Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Filosofía, arte, patrimonio e paisaxe para o segundo cuadrimestre da UNED Senior en Ourense

24 de febrero de 2022

As clases mantéñense no centro cultural Marcos Valcárcel os luns e xoves pola tarde para estudantes maiores de 55 anos

OURENSE, 24 de febreiro de 2022. Comezou esta semana o segundo cuadrimestre na UNED Senior de Ourense no que os estudantes teñen clase os luns e os xoves, en horarios de 16.30 a 18.15 horas e de 18.30 a 20.15 horas. Deste xeito, os luns acoden ás materias Galicia en imaxes. Percorrido polas súas riquezas paisaxísticas, a cargo da docente Begoña Cádiz Rilo

A segunda clase dos luns é co profesor Anxo Domínguez López, que lles imparte Patrimonio histórico artístico e documental.

O director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García Díaz, estivo cos estudantes e coa coordinadora da UNED Senior, María Concepción Álvarez Gómez, para recibilos e agradecerlles o optar por enrolarse na UNED Senior, “que é unha sección moi querida na nosa UNED, pola ilusión que lle poñedes e os beneficios que vos reporta”, dixo.

García Díaz expuxo que nunca é tarde para seguir adquirindo coñecementos, e subliñou o beneficio social que produce esta sección da Universidade xa que mantén en activo a mente dos estudantes, que se sitúan nun rango de idades desde os 55 anos en diante. O feito de ler, estudar, atender nas clases e relacionarse co resto de compañeiros, impúlsalles a gozar e a facer os seus días distintos. “Para nós é un orgullo poder contar con todos vós desde hai xa varios anos. É magnífico ver como tendo a vosa vida feita, queredes seguir gozando co coñecemento. E facedes gala mesmo do lema da UNED, que di que a sabedoría mova máis que as cousas que se moven. Deséxovos un feliz cuadrimestre e que o gocedes con esas catro materias que vos axudan a pensar e a gozar coa beleza da arte, do patrimonio e do pensamento filosófico. Benvidos”.

Os xoves as dúas materias que se imparten son, á primeira hora Filosofía contemporánea, con Miguel Guerra Rodríguez, e Psicoloxía e Arte: a expresión das emocións a través da pintura, da man de Roberto Estévez Rodríguez. Todas as sesións son presenciais e teñen lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Os estudantes son cidadáns de máis de 55 anos. Este segundo cuadrimestre comezou o pasado luns, día 21, e esténdese ata o 13 de xuño. As clases interromperanse o 28 de febreiro, luns, polo Entroido, e entre o 11 e 17 de abril, debido á Semana Santa.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es