OURENSE, 25 de novembro de 2022. Despois do congreso internacional que a UNED celebrou en xullo en Ourense sobre Ferramentas Dixitais e Innovación na Resposta Humanitaria. Cooperación para a Innovación e o intercambio de boas prácticas e do curso que se está celebrando en UNED Ourense sobre como afrontar as crises humanitarias coas mellores estratexias, compartindo as boas practicas que levan a cabo en diferentes países, dentro do proxecto Inovhumre (Innovation in Humanitarian Response), a Fundación San Rosendo mostrouse interesada en coñecer todo o traballo que a UNED desenvolve neste ámbito. Por iso celebrou unha reunión co catedrático de Traballo Social da Facultade de Dereito da UNED, doutor Antonio López Peláez, e co director de UNED Ourense, doutor Jesús Manuel García Díaz. Por parte da Fundación ourensá foron anfitrións o seu presidente, José Luis Gavela Varela e o patrón Julio A. Soto Varela.
O encontro foi do maior interese pois ambas as institucións exploran formas de colaboración. A UNED ten unha potente e recoñecida liña de investigación en Traballo Social e Servizos Sociais da que se están beneficiando outras institucións en España con gran éxito e rigor tanto profesional como científico. Esta primeira reunión responde o interese que tanto a Fundación San Rosendo como UNED Ourense teñen en apostar forte pola mellora no ámbito de actuación social.
UNED Ourense
Comunicación