OURENSE, 10 de xuño de 2021.- A UNED Sénior de Ourense volverá retomar a súa actividade tras a pandemia o 14 de outubro, co inicio do primeiro cuadrimestre do curso académico 2021-2022. Cada semana haberá dous días de clases, luns e xoves. Cada un deses días constan de dúas sesións polas tardes, a primeira de 16.30 a 18.30 horas e a segunda, de 18.30 a 20.30 horas. O lugar de celebración é o Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Para o primeiro cuadrimestre, do 14 de outubro de 2021 ao 14 de febreiro de 2022, impartiranse catro materias. Os luns, na primeira hora, Simone Gerolamo Saibene explicará A dolce vita do cinema italiano. Despois, o profesor Anxo Domínguez López impartirá Arte española do Renacemento. Os xoves, á primeira hora haberá Literatura inglesa medieval, coa docente Ruth Murias Román, e despois Fabio Tabarés Santalices estará á fronte da materia Gaia, un planeta que agoniza.
O segundo cuadrimestre comezará o 21 de febreiro e estenderase ata o 13 de xuño de 2022 e constará doutras catro materias. Os luns, Begoña Cádiz Rilo impartirá Galicia en imaxes. Percorrido polas súas riquezas paisaxísticas. Seguiralle Anxo Domínguez López con Patrimonio histórico-artístico e documental. Os xoves Miguel Guerra Rodríguez explicará Filosofía Contemporánea mentres que Roberto Estévez Rodríguez fará o propio con Psicoloxía e Arte; a expresión das emocións a través da pintura.
No primeiro cuadrimestre interromperanse as clases entre o 22 de decembro de 2021 e o 7 de xaneiro de 2022, ademais do 11 de novembro, festivo local. No segundo cuadrimestre non haberá clases o 28 de febreiro por ser Entroido, e entre o 11 e 17 de abril de 2022, por ser Semana Santa. A matrícula farase en liña a partir do 15 de setembro.
UNED Sénior é un programa formativo dirixido a esas persoas maiores de 55 anos que buscan completar a súa experiencia profesional e coñecementos previos, sexan cales sexan, cunha formación que lle permita actualizarse e adquirir unha maior comprensión e participación na sociedade actual. A UNED pon á súa disposición unha formación actual e dinámica, orientada a temáticas de claro interese social e impacto local, tales como a tecnoloxía ou a informática aplicada, os idiomas, o benestar mental ou físico, o patrimonio ou a cultura autóctona nas súas máis diversas manifestacións.
Os nosos cursos impártense por expertos, cunha metodoloxía didáctica, flexible, participativa e práctica, adaptada a persoas como ti. É un programa de carácter esencialmente presencial. Con todo, e dado que a UNED pode achegar a formación en liña que lle é propia, o programa tamén ofrece esta modalidade de aprendizaxe, cando é necesario. Así sucedeu durante o curso que acaba de terminar, no que se emitiu unha soa materia. Se estás a pensar nunha universidade próxima, de calidade, que dá resposta ás túas necesidades e intereses como parte dun grupo social cada vez máis numeroso e activo, non o dubides, diríxete a UNED Ourense e matricúlate en UNED Sénior. Serás un máis dos case 8.000 estudantes sénior que anualmente pensan que nunca é tarde para aprender.
UNED Ourense
Comunicación