Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Os algoritmos evolutivos e as súas aplicacións centran a conferencia de IA na UNED este venres 

13 de abril de 2021

O doutor Enrique J. Carmona explicará o mundo da computación evolutiva, unha rama da Intelixencia Artificial, a partires das 12.00 horas 

OURENSE, 13 de abril de 2021.- O profesor Enrique Carmona, da UNED é o convidado esta semana no Seminario de IA da nosa Universidade en Ourense, que se emite desde o Centro de Intelixencia Artificial da cidade. O doutor Carmona falará de Algoritmos evolutivos e as súas aplicacións.   

No relatorio fará unha introdución ao mundo da Computación Evolutiva, unha rama da intelixencia artificial que aborda a resolución automática de problemas de optimización mediante o uso dunha serie algoritmos, denominados algoritmos evolutivos, que están inspirados en diferentes mecanismos da evolución natural. Durante a presentación tamén se analizará as vantaxes e inconvenientes deste tipo de algoritmos e, en consecuencia, establecerase en que tipos de problemas é aconsellable ou non a súa utilización. “Finalmente, mostraranse diferentes exemplos de aplicación dos algoritmos evolutivos, baseados en traballos que foron desenvoltos tanto no seo do noso grupo de investigación  SIMDA da UNED como noutros grupos de investigación”, sinala Carmona.

Enrique  J.  Carmona é doutor pola UNED e enxeñeiro electrónico pola Universidade de Granada. Actualmente, é profesor titular no Departamento de Intelixencia Artificial da UNED, onde desempeña labores tanto docentes como investigadoras. No pasado, tamén desempeñou postos de enxeñeiro en diferentes empresas privadas. As súas áreas de interese abarcan diferentes disciplinas, tales como a computación evolutiva, a aprendizaxe automática e a visión artificial. Actualmente, a súa investigación céntrase no procesamento  computacional de imaxe médica e na aplicación dos algoritmos evolutivos a diferentes dominios (imaxe, matemáticas e deseño automático). É autor de diferentes traballos de investigación publicados en revistas de alto impacto.

Este seminario da UNED en Ourense conta co apoio económico do Vicerreitorado de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica.

O relatorio poderá seguirse desde esta ligazón.

UNED Ourense

Comunicación

 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es