OURENSE, 02 de novembro de 2021.- O Colexio de Economistas de Ourense e UNED Ourense ofrecen o relatorio Criptomonedas para todos, que impartirá na cidade o profesor Alberto Muñoz Cabanes, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UNED. O lugar da conferencia é o salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, o 3 de novembro, ás 17.00 horas.
O acto organízao o Colexio de Economistas coa colaboración da UNED, froito do convenio que ambas as institucións rubricaron o pasado mes de xullo para impulsar accións na sociedade ourensá á que ambas serven.
Para asistir á conferencia é necesario inscribirse no seguinte correo electrónico: colourense@economistas.org ou chamando ao número de teléfono 988 21 48 44. A inscrición custa 10 euros. Os alumnos e titores da UNED, e os colexiados de Economistas Ourense non abonarán cantidade algunha.
Alberto Muñoz Cabanes é profesor Colaborador do Departamento de Economía Aplicada e Estatística da UNED, licenciado en Economía pola Universidade Complutense de Madrid. Ten un mestrado en Mercados Bolsistas e Derivados Financeiros, pola UNED e tamén é Doutor en Estatística Aplicada á Economía pola UNED, no 2008. A súa tese de doutoramento titúlase: Estimación de Riscos Financeiros mediante Cópulas.
As súas áreas de interese céntranse nas finanzas cuantitativas, na teoría de xogos e no trading algorítmico. Muñoz Cabanes é coautor de sete libros e tamén ten participado noutras cinco publicacións científicas.
UNED Ourense
Comunicación