Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O nacemento da bodega Cooperativa de O Ribeiro

24 de noviembre de 2022

Luis Gulín Iglesias, membro do PAS de UNED Ourense, reconstrúe a historia da Cooperativa de Ribadavia nun artigo publicado na revista A Fundación.  Asegura que "a viticultura da comarca encarou unha difícil situación durante os cincos anos da República, sufrindo importantes perdas de mercados exteriores, que provocaron unha superprodución relativa e o aumento da competencia do matute no mercado galego".

OURENSE, 24 de novembro de 2022. Luís Gulín Iglesias, membro de Persoal de Administración e Servizos de UNED Ourense e licenciado en Dereito, publicou un artigo no que recolle a historia da Cooperativa do Ribeiro titulado: A cooperativa Nosa Señora do Portal de Ribadavia (1963-1968), nos números 37 e 38 da revista A Fundación, da Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia. No noso centro asociado a actividade investigadora non falta tampouco en membros do PAS como este. “As primeiras cooperativas en España aparecen a mediados do século XIX e xorden ligadas á aparición das mutualidades obreiras. En 1927 exponse un anteproxecto de lei que regule esta forma de economía solidaria que foi defendido por xornais das organizacións agrarias locais da comarca do Ribeiro como unha fórmula idónea para garantir ao pequeno campesinado a comercialización da súa produción sen intermediarios. Por desgraza, os sindicatos agrarios foron incapaces de organizar unha cooperativa cos colleiteiros máis acomodados da zona para protexer a economía dos pequenos produtores. Por tanto, no Ribeiro mantívose o sistema tradicional de comercializar o viño por vía da intermediación dos corredores locais sen que xurdisen cooperativas vinícolas para vender directamente a produción”. A lei de Cooperativas do 9 de setembro de 1931 foi elaborada por expertos de moi distintas ideoloxías no seo do famoso Instituto de Reformas Sociais por estudos do ano 1925. A viticultura do Ribeiro, sinala Gulín, “enfrontouse a unha difícil situación durante os cinco anos da República, sufrindo importantes perdas de mercados exteriores, que provocaron unha superproducción relativa e o aumento da competencia do matute no mercado galego”.

Vendima do ano 1967 na cooperativa en Valdepereira. 

A crise permanente do viño do Ribeiro pódese resumir, segundo o autor do traballo, en poucos puntos:

  •  O tipo medio de viticultor é minifundista, incluso algúns microfundistas, cunha produción anual de 25 a 50 hectolitros.
  •  A produción é de escasa calidade e non alcanza prezos remuneradores.
  •  A elaboración baséase en criterios e crenzas antigas, equivocadas, anticientíficas, onde se chegan a mesturar viños manchegos, bercianos e levantinos cos da comarca, dexenerando a súa imaxe e calidade. 

Outro dos factores que dificultan a imaxe do viño do Ribeiro, engade Luís Gulín, é o dos intermediarios, os corredores de viño, “inicialmente figura pensada en facilitar a operación entre compradores e vendedores, pero co tempo transformouse nun abuso de poder quedándose coas colleitas dos minifundistas a prezos de risa. Esta situación facilita aos intermediarios ser ao mesmo tempo almacenistas. Agora a súa función é comprar viños nas mellores condicións, reelaborarlos e vendelos a prezos altos, isto sempre á conta dos pequenos produtores que traballan a terra e non ven nada do enriquecemento á súa costa”. “Para acabar con todo isto os viticultores das zonas situadas nas beiras do rio Avia agrúpanse para poñer en marcha en Leiro a Cooperativa do Ribeiro do Avia no ano 1952 sendo inaugurada o 22 de novembro de 1953”, sinala o autor do traballo.

Imaxe do primeiro curso de enólogos celebrado en Ribadavia. 

Primeira comisión organizadora en 1952

Ribadavia non quería quedar atrás e creou tamén unha comisión organizadora o 1 de febreiro de 1952 para impulsar unha Cooperativa Vinícola na vila. Esta comisión estivo integrada por Cesáreo Giráldez (Presidente), Jesús Pousa (Secretario), Benjamín Diéguez (Tesoureiro) e os vogais Odilio Freijido, Francisco Areda, Francisco Villar, Cesáreo Dávila, Andrés López Alejos (ao mesmo tempo presidente da Irmandade de Labradores e Campesiños) e Gonzalo Davila. A xente interesada en constituír a cooperativa debería recoller un impreso na tenda Calzados Olimpia. Pero a iniciativa quedou sen resultado concreto. “No 1956 o alcalde de Ribadavia, Joaquín Robla, nunhas declaracións en El Pueblo Gallego, por motivo das Festas do Portal, salientaba a necesidade de que Ribadavia contase como Leiro cunha Adega Cooperativa para revalorizar e recuperar a marca viño do Ribeiro que nese momento estaba polos chans pola entrada de viños foráneos do Bierzo, A Mancha e da zona levantina. Daríase tamén oportunidades laborais a moitos agricultores da zona que non poden ser absorbidos polas industrias de cadaleitos”. 

