Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

" Sempre chegaredes a bon porto se traballades con constancia todos os días"

2 de mayo de 2022

O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, reuniuse con estudantes de Bachalerato dos institutos de Trives, Viana e A Rúa para darlles a coñecer a UNED e o seu sistema de estudo.

Ourense, 2 de maio de 2022. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, reuniuse cos estudantes de Bacharelato dos institutos de ensino secundario Germán Ancochea, da Pobra de Trives; Carlos Casares de Viana do Bolo e Cosme López da Rúa. O obxectivo non é outro que mostrar a estes mozos que é a UNED e como se estuda nela. García Díaz díxolles que na UNED poden estudar 30 graos desde o próximo curso, sen nota de corte no acceso a graos. Lembroulles tamén que esta Universidade conta con nove Facultades e dúas Escolas Técnicas Superiores de Enxeñería máis dous institutos universitarios de investigación. "Tamén poderedes facer graos combinados o que fará que obteñades dúas titulacións en áreas de coñecemento afíns cursando menos de 360 créditos ECTS". 

O director expúxolles que na UNED van atopar flexibilidade dado que poden estudar e examinarse en calquera parte do mundo con acceso a internet. "Os prezos das carreiras son moi competitivos nesta universidade pública que vos ofrece formación semipresencial. Se creedes que a UNED é unha universidade en liña, estaredes equivocados". Tamén lles indicou que esta universidade conta coa maior infraestrutura tecnolóxica universitaria de España e que é unha universidade accesible ao contar coa maior unidade de apoio para os estudantes con discapacidade, a través de UNIDIS. "Cóntovos tamén que o calendario de exames é tan amplo como flexible desde calquera centro da UNED, e os equipos docentes son excelentes", dixo.

Nos tres institutos os alumnos seguiron con atención as explicacións de Jesús Manuel García. A todos quedoulles claro que estudar na UNED non é menos que estar noutra universidade: "A UNED é a universidade pública con máis estudantes de España e conta cun nivel de esixencia, o que indica que se te pos a estudar connosco terás unha boa formación e unha capacidade de autoorganización óptima. Podes estudar e vivir en calquera pobo das comarcas de Valdeorras, Viana e Trives, e terás unha excelente formación debido a ese nivel de esixencia, de modo que a nota de corte ponlla cada estudante a si mesmo. Nunca ides estar sós, se utilizades todos os recursos que vos pon a disposición a universidade, vos graduaréis cun nivel moi bo. Lémbrovos tamén que na UNED cada vez vemos máis estudantes novos, que acaban de facer a Selectividade e matricúlanse aquí. Esta Universidade permite, tamén aforrar cartos en residencias, pisos e manutención fóra da casa precisamente porque está en todas partes, vivades na vila cabeceira da comarca ou en calquera dos seus pobos". Nalgún destes institutos hai algún alumno que quere estudar pero non quere irse do seu pobo.

"Non pensedes nunca que algo é imposible de aprender da mesma maneira que vos digo que non esquezades que o aprendido custa moito traballo. Vós ides traballar no estudo, cando cheguedes á Universidade. É o que teredes que facer. E haberá que facelo da mellor maneira. Utilizade a bibliografía complementaria de cada materia, para lucirvos nos exames, que se vexa que sabedes movervos por ela. Lede moito, e que isto non vos asuste a algúns. Sempre chegaredes a bo porto se traballades con constancia todos os días. Cun horario fixo que establezades. O curso é como unha leira e cada materia, un tipo distinto de cultivo. Hai que regalas ben todas, traballalas ben para que non se nos seque a horta..." 

O director conecta ben cos mozos de modo que estes senten cómodos e agradecen coñecer a UNED. Jesús Manuel García insístelles en que acceder á universidade é outro nivel distinto ao que agora teñen "e alí seredes vós quen saquedes as vosas propias castañas do lume". "Acudide sempre que poidades á biblioteca que teñades máis preto, por ser un lugar de traballo apropiado para o voso traballo intelectual, lugar no que teredes documentación para enriquecer os vosos traballos. Lémbrovos que a Biblioteca Xeración Perdida de UNED Ourense ten todos os libros que se necesita nos diferentes graos. E que as peticións de libros á biblioteca central fanse e reciben na mesma semana", díxolles o director ourensán. E insistiu: "Afacédevos a confeccionar un vocabulario con palabras técnicas da área que estades a estudar. Enriquecede o voso vocabulario habitual, o que vos axudará dabondo no futuro para afrontar a redacción de traballos universitarios".

 Outro punto importante que García Díaz contoulles é o de contrastar as fontes de información e de estudo. "Exercitade o voso pensamento crítico e a vosa capacidade de síntese. E non vos esquezades nunca de aproveitar a vosa creatividade, pasando pola etapa universitaria con rigor, con ilusión. Vivimos nun mundo que nos mostra un auténtico océano de coñecemento. Por elo é necesario dispoñer de mecanismos de neutralización por iso é polo que é fundamental que vós, cando esteades na universidade, formédesvos con rigor e busquedes sempre a verdade. Julián Baggini dinos que establecer a verdade precisa de virtudes espistémicas como a modestia, o escepticismo, a apertura a outras perspectivas; espírito de indagación colectiva, disposición a enfrontarse ao poder, desexo de crear mellores verdades e a vontade de deixar que os feitos guíen nosa moral. Hai que buscar perspectivas alternativas que non se convertan en verdades alternativas senón que nos permitan enriquecer a verdade". 

O director de UNED Ourense recoñeceu que goza orientando aos estudantes, aclarándolles as dúbidas que se lles presentan. E o mesmo cos estudantes que din que non teñen intención de acceder aos estudos universitarios: "se vós superades a Selectividade e logo non vades á universidade, esa proba quedaravos sempre no expediente aprobada e facilitaravos acceder á universidade en calquera momento da vosa vida. Se non vos presentades tampouco á Selectividade, poderedes estudar na UNED facendo primeiro o Curso de Acceso. E o mesmo se o facedes sendo maiores de 25, 40 e 45 anos. Os que esteades a pensar en facer algún ciclo superior de FP, debedes saber que desde aí poderedes pasar á UNED". 

Os estudantes de Trives, Viana e A Rúa xa saben que se se gradúan na UNED, poderán, se é o seu desexo, doutorarse e para iso contan con 19 programas de doutoramento. E que nos exames presenciais poden presentarse no seu centro de referencia, neste caso Ourense, ou en calquera outro dos 60 centros restantes en toda España e mesmo, se se dese o caso, tamén poderían examinarse en calquera dos centros e aulas UNED no estranxeiro: en América están os centros de Buenos Aires, Caracas, Lima, México e Sao Paulo máis as aulas de Bogotá, Nova York, Quito, Santiago de Chile e Seattle. En Europa están os centros de Berlín, Berna, Bruxelas, Lisboa, Londres e París con aulas en Frankfurt, Munich, O Porto e Roma. E en África ten a UNED centros en Bata e en Malabo. Jesús Manuel García Díaz rematou así o percorrido pola zona oriental da provincia. Agradeceu a boa disposición dos equipos directivos dos tres IES visitados para que se coñeza a UNED entre os alumnos de Bacharelato. Nos próximos días prevense máis visitas a estes centros educativos da nosa provincia.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es