OURENSE, 16 de decembro de 2020.- Cada vez máis empresas danse conta do potencial que teñen as técnicas de Intelixencia Artificial para optimizar procesos e reducir custos na toma de decisións sobre un volume importante de datos. "Con todo, non é sinxelo concretar esta primeira intuición en casos de uso realmente efectivos. Isto supón un risco económico para a empresa e, por tanto, unha barreira á hora de embarcarse nun proxecto de innovación", sinala Anselmo Peñas Padilla, catedrático de Informática na UNED, que falará este venres, 18 de decembro, ás 12.00 horas, no seminario de Intelixencia Artificial (IA) que organiza a UNED en Ourense, con apoio económica do Vicerreitorado de Investigación e Transferencia do Coñecemento. A súa charla emitirase desde o Centro de Intelixencia Artificial de Ourense e estruturarase en tres partes: en primeiro lugar, o papel que poden desempeñar os proxectos de transferencia de coñecemento en Intelixencia Artificial para a captación de fondos dirixidos á dixitalización das empresas. En segundo lugar, o papel que pode desempeñar a Universidade para, por unha banda, definir casos de uso adecuados para o modelo de negocio da empresa e, por outra, acceder a axudas e deducións que permitan reducir o risco do investimento. Por último, o catedrático ofrecerá algúns exemplos concretos de colaboración expostos entre a UNED e algunhas empresas no ámbito da Intelixencia Artificial.
Anselmo Peñas é Catedrático de Informática na UNED, premio extraordinario de doutoramento e premio da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural. Na actualidade ten tres sexenios de investigación e un sexenio de transferencia. Participou en numerosos proxectos de investigación nacionais e europeos nos ámbitos da Intelixencia Artificial, o Acceso á Información e o Procesamento da Linguaxe Natural, ámbitos nos que publicou máis de 80 artigos. Desde 2007 ata 2015 coordinou as campañas europeas de avaliación de sistemas de pregunta-resposta en varios idiomas (CLEF QA). Tamén foi coordinador internacional do proxecto READERS (2013-2015) e investigador principal do proxecto LIHLITH- KIQA (2018-2020). Na actualidade dirixe o proxecto VIGICOVID orientado ao desenvolvemento da tecnoloxía que permita responder preguntas sobre a COVID-19 a partir de publicacións científicas. En 2009 realizou unha estancia de investigación dun ano no Instituto de Ciencias da Información da Universidade do Sur de California e en 2006 outras estancia de seis meses na Universidade de York. En 2015 fundou a empresa Jóvenes Inventores Tecnología y Educación SL, spin- off da UNED dedicada ao desenvolvemento e aplicación de metodoloxías educativas para o ensino da programación e a robótica en primaria e secundaria. Desde 2012 dirixiu numerosos proxectos de transferencia con empresas ao amparo do artigo 83 da Lei de Universidades.
Poderás seguir a sesión do venres 18 ás 12.00 hrs premando aquí.
UNED Ourense
Comunicación