OURENSE, 30 de setembro de 2021.- Este luns, día 4 de outubro, comezan en Ourense as Xornadas que a UNED organizou para revisar o legado do arquitecto Antonio Palacios. O acto inaugural terá lugar ás 19.00 hrs no salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, a cargo do director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz. O primeiro relator será o arquitecto José Luis Varela Alén, que presentará a conferencia titulada: A perpetua trasfega palaciana: O Porriño, Vigo e contorna.
Varela Alén formouse na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña da UDC (1994). É doutor arquitecto Cum Laude desde setembro de 2020 por esa universidade. Membro do grupo de investigación da UDC, Paisaxe, arquitectura e cidade ( pARQc), desenvolveu os cargos de presidente e secretario da Comisión de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (1999-2011), É, ademais, docente de ensino secundario e bacharelato na especialidade de debuxo (1999), e exerce a actividade profesional e investigadora no seu propio estudo, froito da cal son os seguintes libros: Eduardo Rodríguez Losada Rebellón, Arquitecto, 2010; Espazos de Cultura. 35 anos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. 1973-2008, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela, 2009; Arquitecturas non papel. Vigo 1933/41, Concello de Vigo-Fundación Caixa Galicia, Vigo, 2007 e Arquitectura racionalista en Vigo, 2004. Ten tamén capítulos de libros: "Espazos de para o ensino 4. Novos estudos sobre arquitectura docente en España" en VVAA. Alejandro Gómez García (coordinador); "Desiderio Pernas: fundamentos e desenvolvemento do espazo pedagóxico", Madrid, 2016. Conta tamén con artigos en revistas, entre eles, “A arquitectura escolar de Desiderio Pernas en Vigo. A modernidade a través do material”, en ZARCH, nº 04. Journal of interdisciplinary studies in Architecture and Urbanism; “A relevancia do material”, Departamento de Arquitectura. Universidade de Zaragoza. 2015. A conferencia, así como todas as Xornadas, poderase seguir presencialmente no propio salón de actos. Para seguila en llínea así como para obter 0,5 créditos ECTS e o diploma da UNED, é preciso matricularse na seguinte ligazón .
UNED Ourense
Comunicación