OURENSE, 9 de marzo de 2021.-As Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente que organizan UNED Ourense e a Uvigo chegaron hoxe ao segundo e último día de relatorios. Nesta ocasión os seguidores poden coñecer detalles de dúas aplicacións da historia social, unha no exército e outra na infancia.
Sobre a infancia, o profesor Óscar Rodríguez García, sinalou que o interese das distintas Ciencias Sociais pola infancia ao longo do século XX “é inseparable dos debates políticos sobre o lugar social que a infancia ten que ocupar na sociedade desde as primeiras décadas do século do neno, e que teñen como fitos a materialización da Declaración de Xenebra dos Dereitos do Neno (1924), a Declaración dos Dereitos do Neno das Nacións Unidas (1959) e a Convención sobre os Dereitos do Neno (1989)”. Pese a ese interese, Rodríguez indicou que “as distintas achegas disciplinares (Socioloxía, Antropoloxía, Historia…) a este campo de estudo ocupáronse indirectamente e de xeito instrumental dos nenos e nenas sen consideralos unha unidade de análise propia e sempre formando parte de investigacións dos contextos de socialización tradicional da infancia, a familia e a escola”.
“No caso da nosa disciplina, os últimos rumbos da historiografía, coas achegas da Demografía histórica, da Historia da educación, da familia, ou das relacións de xénero, permitiron que os nenos e nenas foran posibles suxeitos de estudos históricos, o que provocou, á súa vez, que pasaran de ser unha categoría social invisible a unha visible”, manifestou este profesor.
Como obxecto historiográfico recente, engadiu, “a infancia na investigación histórica toma forma desde diversas influencias. Primeiramente, partiuse do francés P. Ariés que con “El niño y la vida familiar en el Antiguo Régimen” inicia esta especialidade desde unha perspectiva da historia das mentalidades. Un aporte natural é o da Historia social, que cos primeiros aportes da Socioloxía á historia (Émile Durkheim, Max Weber, Norbert Elías…) e desde a perspectiva dos sentimentos e da relación no fogar, incorpora o papel do neno como un elemento fundamental na sociedade conxugal, posibilitando a pescuda das condicións de vida dos menores, dificultado pola escaseza de fontes e a percepción da incapacidade do adulto para entender a perspectiva histórica da infancia”. Ao mesmo tempo, Rodríguez salienta “os aportes do Estruturalismo, especialmente o francés, e concretamente o modo persoal co que usaba ese método M. Foucault para os seus estudos críticos das institucións sociais. Por último, salientar o interesante debate a tres frontes suscitado entre os enfoques de Ariés, rebatido por Lloyd De Mause desde unha perspectiva “psico-histórica”, próxima á Historia das mentalidades. Ambas teses para Linda Pollock móstranse interpretativas en exceso, xa que as fontes de ambos son para a profesora británica pouco fiables, e propón outras achegas documentais”.
O “descubrimento” da infancia polos historiadores “móvese, deste xeito, entre a percepción da infancia nun tempo histórico -trato/sentimento cara á infancia-, como visión externa da nenez centrada na súa socialización nas institucións clásicas -familia, escola, estado-, até a reconstrución das vivencias da nenez a través de fontes secundarias e a cultura material. Esta achega da Historia supuxo un aporte fundamental para o resto de disciplinas sociais con interese na infancia, ao reparar nela como unha construción sociohistórica. Aporte este destacado para a socioloxía, que partirá desta tese para dar forma a unha subdisciplina con entidade propia dentro da propia Socioloxía e que ten por obxecto a infancia como unidade propia de estudo”, dixo o ponente.
Nas últimas décadas do século XX a Socioloxía da infancia tomou forma grazas aos aportes de autores como Chris Jenks, Alan Prout, Allison James, Berry Mayall, Williams Corsaro o Jens Qvortrup que comezaron a propor “unha nova perspectiva sociolóxica de achega á infancia cunha intensa actividade no plano da investigación e da reflexión teórica, orientadas ambas por tres obxectivos principais:
En definitiva, sinala Óscar Rodríguez, a infancia como obxecto e suxeito na Historia tivo un proceso semellante, pero sen un marco teórico e conceptual “que puxera o foco na infancia como campo disciplinar propio e como construción sociohistórica, co que un diálogo coa Socioloxía da infancia permite ao historiador repensar a nenez desde novos parámetros”. O aporte teórico, conceptual e metodolóxico da Socioloxía da infancia, xunto coas ferramentas do historiador “permitiríanos un acercamento á nenez como fenómeno social, así como estudar as relacións de poder que desenvolven as nenas e nenos entre si e coas persoas e institucións adultas desde un punto de vista xeracional. Esta achega sociohistórica á infancia supón un suxestivo paradigma de análise que permite aos investigadores unha sistematización do estudo da infancia como compoñente esencial e permanente das sociedades”, rematou o ponente.
Ver o relatorio de Óscar Rodríguez.
Para o caso do exército, falou o profesor Luis Velasco Martínez, quen fixo unha aproximación á relación da historiografía coa socioloxía mediante a historia militar de España. Se identifican algunhas ferramentas e algúns autores da socioloxía de utilidade para interpretar a historia militar española no século XX.
Ver o relatorio de Luis Velasco Martínez.
A terceira xornada, estará dedicada á realización dunha serie de actividades que permitirá obter o certificado/diploma. Esas actividades pódense consultar premando aquí.
UNED Ourense
Comunicación