OURENSE, 19 de decembro de 2022. O reitor da UNED, Ricardo Mairal, tomou posesión do seu cargo nun acto que tivo lugar esta tarde na Facultade de Educación da UNED, tras conseguir novamente a confianza dos electores no sufraxio celebrado o pasado 16 de novembro. O acto foi presidido por Joan Subirats, ministro de Universidades, en presenza de Rebeca de Juan, secretaria xeral da UNED, autoridades, membros da universidade, estudantes e convidados á cerimonia.
Ricardo Mairal remarcou o importante labor da universidade para a consecución de todos os retos e desafíos a que nos enfrontamos como a guerra; o cambio climático; a transición ecolóxica e dixital; a saúde e o benestar social; o novo modelo enerxético; as brechas de desigualdade de xénero, social e territorial; ou a calidade das institucións.
Segundo as súas palabras, “a consecución de todos estes desafíos dependerá do peso que lle deamos á ciencia, á educación e á docencia, á investigación, nunha universidade consciente do seu saber, capaz de anticipar e asumir o seu papel de liderado para dirixir ese cambio cara a unha sociedade do coñecemento baseada nun crecemento intelixente, sostible, integrador e inclusivo”. Sendo a UNED “unha Universidade que asume o seu liderado no contexto social actual”.
Pola súa banda, o ministro Joan Subirats puxo énfase no labor da UNED como precursores na formación ao longo da vida, como se pide desde a Unión Europea, cos Microtítulos, unha formación que permite “cumprir co reto de formar ao conxunto da poboación para que sexa capaz de adaptarse ao ritmo de cambio co que estamos a avanzar”. Tamén quixo subliñar a presenza da UNED, que vai desde a España baleirada, cos seus 61 centros nacionais, ata a súa presenza cos 22 centros no exterior.
UNED Ourense
Comunicación
Fotos: David Yebra