Os viticultores de Ribadavia expuxeron en 1956 retomar a idea de crear unha cooperativa na vila, tendo especialmente presente que “na campaña do 55, as uvas pagáronse a 2,50 pesetas o quilo, mentres que a Cooperativa de Leiro abonaba ata 4,50 pesetas. Só na zona de Santiago a Cooperativa de Leiro chegou a vender ata catro millóns douscentos mil litros, a maioría tinto. O proxecto foi despois impulsado por Unión Territorial de Cooperativas do Campo de Ourense (UTECO) no ano 1958 pero non dá avanzado”. 

En xaneiro de 1959 o Ministerio de Agricultura delimitou a zona de produción dos viños de orixe Ribeiro que tiñan que ser vendidos sen manipulación e mestura. “Segundo o art 30 da lei de maio de 1933 a zona de produción abarcaba terreos dos termos municipais de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada. As parroquias de Banga, Cabanelas e Home (O Carballiño), Pazos, Albarellos, Laxas e Moldes (Boborás), Puga, Igrexa de Puga, Oliveiral, Fa, Caleiros e Alongos (Toén) e Touza (San Amaro). Os comerciantes almacenistas radicados na zona que non estean inscritos no rexistro do Consello Regulador deberán vender e rexpedir os viños non embotellados e protexidos cos precintos e placas do consello no mesmo estado que o reciban, sen manipulación, nin mesturas. O mesmo rexerá para os demais almacenistas de viño do territorio nacional. O consello regulador expedirá un certificado que deberá ir achegada a cada venda de viño non embotellado”, indica Gulín Iglesias. 

O ano 1963 foi tamén un tempo de crise vitivinícola na provincia dado que a concentración parcelaria foi descartada polos técnicos que traballaban a pé de campo. “A nivel provincial había 17.000 hectáreas dedicadas ao cultivo da vide, cunha produción de 800.000 hectolitros que correspondían a 23.000 viticultores. Era necesario crear unha ampla rede de adegas segundo os estudos do Ministerio de Agricultura, como mínimo 19 (das cales una, a de Leiro, estaba en funcionamento e outras tres en marcha), dúas plantas de embotellado de viños e dous alcoholeras, supoñendo o investimento 210 millóns de pesetas”, sinala Gulín.

Primeira xunta reitora en 1963

 O 19 de marzo de 1963 Ribadavia deu o primeiro paso no cinema Río de Ribadavia para crear a súa primeira adega cooperativa co nome da Nosa Señora do Portal. Integraban a súa primeira xunta directiva Manuel Meruéndano Pardo (Presidente), Julián González Gaberna (Vicepresidente), Serafín Canitrot Santalices (Secretario) e Odilio Freijido Montero (Tesoureiro). Decidiron crear catro puntos de recepción de uva en toda a comarca, concretamente en Esposende, Trasariz, Xubín e Razamonde, todos no municipio de Cenlle. Estaba previsto dotalos de básculas de pesas e tolvas para as uvas brancas e tintas. A produción inicial prevista era de 45.000 hectolitros e o terreo adquirido sería un solar en Ventosela, concretamente en Valdepereira, chamado Leira Carballo. Constaría de 550 socios inicialmente cun investimento de 80 millóns de pesetas, pero ata 1966 non se activaría o proxecto. Previamente xa se realizou unha intensa campaña informativa por parte de Eulogio Gómez Franqueira, xerente de UTECO, en Esposende, San Andrés, Ribadavia, Chavolas, Sampaio e Francelos.

“Entre semana as reunións eran entre 8 a 10 da tarde, e os domingos pola mañá e pola tarde, onde se falaba do funcionamento das cooperativas, o seu alcance e vantaxes, a comercialización do viño, elaboración e etiquetaxe do viño, todo co obxectivo de crear oito cooperativas de primeiro grao na comarca. Un dos resultados foi a iniciativa dunha cooperativa en As Chavolas que debería agrupar aos pobos de Saa, Sanín, Seixo e A Grova. A reunión con Eulogio Gómez Franqueira desenvolveuse o 18 de febreiro de 1963 nas instalacións do Bar Celta”. A mensaxe central de todas esas sesións a favor do cooperativismo no Ribeiro residía que o viño desta terra é un moi bo viño, “pero a elaboración quedou anticuada e non concordaba cos novo métodos científicos, aparte que a fórmula de cooperativa tiña vantaxes no ámbito da comercialización e conservación do produto. Ademais a unión de colleiteiros da comarca creou e consolidou unha marca de prestixio que permitía que se cotizase no mercado a prezos máis elevados que os conseguidos por medios individuais”. A iso engadíase a emigración sen freo de veciños a Australia, Suíza ou Alemaña. “As autoridades e a opinión pública seguían insistindo en que para paliar esa sangría había que facer capacitación rural, en especial reforzar o labor pedagóxico do mestre e do sacerdote para estes mesteres. Ourense seguía sendo a provincia máis pobre de España, a de menor renda por habitante”, sinala o autor do artigo. Manuel Meruéndano Pardo, presidente da xunta provisional da Cooperativa de Ribadavia, A Nosa Señora do Portal, publicou en El Pueblo Gallego do 7 de setembro de 1964, un artigo indicando que os labores agrícolas “tíñanse que realizar por persoas de avanzada idade ou por xente que non ten aínda a idade para emigrar”. Ao mesmo tempo de forma paralela había que agregar unha explosión de custos adicionais como os impostos que gravan a riqueza rústica e o elevado custo dos produtos como sulfato, xofre etc. Insiste Meruéndano no cooperativismo para frear o abandono dos viñedos que en moitas zonas de Ribadavia estaban a converterse en tojales, piñeirais ou terras sen cultivar. O Goberno Civil de Ourense intensificou a campaña do cooperativismo e en novembro de 1964 informaba que a Cooperativa de Ribadavia tería unha capacidade de 15 millóns de litros, aínda que de momento elaborase 8 millóns de litros. “A maiores realízanse cursos de capacitación para ser mestres e analistas adegueiros, titulados polo Ministerio de Agricultura. As clases teóricas-prácticas abarcaban desde a selección da uva ata a técnica de laboratorio. O obxectivo do curso de capacitación era cambiar a mentalidade arcaica que aínda permanecía no Ribeiro. A primeira asociación da comarca destes técnicos estivo presidida por Francisco Bouzas Cortés, que xunguía a expertos formados nestes cursos de capacitación profesional”.

