OURENSE, 1 de xullo de 2022. O Centro Asociado á UNED de Ourense xa dispón do primeiro dos niveis de Certificación da calidade do seu sistema de xestión: o correspondente á súa “Carta de Servizos”. As Cartas de Servizos son documentos que os Centros Asociados fan públicos para informar ós estudantes e á sociedade acerca dos servizos que ofrecen, os compromisos que o Centro adquire na súa prestación e as canles de comunicación e participación que se poñen ao dispor dos estudantes. O contido que debe ter a Carta de Servizos dun Centro Asociado foi aprobado polo Consello de Goberno da UNED e desenvólvese na guía de requisitos previos á certificación.
A publicación e rexistro da Carta de Servizos do Centro Asociado de Ourense permite visibilizar o seu compromiso coa boa xestión dos servizos que ofrece e poñer en valor os puntos críticos destes servizos. Tamén desta forma, o Centro sistematiza a revisión do contido da Carta de Servizos e dos compromisos ofrecidos, iniciando un proceso de mellora continua na xestión destes. E por último, ao tratarse dun documento público, o rexistro recoñece este traballo ben feito e conforme a uns requisitos cara a UNED, o estudantado e a sociedade en xeral.
UNED Ourense destaca na xestión das súas probas presenciais
O Centro de Ourense foi especialmente recoñecido neste proceso polas actividades relacionadas co sistema de organización de probas presenciais, xa que conta cun sistema duplicado e protexido cara apagamentos que garante o seu funcionamento en caso de posibles fallos na rede e nos equipos. Este sistema conta igualmente cunha configuración extra que simplifica e complementa o sistema oficial ofrecido pola UNED, permitindo seleccionar os equipos para utilizar en función das necesidades do momento.
UNED Ourense
Comunicación