humano como medicamento.
- Modernos estudos sobre o tema.
Mércores, 29 de marzo: 18:30-20:30 h. Sesión 4: Hipótese do caso MBR desde a criminoloxía; apuntamentos desde unha perspectiva médica:
- O caso MBR desde a criminología: perfilación criminal e xeográfica,
- MBR como criminal en serie, achegas da victimología.
- Escenas do crime, modus operandi e posibles móbiles.
- O estudo médico dos forenses na causa.
- A decisiva intervención de Mr. Philips.
- Posible intersexualidade?
- Visión actual.
- Outros supostos similares.
- Asasino frío e calculador ou enfermo?
- Outras hipóteses sobre patoloxías: Personalidade múltiple, licantropía clínica, esquizofrenia, intoxicacións por cornezuelo ou ergotismo, etc.
Xoves, 30 de marzo: Sesión 5: Influencia na arte. Conclusións.
- A pegada do caso MBR na arte: literatura, cinema, música e artes plásticas.
- Grandes personaxes do panteón do terror moderno (sacaúntos, chupasangues, cultura vampírica…).
- O cinema de licántropos como subxénero do cinema de terror.
- Famosos homes lobo no cinema: Paul Naschy…
- Conclusións. Repaso xeral do curso. Dúbidas e preguntas finais.
Inscrición
A modalidade de matricula ESTUDANTES (doutras universidades distintas á UNED, ciclos de FP, escola de oficial de Idiomas, conservatorio de música) teñen que achegar copia da matrícula do curso vixente 2022-2023. Hai 40 prazas dispoñibles para aquelas persoas que opten pola modalidade presencial no Salón de Actos do Centro UNED de Ourense. A matrícula ordinaria é de 25 euros; a de alumnos UNED e a de estudantes en xeral, 20 euros.
UNED Ourense
Comunicación