OURENSE, 7 de outubro de 2021.- Na cuarta sesión das Xornadas sobre o legado de Antonio Palacios, seguimos en terras de Ourense, agora coa presenza do relator Felipe Senén López Gómez, que ás 19.00 horas, desde o salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, vai falar sobre
A Veracruz de O Carballiño na arquitectura de Antonio Palacios: Historia, teoría e simbolismo. O relator é un gran coñecedor desde singular templo da vila, o seu principal monumento por dereito propio. Vai ver unha sesión a de hoxe onde Felipe Senén amosará moitos detalles deste edificio que non deixa de asombrar a cantos o visitan.
O conferenciante de hoxe fixo os seus primeiros estudos no Instituto de Ourense, onde se vinculou como colaborador do Museo Arqueolóxico, dirixido entón por Ferro Couselo, sumándose igualmente ás actividades da agrupación cultural Auriense. Estudou Filosofía e Letras, especialidade de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, a un tempo que fixo prácticas de museoloxía e arqueoloxía co historiador Manuel Chamoso Lamas, participando igualmente como supervisor de campo nas prospeccións arqueolóxicas do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) e na ermida de San Guillermo de Fisterra. En 1975 reorganizou aspectos no Museo Arqueolóxico da Coruña, ubicado no Castelo de San Antón, sendo nomeado director-conservador. Coa ansia de abrir a institución do museo ó gran público e ás cuestións socioculturais da cidade e de Galicia, creou o colectivo de colaboradores e Amigos do Museo Arqueolóxico, que sería base para a formación do colectivo Amigos dos Museos de Galicia. Coa mesma ansia de dinamización e sensibilización sobre as cuestións arqueolóxicas e patrimoniais da cultura de Galicia, creou e dirixiu dende o museo coruñés o Boletín Brigantium e unha serie de publicacións, a un tempo que coordinaba traballos de prospección arqueolóxica submarina co Grupo de Investigación e rescate Arqueolóxico Subacuático (GIRAS), dirixido por Rafael Mejuto, na baía da Coruña e outras áreas da beiramar da provincia, intervindo en aspectos relativos á sensibilización sobre o patrimonio asulagado, lexislación, competencias, cuestións técnicas etc.
Dende o Museo Arqueolóxico coruñés iniciou igualmente o traballo de supervisión e posta en valor do Castro de Elviña. Comezando de 1978 a 1985 a consolidación e limpeza da área excavada a finais dos anos corenta por Luengo Martínez, xacemento na área periurbana coruñesa que tenta potenciar como importante recurso cultural e turístico. Traballos que, pese ós esforzos, paralízanse por falla de apoio institucional. Membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, numerario da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, na que ingresa cun discurso sobre “A auga e as fontes en Galicia”. Felipe Senén é numerario e secretario do Instituto Xosé Cornide de Estudos Coruñeses, no que foi recibido cunha disertación sobre Cuestións Arqueolóxicas e Museolóxicas: revisión dende o Museo Arqueolóxico da Coruña (1994), na que se detén en cuestións profesionais de presente e futuro relativas ó Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, Castro de Elviña e Torre de Hércules.
No 1996 pediu excedencia no Museo Arqueolóxico da Coruña e pasou á Deputación Provincial da mesma cidade como Técnico de Xestión Cultural, inspirando e coordenando plans de dinamización cultural, museoloxía e recuperación do patrimonio cultural moble, inmoble e ideolóxico, así como a posta en valor de ecomuseos, tan significativos como ponte entre pasado e presente para entender as bases culturais dunha Galicia rural en transformación.
Senén fixo unha importante laboura na dinamización cultural galega, pois foi fundador da asociación cultural Avantar do Carballiño, Alexandre Bóveda da Coruña, do semanario A nosa Terra, da revista de pedagoxía o Ensino, coas que colabora con artigos de divulgación e sensibilización sobre o patrimonio cultural de Galicia. Aspectos que ininterrumpidamente trata en diferentes medios de comunicación de Galicia e moi especialmente en conferencias por diferentes colectividades galegas, asociacións culturais ou universidades do Estado, Europa e América. Creador e animador de Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña, pola súa actividade recibe en 1994 o Premio Otero Pedrayo, inspiradora e base de Amigos dos Museos de Galicia, colectivo con espacio de cultura propio e vida cultural ininterrumpida en Portas Ártabras na Cidade Vella coruñesa, asociación pioneira na sensibilización sobre a inmensidade do patrimonio cultural de Galicia, con iniciativas como o “Premio Pedra do Destino” á defensa do patrimonio cultural e as “xeiras” ou excursións guiadas ó longo de todo o ano por Galicia, como un xeito de “coñecer para querer e defender o patrimonio”
Felipe Senén está preocupado pola linguaxe simbólica na tradición galega, así como pola posta en valor do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, aspectos que desvela incluso na súa faceta artística, especialmente como ilustrador, cartelista e pintor. Con obra dirixida a diferentes niveis de comprensión, os que fundamentalmente van da divulgación ó ensaio, participa en múltiples publicacións, artigos nos medios de comunicación de Galicia, folletos, guías, programas de radio, TV, prologuista, autor de varios libros, especialmente sobre cuestións en relación coa identidade cultural e recursos turísticos, entre moitos outros vinculados á investigación arqueolóxica ou histórica, expostos en congreos, conferencias, etc.
Nomeado “Chairego de Honra” (2010), e premiado coa “Navalla Manuel María” (2014) pola Irmandade Manuel María de Estudos Chairegos; galardoado como “Bo e Xeneroso” pola Fundación Eduardo Pondal (2014); tamén é Premio Arentia do Carballiño (2015), entre outros.
UNED Ourense
Comunicación