Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Jesús Manuel García: "Desde o inicio da Guerra Civil utilizouse a masonería como elemento recurrente para achacarlle, polos sublevados, a causa de todo tipo de males"

22 de septiembre de 2022

O director de UNED Ourense foi un dos relatores nunha xornada de historia contemporánea organizada en UNED Calatayud para estudar a represión contra a masonería durante a dictadura franquista. Tamén falaron Juan José Morales, profesor de Historia; Txema Oleaga, Gran Maestro da Gran Logia de España e Mar Bergua, Gran Maestra da Gran Logia Femenina de España. 

OURENSE, 22 de setembro de 2022. Desde UNED Calatayud e desde UNED Ourense desenvolveuse unha xornada de historia contemporánea centrada na represión da masonería durante a ditadura franquista. Presentada polo director de Calatayud, Luis Joaquín Simón, onde estaban tres relatores, en Ourense interveu o seu director, Jesús Manuel García Díaz, para iniciar a xornada cun relatorio sobre a represión franquista contra docentes masones ou acusados de hiramitas que daban clase en escolas nacionais da provincia da Coruña. 

Jesús Manuel García dixo que uns o eran pero outros en absoluto, a pesar de achacárselles ese “delito”. Expuxo que “ser masón era unha carga, aos ollos dos sublevados. Ser masón era un problema pero non menos certo é que a todos os docentes estudados castigóuselles por algo máis, é dicir, por republicanos de esquerdas”.

O relator deu as claves do sistema educativo republicano e o posterior franquista, que pouco ten que ver. “Masones e republicanos tiñan en común o anticlericalismo e a crítica ao poder político, económico e social da Igrexa católica, que era asimilada á representación da orde social vixente”, sinalo, engadindo que a defensa da escola laica, gratuíta e obrigatoria harmonizaba cos ideais da masonería, dado que esta quería a emancipación do ensino primario, desenvolvéndoa en aulas laicas. "O franquismo criticaba a Institución Libre de Ensino (ILE), cualificándoa de caste masónica. Consideraba que a ILE tiña estrutura masónica. Co sistema educativo dos sublevados priorizábase os contidos ideolóxicos antes que os pedagóxicos, predominaban a lingua castelá e os contidos patrióticos e relixiosos. Aceptar a doutrina católica obrigaba ao docente para explicar conceptos contrarios ás verdades científicas, sirva como exemplo o tema da evolución da humanidade”. García Díaz fixo un repaso sobre A Coruña republicana e masónica. A cidade herculina representaba o símbolo da República en Galicia, e foi un referente tamén no resto de España por ter un concello moi influente dado o seu prestixio liberal e progresista. A provincia coruñesa foi a máis importante de Galicia no que á presenza da masonería refírese, pois houbo talleres simbólicos na propia capital, tamén en Ferrol e en Santiago. A historia da Coruña está certamente vinculada á masonería desde a segunda metade do século XVIII, ata o XX. A orixe desa presenza masónica relaciónase co seu porto. O relator resumiu os pasos do proceso depurador establecido polos franquistas e, facendo referencia á Lei do 1 de marzo de 1940 sobre Represión da Masonería e o Comunismo. ”Desde o inicio da Guerra Civil utilizouse a masonería como elemento recorrente para achacarlle, polos sublevados, a causa de todo tipo de males, aliada cos xudeus e os marxistas, identificadas coa República, sendo inimiga da Igrexa e do Movemento Nacional”.

García Díaz mencionou, tamén ós mestres de primaria que foron depurados acusados de masóns: Rafael Fernández Casas, Enrique Gippini Escoda, José María Pita Cendán, Pedro Minchón Minchón, Antonio Conde Asperot ou Jesús Mejuto Vázquez, María Carabaza Polanco, Antonio Alcántara Santos e José Martínez Virel. Juan José Morais Ruiz, interveu para dicir que no Diario falanxista de Cádiz, o 27 de maio de 1937 podíase ler un texto que dicía: "Crearemos campos de concentración para vagos e maleantes políticos, para masóns e xudeus. En territorio nacional non pode quedar nin un xudeu nin un masón nin un vermello". Este profesor lembrou como Franco sostiña que a masonería era un terrible inimigo que non se rende xamais. "A Franco non o quixeron na masonería. A masonería foi perseguida ao longo de toda a súa historia. Perséguese á masonería alí onde o sistema político é incompatible cun sistema de dereitos humanos e liberdade". Sinalou o profesor Morais como Franco estaba asombrado ao ver que o presidente de México, o presidente de Estados Unidos e que o primeiro ministro británico Churchil eran masóns". Este relator indicou que é necesario estudar ben a Franco para coñecer ben o que fixo, "porque o domingo en Italia, parece que vai gañar Benito Mussolini, nas eleccións. Como nos desentendamos, se cadra en España volve gañar Francisco Franco", referíndose claramente á onda de ultradereitismo que percorre Occidente, e que supón a ameaza dunha involución a tempos pasados xa superados.

Txema Oleaga Zalvidea, Gran Mestre da Gran Logia de España, salientou que Franco utilizou a Lei para facer 80.000 causas cando non había máis que uns cinco mil masones. El non entraría na masonería polo seu brutalismo militar en África. Por iso non se lle podía admitir na masonería, que defende outros valores. A masonería opera en países onde non está prohibida. Nela non hai nada raro senón a persecución de valores que beneficien á humanidade. Creo que rompemos prexuízos absurdos e hoxe a masonería é unha institución honorable e respectada".

Oleaga dixo que é difícil explicar que é a masonería. Masón vén de albanel, cada un de nós labra a súa propia pedra para construír o edificio da humanidade. Mencionou a tripla orixe desta institución e como a masonería moderna, actual, xurdiu no Londres de 1717, o 24 de xuño, cando catro logias crearon a Gran Logia de Londres.

Mar Sánchez Bergua, Gran Mestra da Gran Logia Feminina de España, dixo que a masonería é unha "vía para a transformación e desenvolvemento integral do ser humano. O rito de iniciación é un rito de paso que escenifica tránsito a medida que imos avanzando polos graos. Os símbolos que utilizamos veñen dos construtores de catedrais e outros edificios medievais . A nosa idea é traballar polo progreso da humanidade". As mulleres masonas defenden o mesmo que a masonería universal: "liberdade, igualdade, fraternidade, tolerancia e laicidade", sinalou esta relatora, que lembrou que hai moito camiño por percorrer na masonería feminina. esta interesante xornada de historia contemporánea en UNED Calatayud foi seguida por varias persoas no salón e por numerosas persoas que se conectaron @gratuitamente desde varios puntos de España. Bergua insistiu en que a masonería hoxe non é unha institución secreta "senón discreta".

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es