Presentación

Presentouse en sociedade por primeira vez en forma de maqueta na II Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia de 1965. Segundo as autoridades da época a futura Adega sería unha das máis grandes de España. En outubro de 1965 falecía repentinamente aos 44 anos de idade Faustino Canitrot Santalices, secretario da Xunta Reitora da Cooperativa. Ese mesmo ano entra un cheque de 49 millóns de pesetas á Cooperativa a cargo de José Solís Ruíz, Ministro Secretario Xeral do Movemento, a conta do Banco Nacional de Crédito Agrícola. Manuel Meruéndano Pardo estimaba que a súa posta en funcionamento podería ser durante o ano 1966, pero atrasouse a agosto de 1967 contando cun orzamento de 75 millóns de pesetas (55 millóns en obras e 20 millóns en maquinaria), máis 2 millóns de pesetas en planta embotelladora que lanzaría de 3 a 5 mil botellas a hora segundo fosen de tres cuartos ou de litro. Unha das razóns dese atraso era tamén a próxima inundación do val do Miño e das amplas terras de viñedos entre as beiras de Castrelo de Miño e Ventosela-Sampaio. Meruéndano Pardo consideraba que a inundación causaría un prexuízo económico que co tempo recuperaríase. En 1967 pechouse a admisión en marzo con ao redor de 850 socios e estimábase ter unha capacidade de produción de seis millóns de litros anuais. Pero a xiada do Cruceto provoca a catástrofe na comarca. Só en Leiro cunhas perdas de 30 millóns de pesetas resultaron afectadas máis de 700 familias. Arrasou en Cenlle, Castrelo de Miño e Ribadavia. Esposende, Arnoia, San Clodio ou Gomariz foron pouco afectados. Unha das medidas de apoio por parte do Goberno foi conceder a Ribadavia unha oficina de Extensión Agraria que se situou nos seus inicios nas actuais dependencias do Museo Etnolóxico da vila. A súa función era prestar axuda técnica, material, legal ou mesmo moral para os agricultores do Ribeiro. O seu primeiro director foi José Antonio Real.

A primeira vendima

A primeira colleita de uvas realizouse baixo a supervisión do primeiro enólogo da cooperativa, José Domínguez Alejandre, licenciado en Químicas e Enólogo. Constaba de 2 millóns de litros e 2.199.919 quilos de uva. Utilizáronse 15.000 bolsas de plástico substituíndo os clásicos culeiros e para garantir a loxística do transporte nos sitios máis distantes da cooperativa creáronse centros de recepción da uva. O embotellamento da primeira colleita foi en marzo de 1968.

Fusión cooperativas de Leiro e Virxe do Portal

O escenario elixido foi o Cinema Río de Ribadavia en xaneiro de 1968. A xunta reitora da Cooperativa Nosa Señora do Portal reuníase en asemblea extraordinaria para debater a fusión coa cooperativa de Leiro. Os asistentes votaron a favor da fusión celebrando o 4 de febreiro a asemblea constituínte da nova cooperativa que levará o nome Adega Cooperativa do Ribeiro, nomeando á súa xunta reitora que forman os señores Eulogio Gómez Franqueira (presidente), Antonio Iribarren Negrao, José Luis García Boente, Manuel Meruéndano Pardo e Víctor López Quijada. A nova entidade acollerá a 1.500 colleiteiros (o 60% da comarca), cunha produción de 140.000 hectolitros anuais e unha facturación ao redor de 100 millóns de pesetas. Na primeira vendima da fusión recolléronse na nova Cooperativa de Valdepereira 13 millóns de quilos de uva.

Podes ler aquí o artigo na súa totalidade

  

UNED Ourense

Comunicación

FOTOS: Cesión Familia Bouzas-Cortés.

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es