OURENSE, 22 de xullo de 2020.- O profesor titor de UNED Ourense e profesor titular da Uvigo, doutor Julio Prada Rodríguez, é un dos tres editores do libro En Transición. Europa e os retos da representatividade, que acaba de publicar a editorial Catarata. Xunto a Prada están os tamén profesores doutores Emilio F. Grandío Seoane e José Ramón Rodríguez Lago. Transcorridos máis de corenta anos desde a aprobación do texto constitucional vixente, a historiografía progresou de forma notable no coñecemento dos diversos vectores que resultaron decisivos no noso particular proceso de transición á democracia.
As dialécticas e os consensos entre as diversas orientacións políticas e sociais que se reflectían na conformación do Estado víronse influídas, á súa vez, polas dinámicas transnacionais e as redes locais, sempre co horizonte da integración europea como elemento de referencia. As demandas dun marco socioeconómico en estado de ebulición compaxináronse así cos intentos por ofrecer un marco político institucional que, respondendo a tales retos, resultase compatible cos parámetros esixidos polas institucións comunitarias.
Os ámbitos locais, provinciais e rexionais convertéronse á súa vez nun marco privilexiado de experimentación das novas formas de reivindicación social e representatividade política. Todas estas realidades son tratadas nesta obra conxunta, na que participan algúns dos mellores especialistas no temáticas obxecto de reflexión.
Trátase dunha obra na que participan os seguintes investigadores: Julio Prada Rodríguez, Emilio Grandío Seoane, José Ramón Rodríguez Lago, Antonio Moreno Juste, Sethelos Isidoros Balios, Misael Arturo López Zapico, Carlos Sanz Díaz, Sergio Molina García, Luís Domínguez Castro, Guillermo García Crespo, Julio Ponce Alberca, Carlos Domper Lasús, Juan Carlos Colomer Rubio, Anna Pelka, David Martínez Pérez, Xabier Ron Fernández, Irene Tomei Urresti, Arturo Real López, Brais Ferreiro Ares e Enya Antelo Alvite.
Neste libro fálase do tardofranquismo e a transición coa axenda europea e os retos da representatividade política. Tamén se dedica un espazo para tratar a construción europea desde o sur, ou o papel de Grecia e de España, pasando da ditadura á CEE no período 1974-1979 coa integración na CEE como obxectivo durante as transicións democráticas e o seu impacto nas relacións bilaterais.
Tamén se analiza como a diplomacia estadounidense viu ou recibiu os procesos transicionales de España e de Portugal e o seu camiño cara a Europa. Neste traballo tan completo analízase igualmente a República Federal de Alemaña #ante os procesos de adhesión de Portugal e España á CEE. Estes son algúns dos temas tratados nunha publicación composta por 17 capítulos de gran interese para coñecer os estudos máis recentes sobre este campo das transicións á democracia e o ingreso na CEE.
UNED Ourense
Comunicación