Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O doutor Rodríguez Anaya falará este venres sobre a aplicación da IA ás contornas educativas no seminario organizado pola UNED en Ourense

9 de diciembre de 2020

O relatorio, que é o terceiro da serie promovida pola ETSII da Universidade Nacional de Educación a Distancia poderase seguir en directo ás 12.00 horas en liña.  

OURENSE, 9 de decembro de 2020.-Este venres, día 11, continúa o seminario de Intelixencia Artificial (IA) que a UNED está a desenvolver en Ourense. Así, ás 12.00 horas, poderase seguir en liña o relatorio titulado: AI aplicada a contornas educativas a distancia e sociais, a cargo do profesor investigador doutor Antonio Rodríguez Anaya, do Departamento de IA da UNED. Nesta intervención, o relator fará unha introdución á Intelixencia Artificial en contornas educativas, mostrando as diversas correntes que relacionan a educación coa Intelixencia Artificial. Profundará en contornas educativas a distancia poñendo a énfase na parte social cuxo obxectivo é mellorar a docencia minimizando o inconveniente da distancia e illamento dos estudantes. Mostraranse varios exemplos de ferramentas tecnolóxicas como o obxectivo anterior. Este seminario organizado pola UNED se desenvolve en colaboración co Centro de Intelixencia Artificial de Ourense.

Rodríguez Anaya é licenciado en CC. Físicas, especialidade Astrofísica desde 1999, e Doutor en Intelixencia Artificial desde 2009. Actualmente é profesor contratado doutor do Departamento de Intelixencia Artificial da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), membro do grupo de investigación  aDeNu da UNED. É autor de publicacións científicas en revistas de impacto e congresos nacionais e internacionais. Participou en proxectos de investigación nacionais e europeos, e en proxectos de innovación docente como coordinador e participante.

A súa actividade investigadora centrouse na aplicación de técnicas de minería de datos en diferentes contextos, aínda que moi especialmente para analizar os procesos de aprendizaxe en contornas colaborativas e sociais.

A súa actividade docente en grao e en posgrao está ligada á análise e desenvolvemento de contornas colaborativas e redes sociais, así como en sistemas adaptativos de ensino e aprendizaxe.

Realizou varias estancias breves no estranxeiro como o  Fraunhofer  Institut:  Angewandte  Informationstechnik en  Sankt  Augustin, Alemaña; no Max  Planck  Intitute  für  Astronomie en  Heidelberg, Alemaña, e no  Dipartimento dei  Fisica  dell’  Università dei Pisa en Pisa, Italia. 

Para seguir o relatorio en liña, premar aquí.

UNED Ourense

Comunicación

 

 

Carretera de Vigo Torres do Pino  s/n Baixo 32001 Ourense - . Tel. 988371444 info@ourense.uned.es