Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Arranca con ilusión a UNED Sénior de Ourense

18 de octubre de 2021

Persoas maiores de 55 anos disfrutan coa volta ás aulas para seguir presencialmente as materias que elixiron e que imparten profesores especialistas, cada luns e xoves, no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

OURENSE, 18 de outubro de 2021.- Comeza a andar de novo a UNED Sénior en Ourense. Cada luns e xoves un nutrido grupo de cidadáns a partir dos 55 anos en diante, reúnense para seguir as clases para eles deseñadas neste programa tan celebrado da nosa Universidade, que como pública que é non se esquece dos máis veteranos da nosa sociedade para darlles tamén acceso ao coñecemento dun modo agradable para o seu goce. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, deu a benvida aos tres grupos (un os xoves, dous os luns). "Non sabedes a ledicia que nos produce volver atoparnos aquí, na vosa casa, véndonos cara a cara, sorrindo uns cos outros e , en suma, gozando outra vez xuntos tras este longo tempo escurecido pola pandemia, que tanto sufrimento trouxo". "Quero darvos a benvida cálida, e animarvos a todos a manter esta ilusión de volver atoparnos presencialmente nesta aula do Centro Cultural Marcos Valcárcel ao que tanto agradecemos esta importante colaboración, como á Deputación Provincial pola súa implicación con este proxecto", engadiu o director. 

Na aula respirábase precisamente ilusión por parte de todos os alumnos encantados de verse de novo, incluso quen se estrea na UNED Sénior ourensá. Nela danse cita persoas maiores da cidade e doutros puntos da provincia, que asisten ás sesións por eles elixidas e impartidas por profesores versados en cada un deses temas. "Grazas por elixir seguir alimentando vosa UNED Sénior, que é unha sección moi querida de nosa UNED Ourense. Vós sodes unha parte importante da gran comunidade universitaria da UNED na nosa cidade e provincia. Gozade moito deste curso", díxolles García Díaz. O director convidou a todos os veteráns a asistir ao solemne acto de inauguración do curso académico en UNED Ourense, previsto para o 27 deste mes.

Bó ambiente

Os alumnos destacan o bo ambiente que existe na UNED e que se transmite á UNED Sénior. Ilusión non lles falta, como á señora que se despraza cada semana desde Maside. Acoden ás clases, aprenden divertíndose, establecen relacións de amizade e teñen a mente activa. O director estivo acompañado pola coordinadora de UNED Sénior e secretaria do Centro Asociado de Ourense, María Concepción Álvarez Gómez. E os profesores Fabio Tabarés Santalices, Simone Gerolamno Saibene e Anxo Domínguez López, a quen o director felicitou xunto cos alumnos, por doutorarse recentemente cunha tese sobre a ourivaría relixiosa da diocese ourensá.

Cinema italiano, arte, literatura inglesa medieval e medio ambiente

Cada semana haberá dous días de clases, luns e xoves. Os luns constan neste primeiro cuadrimestre de dúas sesións polas tardes, a primeira de 16.30 a 18.30 horas e a segunda, de 18.30 a 20.30 horas. Os xoves, unha sesión desde as 18.30 horas.  

Para o primeiro cuadrimestre, do 14 de outubro de 2021 ao 14 de febreiro de 2022, impartiranse catro materias. Os luns, na primeira hora, Simone Gerolamo Saibene explicará A dolce vita do cinema italiano. Despois, o profesor Anxo Domínguez López impartirá Arte española do Renacemento. Os xoves, Fabio Tabarés Santalices estará á fronte da materia Gaia, un planeta que agoniza.O segundo cuadrimestre comezará o 21 de febreiro e estenderase ata o 13 de xuño de 2022 e constará doutras catro materias. Os luns, Begoña Cádiz Rilo impartirá Galicia en imaxes. Percorrido polas súas riquezas paisaxísticas. Seguiralle Anxo Domínguez López con Patrimonio histórico-artístico e documental. Os xoves Miguel Guerra Rodríguez explicará Filosofía Contemporánea mentres que Roberto Estévez Rodríguez fará o propio con Psicoloxía e Arte; a expresión das emocións a través da pintura.No primeiro cuadrimestre interromperanse as clases entre o 22 de decembro de 2021 e o 7 de xaneiro de 2022, ademais do 11 de novembro, festivo local. No segundo cuadrimestre non haberá clases o 28 de febreiro por ser Entroido, e entre o 11 e 17 de abril de 2022, por ser Semana Santa. UNED Sénior é un programa formativo dirixido a esas persoas maiores de 55 anos que buscan completar a súa experiencia profesional e coñecementos previos, sexan cales sexan, cunha formación que lle permita actualizarse e adquirir unha maior comprensión e participación na sociedade actual. A UNED pon á súa disposición unha formación actual e dinámica, orientada a temáticas de claro interese social e impacto local, tales como a tecnoloxía ou a informática aplicada, os idiomas, o benestar mental ou físico, o patrimonio ou a cultura autóctona nas súas máis diversas manifestacións.

Os nosos cursos impártense por expertos, cunha metodoloxía didáctica, flexible, participativa e práctica, adaptada a persoas como ti. É un programa de carácter esencialmente presencial. Con todo, e dado que a UNED pode achegar a formación en liña que lle é propia, o programa tamén ofrece esta modalidade de aprendizaxe, cando é necesario. Así sucedeu durante o curso que acaba de terminar, no que se emitiu unha soa materia. Se estás a pensar nunha universidade próxima, de calidade, que dá resposta ás túas necesidades e intereses como parte dun grupo social cada vez máis numeroso e activo, non o dubides, diríxete a UNED Ourense e matricúlate en UNED Sénior. Serás un máis dos case 8.000 estudantes sénior que anualmente pensan que nunca é tarde para aprender.

UNED Ourense

Comunicación

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es