OURENSE, 20 de xaneiro de 2022. O proxecto da UNED de levar a divulgación científica aos centros escolares conta xa coa participación dun novo colexio. Trátase do Guillelme Brown, cuxo equipo directivo quixo sumarse a esta colaboración. A súa directora, Yolanda Valeiras Vázquez, expuxo que non dubidou en solicitar o apoio da UNED para non deixar de ofrecer neste centro a divulgación da ciencia. Como ela subliñou, o Guillelme Brown salienta, entre outras cousas, pola súa clásica Expociencia, que foi o xerme desa gran iniciativa que hoxe coñecemos como Galiciencia. Agradeceu á Universidade a súa disposición, celebrando esta colaboración que se materializou na firma dun protocolo.
O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, explicou que “esta Universidade quere estar na sociedade ourensá co que sabe facer: investigación e divulgación do coñecemento científico. Queremos implantar na provincia esta iniciativa porque fai ben á nosa sociedade, ao sementar coñecemento científico entre os escolares. Esta Aula inclúe talleres de electromagnetismo, de química así como de charlas científicas sobre paleontoloxía, arqueoloxía e historia, robótica e dixitalización, e tamén de Intelixencia Artificial”. Engadiu o director que os obradoiros están dirixidos por científicos da UNED cunha dilatada experiencia en divulgar.
Dixo que se celebran entre dúas e tres veces no curso durante toda unha mañá, para que os escolares poidan participar todos. Os talleres de química, titulados Isto chéirame a ciencia, están adaptados a todos os niveis non universitarios, desde Infantil. “Xa temos unha primeira experiencia co colexio Miraflores, agora súmase o Guillelme Brown e tamén o fará o CEIP Virxe de Covadonga. Estamos encantados de colaborar nesta acción tan importante de sementar para que xurdan vocacións científicas”.
Rosa María Martín Aranda, agradeceu a disposición do Guillelme Brrown dando as grazas a Yolanda Valeiras Vázquez “e ao noso director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, que é quen dispuxo que leve a cabo esta actividade na provincia porque ten iniciativa e sensibilidade para espallar o coñecemento”. A vicerreitora engadiu que divulgar a ciencia é unha nobre tarefa e púxose como exemplo, pois sendo unha escolar, abríuselle o interese por estudar ciencias “cando nunha ocasión leváronnos a ver o raio láser e ao contemplar como nos atravesaba o dedo, quedei fascinada. Aquilo cambiou a miña vida”.
Destacou a importancia desta acción que se promove desde UNED Ourense e que se enmarca dentro do programa do 50 aniversario da Universidade máis grande de España en estudantes. Indicou tamén que as novas tecnoloxías como a IA, o Big Data etc. van producir un cambio na investigación científica nos próximos anos, e os nenos e nenas ourensáns de hoxe teñen a oportunidade de coñecer rudimentos científicos que lles poidan animar a querer ser os científicos de mañá. Os obradoiros son totalmente experimentais onde os escolares levan a cabo probas guiados polos científicos da UNED de modo que a aprendizaxe prodúcese nun clima de bo humor e ilusión, de modo que os participantes adquiren o coñecemento daquilo que están a practicar.
Despois da Semana Santa chegase o primeiro taller ao Guillelme Brown, que tamén o fará aos outros dous centros escolares.
UNED Ourense
Comunicación